Até a cona

Pretenderán que lle lavemos a cara en aras do consenso, pero non o imos facer. Seguiremos tensando a corda. Na institución e tamén na rúa, tanto con campañas propias como sumando nas accións colectivas do feminismo galego.

Noa Presas

Con independencia do que teñamos entre as pernas, as que vivimos o noso día a día como mulleres estamos fartas da situación de discriminación que nos rodea en todas as esferas das nosas vidas e de que quen ten maior capacidade de intervención, Xunta e Estado, sexan cómplices en lugar de parte activa na súa superación. E as feministas estamos particularmente fartas de que as datas que conseguimos consolidar na axenda coa nosa forza colectiva, como o 8 de marzo, estean absolutamente pervertidas polo ritualismo e a hipocrisía da igualdade aparente.

Foi a mexicana Marcela Lagarde quen acuñou a expresión velo da igualdade en referencia á falsa igualdade na que, con frecuencia, cremos vivir ou na que queren facernos crer que vivimos. Porén, na Galiza de hoxe calquera de nós experimenta as desigualdades que prolongan e agochan, unidos da man, sistema patriarcal e capitalismo. Unhas desigualdades que están normalizadas e ocultas baixo unha ficción de igualdade moi ben maquillada.

Porén, a nada que poñamos as lentes lilás para mirar ao redor, é evidente que, aínda recoñecendo todo o conquistado, queda moito por avanzar. Para facelo, é preciso romper coa corrección política do igualitarismo. Foi arredor desa necesidade como xurdiu a idea da campaña do BNG en resposta directa á actitude paternalista e consentidora da Xunta de Galiza. Queriamos unha resposta enxeñosa pero contundente que confrontara cun Partido Popular cuxas políticas perpetúan un statu quo que queremos romper. Porque como ben dixo Olalla Rodil daquela, o problema non é só a campaña, senón a forza política que a sustenta. Unha forza que non rectificou nin aceptou unha soa das críticas porque aínda non entenderon que non queremos que nos comparen con monumentos, senón compromisos reais. Non é falta de capacidade cognitiva, é unha actitude consciente e hai que quitarlles a carauta.

Como organización política tentamos priorizar na nosa axenda demandas para avanzar nunha Galiza mellor para as mulleres e seguiremos a facelo. Por iso Partido Popular e o señor Rueda están tan molestos. Porque saben que a campaña abriu oportunidades para falar dos nosos problemas e tamén das alternativas. Esta mesma semana, os seus colegas do Parlamento votaron en contra da proposta de crear unha unidade especifica, dependente de Xustiza, destinada a facer cumprir as leis e os acordos parlamentarios contra a violencia machista. Hai máis de un ano que impulsamos un Pacto Galego contra a violencia machista e non temos nin unha soa medida executada enriba da mesa. Iso si debera quitarlle o sono ao seu responsábel directo.

O que lle molesta ao Partido Popular é que a campaña do BNG quítalles a carauta e pon o acento, tirando de retranca, en que que eles contribúen a perpetuar esta desigualdade. Pretenderán que lle lavemos a cara en aras do consenso, pero non o imos facer. Seguiremos tensando a corda. Na institución e tamén na rúa, tanto con campañas propias como sumando nas accións colectivas do feminismo galego.

Vimos tamén nestes días como había medios de comunicación que recollían artigos escandalizados por usarmos a palabra cona. Curioso que sexa un sacrilexio maior empregar a palabra cona que oír ao presidente M. Rajoy dicir que non hai que meterse niso de que as mulleres cobramos menos que os homes. A nós escandalízannos outras cousas. Por exemplo, escandalízanos que se denuncie unha violación con penetración á semana e que, porén, aínda que para a lei galega si, para a estatal non sexa violencia machista. Escandalízanos pensar en todas as mulleres que o viven e non o denuncian. Escandalízanos que no noso país haxa un mapa do medo que dea conta de situacións de violencia e abusos. Escandalízanos que o 35% de contratos a mulleres duren menos dunha semana ou que sexamos nós quen ten que suplir co noso lombo o deterioro dos servizos básicos e renunciar á nosa vida para coidar doutras vidas. E así un longo etcétera atravesado tamén pola compoñente nacional e de clase.

