As 80.000 persoas que decidiron apoiar o BNG nestas eleccións sabían que estaban a apoiar unha forza que centra o seu discurso na soberanía nacional, e configuran unha base moi interesante desde a que continuar o proceso de fortalecemento do nacionalismo de esquerda.

valoraeuropeias

As eleccións europeas que se celebraron o pasado 25 de maio producíronse nunha situación de grave crise económica e de fondo conflito social asociado a ela. Tratábase dunha ocasión propicia para que os pobos manifestasen un rexeitamento claro e contundente contra as políticas de austeridade impostas pola UE e contra as organizacións da dereita que as impulsionan. Esa contestación produciuse, sen dúbida, verificándose nas maiores quedas de apoio e votos que sofreron os partidos do sistema en décadas, e coa irrupción de forzas aparentemente antisistémicas, tanto da banda da extrema direita como da banda da esquerda de discurso reformista.

No caso de Galiza, alén desta situación, que tamén se dá, as eleccións prodúcense nun momento de reconfiguración das organizacións da esquerda nacionalista, co BNG a medio camiño da recuperación orgánica e de perfil ideolóxico que comezou na asemblea de clarificación de Amio. Infelizmente, no noso caso, moi probabelmente estas eleccións déronse antes de que as mudanzas internas no BNG se tivesen consolidado e houbese ocasión de as verificar socialmente.

Unha campaña con elementos positivos e aspectos a mellorar

O feito de nos imporen unha absurda circunscrición eleitoral única non é casual, senón que ten como obxectivo reforzar os partidos sistémicos que teñen presenza en todo o Estado, e dificultar o acceso á representación dos partidos de ámbito nacional. O BNG participou finalmente na candidatura Os Pobos Deciden xunto con EH-Bildu e outras forzas soberanistas e de esquerda, en coherencia coa política de alianzas aprobada na súa última Asemblea Nacional.

A campaña enfocouse correctamente enfrontando a UE desde o soberanismo e a esquerda e a defensa dos sectores mais agredidos, de maneira que se apresentou como a única candidatura galega nestes parámetros. Os obxectivos fixados polo BNG de cara ao proceso eran fundamentalmente tres: defender os intereses materiais galegos en cada circunstancia concreta no Parlamento Europeo; defender o recoñecemento político de Galiza como nación e noso deito a decidir; e denunciar a UE como ferramenta do grande capital e os oligopolios. Se ben as dúas primeiras liñas estiveron presentes na campaña, especialmente a primeira, a terceira non o estivo tanto, malia o cal fomos a única forza política con representación que caracterizou correctamente a natureza de clase da UE.

Foi insuficiente a dimensión de denuncia das causas e consecuencias da crise. Si existiu preocupación e discurso pola mocidade emigrada e determinados sectores moi agredidos (sector naval, estafados polas preferentes, etc), mais a realidade exixe un discurso e alternativas máis contundentes en ámbitos como as relacións laborais, as políticas sociais, etc.

O elemento máis positivo da campaña foi, sen dúbida, o feito de que se basease fundamentalmente no traballo militante e de simpatizantes. Como temos dito en moitas ocasións, mesmo que se dispuxese dos recursos para a facer doutra maneira, nada pode substituír o traballo militante e as dinámicas positivas que xera, mais aló do labor concreto.

Ademais, mellorouse e diversificouse a comunicación política. Mesmo así e aínda que o enfoque fose adecuado e mesmo atrevido en ocasións, o certo é que continuamos reféns dunha corrección política desnecesaria e mesmo contraproducente, como na paralización da campaña pola morte a tiros dunha destacada militante do PP nun crime de delincuencia común.

Puido terse acentuado máis o noso perfil antisistémico e diferenciador tirando de dous elementos que xa tiñamos ao noso dispor e que non explotamos suficientemente. Por un lado a crítica frontal á UE e a aposta pola superación da mesma, o que nos convertería na única voz a ofrecer un discurso que cada vez conta con maior predicamento entre a poboación. Por outra banda, aproveitar positivamente a alianza con EH-Bildu, sen focala de forma desnecesariamente defensiva ou xustificativa. Demostrouse que esa alianza non só non afectou negativamente a campaña, senón que mesmo ofreceu unha vía de lexitimación entre os sectores mais conscientes do noso país. Consideramos un erro non ter aproveitado este feito para polarizar a campaña entre nós e o Partido Popular, o que por outra parte nos tería dado unha visibilidade que se nos negaba polas vías máis insuspeitadas.

Finalmente, foi positivo activar apoios ao BNG que non hai moito tempo non terían dado publicamente a cara polo noso proxecto. Apoios de importancia máis cualitativa que cuantitativa, moi interesantes para o futuro, de persoas politizadas, con traxectoria militante e comprometidos coa liberación nacional e social, que teñen vontade de acreditar na mudanza de rumo emprendida.

Malos resultados para quen quería enterrar definitivamente o BNG

Non podemos dicir que os resultados eleitorais fosen positivos, nen en número de apoios nen en porcentaxe. Mesmo así, tampouco deben ser catalogados, como pretenden os voceiros do sistema, de desastrosos e desmobilizadores.

