A República Catalana só poderá construírse desde a unilateralidade, a confrontación co Estado, e a aprobación autónoma e desobediente dun novo marco xurídico e aparello administrativo. En realidade, trátase dunha experiencia que é común á boa parte das nacións que foran capaces de se liberar da dominación dun Estado alleo.

O Movemento Galego ao Socialismo participa hoxe na Diada, Día Nacional de Catalunya, nunha nova xornada de mobilización en favor da independencia. O MGS envólvese nesta mobilización coa participación dunha delegación, encabezada por Breixo Lousada, do departamento de Relacións Internacionais, que participou onte nunha reunión convocada pola Candidatura d’Unitat Popular e marcha hoxe na manifestación de Barcelona.

Tras un longo proceso de ruptura, sustentado precisamente nesta dinámica popular e agora con maioría e amplo respaldo parlamentario, o pobo catalán sitúase ás portas da independencia e da construción da República Catalana, o que representará un paso de xigante para o conxunto dos Países Cataláns, e un duro golpe para o Estado Español e o seu réxime, evidentemente o mesmo que tamén somete ao noso pobo.

Queremos tamén aproveitar a ocasión para extraer novas leccións do proceso desenvolto en Catalunya. Existe naquel país unha longa tradición de intentos federalistas, xestión de institucións autonómicas e negociación co Estado; mais á hora de exercer os dereitos nacionais, e polo tanto de se ocupar da cuestión do poder, todos os ensaios, chamadas ao diálogo e xestos foron igualmente futís. Por outra parte, tamén existe outro longo camiño que intentou superar a sumisión e construír a liberdade colectiva, en condicións moi duras.

A toma de conciencia colectiva tornou maioritaria esta segunda traxectoria, que agora se atopa nas súas últimas etapas. Manifestacións masivas nos últimos anos, consultas sobre a autodeterminación nos municipios, unha consulta organizada desde a Generalitat, e finalmente unhas eleccións plebiscitarias que reflectiron unha maioría parlamentaria a favor da independencia: a resposta do Estado foi sempre a mesma, que non existe máis soberanía que a do pobo español, tal e como afirma a Constitución ilexítima do 78, e que polo tanto non existen alternativas. O pobo catalán non ten diante de si máis camiños que o da desobediencia á lexislación española e ás súas institucións, que se negan reiteradamente a recoñecer a autodeterminación a unha comunidade nacional tan determinada e decidida a exercela. Fronte ás urnas que reclama o pobo catalán para constituír un Estado independente, enfronte non existen máis que ameazas, persecucións e o anunciado desplegamento da represión.

Neste contexto, a República Catalana só poderá construírse desde a unilateralidade, a confrontación co Estado, e a aprobación autónoma e desobediente dun novo marco xurídico e aparello administrativo. En realidade, trátase dunha experiencia que é común á boa parte das nacións que foran capaces de se liberar da dominación dun Estado alleo. O maior erro posíbel para un movimento de liberación nacional sería subordinarse á oligarquía dominante e tratar de reformar o Estado que esta criou á súa medida, no noso caso a España herdada do réxime franquista na súa forma prlamentaria e monárquica. A ruptura debe depender exclusivamente da capacidade de organización e mobilización do pobo para materializar a súa vontade democrática, é unilateral e engarza con todas as aspiracións populares.

Desexamos ao pobo catalán o maior dos éxitos na xornada de hoxe e nos intensos meses que veñen por diante, nos que agardamos a reactivación dunha inmensa mobilización popular que garanta a conquista da soberanía, cun punto de referencia no referendum que confirme a Declaración da República Catalana. Enviamos en especial un saúdo internacionalista e revolucionario á CUP e a Poble Lliure, organizacións coas que compartimos os mesmos anceios de liberación nacional e social, de combate patriótico e de esquerdas. Pola nosa parte, comprometémonos a impulsar desde a Galiza a máxima solidariedade internacionalista, a denunciar as novas manobras do Estado, e a dinamizar o noso propio movemento pola ruptura democrática, que contribúa a debilitar o réxime e avanzar na nosa liberación nacional e social.