Ademais, a lingua non é neutra, constrúe a realidade e reflexa as relacións de poder. As disciplinas de pragmática e da sociolingüística poden dar cumprida conta disto e a historia demostra como fomos nós non só as invisibilizadas, senón tamén encadradas nunha corrección e suavidade expresiva que se nos atribuía como inherente. Coa que está caendo, acaso non era hora de que soltaramos un exabrupto? Neste tempo, onde a nova misoxinia avanza camuflada, é hora de romper co velo da igualdade e dicirmos alto e claro que estamos até a cona. O importante é que a mensaxe se espalle e que este 8 de marzo imos facer historia, tamén desde Galiza, cunha folga internacional feminista. Temos motivos para sorrir.

 

Para avanzar na unidade, visualizala

Sermos quen de conseguir un 25 de xullo realmente unitario no fondo e non só na forma é imprescindíbel para demostrar a capacidade do soberanismo de tecer redes de colaboración para defender os intereses galegos desde as coordenadas da esquerda transformadora.

Noa Presas

Poucos días quedan para unha data de referencia como é o 25 de xullo e quen estamos organizadas dedicamos xa os nosos minutos libres á elevada cantidade de preparativos dunha xornada ateigada de actividades e encontros, para a que sempre é imprescindíbel ese esforzo militante previo que fai que todo poida saír adiante.

Para quen xulgamos necesario mostrar a fortaleza da capacidade de acción conxunta do soberanismo galego é ilusionante a proximidade dunha data na que parece que vai ser posíbel.Porén, sabemos por outras experiencias que o camiño non é fácil e que a xenerosidade e capacidade de dialogar con honestidade e superando prexuízos son fundamentais se queremos, entre todas e todos, darmos un paso firme. Un paso realmente significativo, que axude a dar outros, e que non signifique só darlle un novo nome aos mesmos procedementos doutros anos, sumando simplemente convocatorias que noutros tempos estaban separadas por unha pequena franxa horaria.

Quen como independentistas acreditamos en que na situación actual a unidade do soberanismo é mais imprescindíbel do que nunca e que nos achega aos obxectivos estratéxicos, onde diferentes actores poden camiñar e dar pasos conxuntos, sen renunciarmos ás diferenzas, consideramos unha boa nova unha convocatoria en parámetros unitarios, e neste contexto que se desenvolva cunha visualización tamén o máis unitaria posíbel debera ser un obxectivo común.

Se conxuntamente compartimos a reflexión da necesidade desta convocatoria unitaria faise fundamental non poñerlle límites á súa forma. Trátase de, recoñecendo a existencia de distintas e lexítimas diferenzas a nivel táctico e estratéxico entre as distintas organizacións, non convertelas nun atranco, senón favorecer aquelas cuestións en que a coincidencia pode facernos avanzar. Un camiño que non é inmediato mais que pode ter nesta convocatoria unha boa oportunidade para se afianzar.

Neste sentido, cómpre ollar cara outras iniciativas que tiveron lugar nos últimos anos, tanto a aquelas que non callaron para aprender dos seus erros, como para aquelas que si tiveron un resultado final, como acontece coa máis consolidada manifestación xuvenil unitaria. Somos moitas as que acreditamos en que os avances conquistados neste ámbito son aínda insuficientes e que non poden limitarse a unha convocatoria conxunta anual, mais sen dúbida podemos enorgullecernos de como esta ten decorrido. Entendíamos daquela e entendemos agora que a unidade real pola que apostamos non se limita a compartir un espazo físico.

Cómpre ser sinceras: a aposta por confluír nunha convocatoria ten a ver coa xenerosidade na presenza das siglas, mais tamén coa vontade de percorrer, literalmente, esa manifestación rodeada de quen comparte a necesidade da súa celebración, con independencia da súa adscrición (ou non) militante, recoñecéndose mutuamente sen fomentar divisións artificiais entre soberanistas en base a definicións políticas que se atopan no conxunto das bases militantes da maioria das organizacións.

Sermos quen de conseguir un 25 de xullo realmente unitario no fondo e non só na forma é imprescindíbel para demostrar a capacidade do soberanismo de tecer redes de colaboración para defender os intereses galegos desde as coordenadas da esquerda transformadora e para abrir con decisión a posibilidade a que esta colaboración poida ir alén de convocatorias puntuais, posibilitando alianzas amplas en cada vez máis espazos e ámbitos.