As 80.000 persoas que decidiron apoiar o BNG nestas eleccións sabían que estaban a apoiar unha forza que centra o seu discurso na soberanía nacional, e configuran unha base moi interesante desde a que continuar o proceso de fortalecemento do nacionalismo de esquerda. Uns resultados que, comparados co proceso anterior, saldáronse cunha baixa na porcentaxe de voto, de 9% (103.000) até o 8%, que non pode ser lida unicamente en relación ao feito eleitoral, senón considerando todo o contexto: silenciamento forzado, criminalización constante, abandonos que aínda están presentas na consciencia colectiva, imaxe dun BNG roto internamente e, sobre todo, os anos de políticas erráticas e homologadoras que nos separaron da nosa imaxe histórica. Así conceptualizados, os 80.000 votos ofrecen un resultado digno e de resistencia notábel desde unhas expectativas que en nengún caso eran superiores.

Na outra orde de cousas, é absolutamente necesario pormos o máximo coidado nos anuncios apresurados sobre a caducidade política do bipartidismo, e que presupoñen que a situación actual vai ser permanente. Aínda que claramente debilitados, o PSOE e o PP tentarán reaxir de inmediato para recuperaren o esquema tradicional. A irrupción de Podemos mostra a existencia de sectores sociais amplamente descontentos coa actual crise e que depositaron o seu voto nun proxecto considerado ilusionante.

Pese a que este tipo de forzas non serven, do noso punto de vista, para avanzar na construción de alternativas sólidas e non reformistas na Galiza, e malia que reproducen a nível español algunhas das características de AGE (liderado carismático, apoio previo de medios de comunicación, ausencia de programa definido mais alá dos lugares comúns contra a corrupción, os vicios institucionais e os "abusos" do capitalismo, negación da centralidade da cuestión nacional no Estado, etc), os resultados demostran que existe base social receptiva a discursos críticos, o que coloca no soberanismo galego de esquerdas o reto de se erguer de novo como referencia deses sectores. A súa aparición perxudicou as perspectivas de IU e tamén as de Anova, que avanzou no seu proceso de satelización polo reformismo español.

Xa que logo, mostramos a nosa preocupación polo feito de que o comportamento eleitoral de Galiza sexa cada vez máis homologábel ao panorama político español en comparación co ocorrido en Catalunya ou Euskal Herria, países onde a dinámica política e de resultados eleitorais se mostra cada día mais alonxada da española. Malia a importante queda en voto e porcentaxe debido á aparición de Podemos, a consolidación do espazo IU-Anova e a propia irrupción de Podemos como opción refuxio, son boa mostra desta homologación. Neste sentido, Galiza non precisa organizacións españolas que eventualmente respeiten o dereito de autodeterminación, senón de organizacións galegas que impulsen e conquisten a soberanía.

Convén analisar criticamente este fenómeno, cuxa motivación principal está no feito de a nosa base social ser tremendamente fráxil e influíbel, dada o feble nível de consciencia nacional, e tamén dada a fraxilidade ideolóxica ante discursos e retóricas aparentemente contestatarias e ben difundidas, que contrastan cunhas organizacións febles ou mesmo inexistentes.

Finalmente, cómpre sinalar a inexistencia dun espazo para o nacionalismo amábel e sen substancia que representa Compromiso por Galicia, malia o apoio económico do PNV. E convén tamén notar que ese é o lugar ao que os sectores que abandonaron o BNG en Amio pretendían levar o conxunto da organización.

Algunhas propostas de actuación

En definitiva, dado o contexto actual e a situación política, e analisando tamén estes resultados eleitorais, achamos que é preciso desenvolver desde o BNG as seguintes actuacións sen dilacións e coa celeridade que exixe un momento de alta volatilidade política:

- Acelerar as mudanzas e reforzar a organización interna, a participación militante, o asemblearismo, a democracia interna e a cohesión externa, sen que iso invalide o frontismo e o dereito a manter posicións diferentes.

- Reforzar a exixencia de coherencia entre o que discutimos e aprobamos na organización e o que se expresa publicamente.

- Aprofundar na liña de activación da militancia en liña coa práctica histórica e co obxectivo de superar definitivamente a dependencia de elementos e forzas alleas a nós ou abertamente hostís.

- Prestar atención ao traballo de comunicación, ás redes sociais, mais non só, e á imaxe pública. Respecto á maioría dos medios de comunicación empresariais tradicionais, clarificar dunha vez o seu papel de adversario político e actuar en consecuencia.

- Centrar o peso do traballo fóra das institucións e reforzar o traballo nas ferramentas de construción nacional de todo tipo, ao longo de todo o ano e á marxe do ciclo eleitoral.

- Continuar a reforzar o perfil antisistémico do BNG, tanto no discurso como nas formas, desterrando definitivamente as prácticas homologábeis ás forzas do sistema.

- Aprofundar a diferenciación co PSOE e situalo definitiva e coherentemente no campo inimigo, asumindo as consecuencias que tiver na xestión institucional.

- Non abandonar e ampliar o traballo de aproximación de sectores e persoas situadas hoxe fóra do proxecto frontista, fundamentalmente por desacordo coa etapa anterior e por desconfianza na veracidade do xiro emprendido.

- Manter a proposta de unidade de acción con outras forzas nacionalistas e de esquerda, mais sen insistir esterilmente no caso de Anova se a decisión adoptada e ratificada é contraria á auto-organización.

- Converter en estratéxica e permanente a alianza cos movementos de esquerda ruturista das nacións sen Estado, sen discriminar os mais minoritarios e incluíndo forzas alén das outras dúas realidades mais claramente definidas.

Galiza, 28 de maio de 2014.