o aniversario da Revolución Socialista de Outubro debe ser entendido non como unha excusa para a nostalxia, senón como unha oportunidade para profundizar no seu estudo, lembrar e difundir o seu significado entre o noso pobo e internacionalmente, salientar os seus innumerábeis logros e tamén para nos apoiar no pasado para construír a memoria do noso futuro

Hai cen anos comezaba unha nova etapa para a humanidade por medio do acontecemento máis importante na súa historia. Nas máis difíceis circunstancias, a revolución socialista triunfaba non só para demolir un antigo e extenso imperio, senón para inaugurar a época do paso do capitalismo ao socialismo, da opresión á liberdade, da vella á nova e superior forma de sociedade.

Orgullámonos da historia do comunismo mundial na que nos identificamos. As armas forxadas na revolución e probadas no lume do combate son un patrimonio que atesouramos e valoramos. Mais o aniversario da Revolución Socialista de Outubro debe ser entendido non como unha excusa para a nostalxia, senón como unha oportunidade para profundizar no seu estudo, lembrar e difundir o seu significado entre o noso pobo e internacionalmente, salientar os seus innumerábeis logros (materiais, sociais, ideolóxicos, culturais, científicos, educativos, deportivos, nacionais…) e tamén para nos apoiar no pasado para construír a memoria do noso futuro aínda pendente, para mobilizar todas as forzas posíbeis polo socialismo.

O seu coñecemento permitiranos preparanos mellor para a loita pola liberdade, a independencia e o socialismo, conscientes da necesidade de desenvolver a organización revolucionaria desde as condicións propias da Galiza do século XXI. Non obstante, algunhas das leccións máis relevantes de Outubro, e do desenvolvemento específico do marxismo por Lenin e os bolcheviques, son de extraordinaria vixencia: a caracterización do imperialismo -hoxe nunha fase moito máis avanzada- como a etapa actual do capitalismo e do marxismo-leninismo como o marxismo propio desta etapa; a relevancia da construción do partido comunista e da vangarda revolucionaria; a posibilidade de que a revolución socialista triunfe inicialmente nun grupo de países ou nun país; o carácter central da estratexia e a consideración da insurrección como arte, a organización da revolución a partir dunha situación propicia e dunha política de alianzas congruente cunha determinada formación social; o papel do Estado e a ditadura do proletariado, etc…

A vitoria contrarrevolucionaria hai un cuarto de século, que levou á desaparición da Unión Soviética dos estados socialistas en Europa, debe ser entendida como unha importantísima derrota que sen embargo non elimina nin o carácter fundamental nin as necesidades da nosa época. Polo contrario, os seus efectos son visíbeis no avanzo da dominación capitalista e imperialista, que entrou nunha nova fase máis agresiva, que destrúe cotiamente as condicións de vida dos pobos do mundo, recorre continuamente á agresión e á guerra, destrúe os hábitats e os recursos, e mesmo ameaza a supervivencia da vida no planeta. A loita incesante de millóns de comunistas en todo o mundo, o exemplo de resistencia de Cuba e de moitos pobos oprimidos, a capacidade de reorganización e a forza da clase obreira permitirán o desenvolvemento da loita de clases no século XXI até a vitoria.

A práctica é o criterio da verdade. Sabemos da seriedade e gravidade das dificuldades obxectivas e subxectivas para o desenvolvemento da nosa loita. Mais como comunistas acreditamos na forza da clase traballadora para afrontar a loita de clases, corazón do proceso revolucionario, aínda en circunstancias máis duras que as actuais. Comprometémonos a desenvolver unha estratexia revolucionaria contra o capital, desde a defensa innegociábel dos dereitos dos pobos e a necesidade da conquista do poder para a clase traballadora, a partir da nosa realidade de nación oprimida e sen esquecer as nosas tarefas internacionais, inseparábeis das nacionais. Desde a loita e a organización tomaremos o noso Palacio de Inverno.

Un novo mundo sen opresión, sen miseria nin fame é posíbel, mais non chegará só: haberá que conquistalo. A revolución de Outubro é unha bandeira para nós, para todos os tempos e todos os países, un camiño aberto hai un século que agarda as pegadas das traballadoras e traballadores do globo. A esperanza que prendeu en Outubro medrará como chama xigante na Galiza e en todo o mundo.