Soberanía, único futuro certo para Galiza

Se antes non foi posíbel, urxe actuar para mostrar colectivamente ao conxunto da sociedade un proxecto autónomo e autocentrado. Un proxecto que efectivamente vaia alén de siglas partidarias

Noa Presas

As persoas organizadas no BNG sabemos que o proxecto daquelas que aspiramos a unha Galiza libre e popular é partillado por múltiples actores sociais e políticos que van alén destas siglas, cun peso altamente desigual entre si no conxunto do soberanismo galego. Aínda máis, somos conscientes da existencia de moitos e moitas nacionalistas e independentistas aínda non organizadas, ou que o estiveron noutro momento e se encontran decepcionados coas diversas traxectorias dos actores orgánicos, ou que escolleron outros espazos de participación entre os moitos existentes para a acción social.

Independentemente do noso xeito de ver esta realidade, somos moitas quen hoxe constatamos a debilidade social do soberanismo en diversos campos, e observamos con preocupación o momento complexo que atravesa o proxecto nacional, onde os problemas e necesidades do país fican opacados por prioridades externas e proxectos que non ofrecen futuro a longo prazo para Galiza mais que contan hoxe con ampla difusión.

Neste contexto os pasos a dar adquiren unha importancia aínda maior. Por iso, se antes non foi posíbel, urxe actuar para mostrar colectivamente ao conxunto da sociedade un proxecto autónomo e autocentrado. Un proxecto que efectivamente vaia alén de siglas partidarias, que sofren hoxe en día, interesadamente, unha desvalorización na súa percepción social como elemento vertebrador, mais que continúan a ser imprescindíbeis como máis unha ferramenta para a transformación social. Un proxecto con capacidade de resolver os problemas que afectan a sociedade galega desde unha óptica liberadora e de esquerda, con miles de persoas como corpo organizado, o maior do país, e unha ampla base social.

Cómpre non desaproveitar, pois, unha data tan referencial como o Día da Patria para esa tarefa como expresión da ligazón da loita pola liberación nacional e a social. Explicar claramente, e explicitar todo o posíbel, que a unión de ambas cuestións na Galiza é fundamental para construír un futuro digno e que non imos renunciar a ningunha delas. Neste sentido, un dos retos que temos colectivamente é elevar a confianza do propio pobo nas capacidades de seu, nas solucións que pode ofrecer o soberanismo e en todas as vitorias que nos quedan por conquistar.

É pois unha necesidade, mais tamén unha responsabilidade, ser quen de andar todo o camiño posíbel con aqueles e aquelas que partillan con nós eses mínimos irrenunciábeis. E ser quen de facelo dependerá, por riba de moitos outros factores, de que se faga desde o respecto ás diferenzas e coa lealdade nas actuacións como un piar inquebrantábel.

Sen superar as experiencias frustradas que individual ou colectivamente podemos ter é complicado construír en positivo: por iso cómpre ollar esas outras realidades que nos foron demostrando como si era posíbel construír e dar pasos para situar o obxectivo soberanista como o centro da nosa acción por riba das siglas ou proxectos concretos, como demostrou o soberanismo xuvenil os dous últimos anos. Quen vivimos este proceso de preto non podemos negar as súas dificultades, e para moitas é un espazo que neste momento non cumpre todos os obxectivos aos que aspiramos, mais tampouco se pode negar que sen lugar a dúbidas supuxo un paso adiante histórico. Un paso adiante, ademais, que na altura non parecía posíbel mais que finalmente si o foi, con valentía e esforzos por todas as partes.

Porque sabemos que, en calquera campo, avanzar é posíbel cando existe a vontade, cando prevalece a xenerosidade, que non a renuncia, cando se actúa con lealdade e en base ao respecto mutuo superando preconceptos sobre as partes, e situando as prioridades políticas por riba da conxuntura de cada axente.

Actuar no BNG desde o respecto: pluralidade e fraternidade entre todas e todos

Habería que recoñecer que no BNG hai militancia que quere debater e ese marco de xogo non parece interesar: as nosas ideas poden poñer en risco a folla de rota de converter o BNG nunha organización política entregada ao sistema.

Noa Presas

Moito se ten falado no último mes de confianza, fraternidade e respecto. O valor das palabras é importante, e cando non son acompasadas da actuación de cadaquén fican baleiras de significado, convértense nunha fraude que prostitúe o seu valor, fraude tan importante como importancia teñan esas palabras.

Nunha fronte, a pluralidade non só é esperábel, tamén desexábel. Militar nun marco así significa -ou debería significar- respectar posicións e actuacións que cadaquén ten nos organismos. Lonxe disto, comportamentos que se teñen extendido e alimentado por parte de certos sectores nos últimos tempos, como cualificar reiteradamente de “marca branca”, “plantas carnívoras” ou “tontos útiles” a colectivos ou a aqueles e aquelas que neles participamos non encaixan precisamente coa definición de respecto nin de compañeirismo. Se durante os últimos anos houbo quen se adicou a ignorar ou a minusvalorar as nosas aportacións nos organismos -seguramente máis polo medo ás nosas posicións políticas que a nós mesmos-, como explicar agora a existencia dunha terceira candidatura nesta Asemblea Nacional? Mellor recorrer ao insulto e ao menosprezo, do contrario habería que recoñecer que no BNG hai militancia que quere debater e ese marco de xogo non parece interesar: as nosas ideas poden poñer en risco a folla de rota de converter o BNG nunha organización política entregada ao sistema.

A existencia da pluralidade no BNG é, pois, un feito permanente nunha organización frontista, e polo tanto é lexítima e consubstancial a ela a existencia de debate, de diferentes visións e posicionamentos ideolóxicos, organizativos e políticos. Moitos participamos do Bloque considerando esta pluralidade como un ben a conservar e integrar, e non algo a eliminar. Esta pluralidade leva aparellada evidentemente a existencia do direito á discrepancia pública, sempre nos termos que o mesmo BNG marcou desde a súa fundación: “sempre que na práctica non presente unha contradición operativa que leve ao bloqueo ou ao boicote da decisión maioritaria”; é dicir, a corresponsabilidade é a outra cara da pluralidade, exercida por cada un de nós. Para nós, o diálogo e o respecto son as chaves, e nesa actuación non cabe nin a chantaxe nin o desprezo.

Desde o noso nacemento dentro do BNG, no Movemento Galego ao Socialismo defendemos os mesmos principios ideolóxicos e organizativos. No camiño da nosa actuación, como é lóxico,  en distintos momentos atopamos posicións coincidentes ou non coas nosas, ou aproximadas a elas, e actuamos en consecuencia, dentro da lealdade ao conxunto do BNG e pensando no mais adecuado para o nacionalismo e o país.

Cremos no colectivo e por iso existimos organizadamente. Cremos no colectivo para a nosa organización e para o conxunto da Fronte, militantes con iguais dereitos e iguais obrigas, cada un no seu ámbito de responsabilidade. Non acreditamos pois en lobbies, personalismos ou líderes mesiánicos: nen rei, nen tribuno, nen deus, esa consigna segue hoxe máis vixente do que nunca.

Cremos no debate claro, profundo e no valor da “batalla das ideas”: fronte a debates baleiros sobre faces e nomes, cremos que o debate ten de servir para prefigurar o mundo máis xusto que precisamos, para definir os nosos medios de actuación, para marcar prioridades no noso traballo institucional, para modelar o internacionalismo e anti-imperialismo que é a solidariedade entre os pobos.

Cremos en activar e aumentar a nosa militancia: se o BNG foi unha referencia foi polo compromiso dos seus militantes, pola súa presenza constante nos conflitos sempre do lado dos oprimidos, pola súa simultánea e coherente participación, inexplicábel para moitos, en todas as frontes: veciñal, estudantil, ambiental, sindical... Algo que só se explica desde o convencemento nun proxecto, desde a entrega desinteresada e a non procura de beneficios persoais. Esa é a militancia que queremos, esa é a militancia que desde os organismos da Fronte debemos impulsar: comprometida, formada, coherente, útil.

Son tempos decisivos para o BNG e é lóxico que isto chame a atención dos medios de comunicación, aínda que probablemente o interese sexa outro e se agoche o mesmo obxectivo que cando hai eleccións e se manipulan as informacións, debilitar o nacionalismo e non precisamente dar a coñecer a súa pluralidade de propostas. Os cantos de sereas dos medios poden ser tentadores; porén, desde o MGS acreditamos nun BNG mellor nun mundo diferente, por iso decidimos actuar doutro xeito e limitar a nosa aparición nos medios. Para unha organización minoritaria coma a nosa, renunciar a saír nos medios constantemente pode favorecer unha invisibilización que tanto promoven outras correntes, mais dar a coñecer as propostas principalmente por medio do contacto directo nas nosas canles de información (web, redes), en actos específicos, en asembleas comarcais e na propia Asemblea Nacional reflicte un modo de facer as cousas e un compromiso. Sería desexábel que de aquí en diante todos e todas fixésemos o mesmo por respecto á militancia e ao BNG.

Noa Presas é membro do Consello Nacional do BNG