Apuntamentos con Catalunya ao fondo

 
A autoorganización é un factor chave á hora posibilitar un proxecto soberanista. Contar con organizacións propias, que só respondan ante o pobo do que emanan, é condición indispensábel para calquera avanzo dun proceso de construción nacional.

Rafa Vilar.

Aínda sendo consciente das urxencias que hoxe ten o nacionalismo político en Galiza, con importantes debates abertos no seo do BNG, gustaría de compartir estoutras reflexións (se cadra, máis de fondo) que teñen a ver co proceso soberanista catalán e con algunhas das súas chaves políticas en relación a nós, nacionalistas/soberanistas/independentistas galeg@s.

Acordo Junts pel Sí - CUP. Case no tempo de desconto, e despois dunha negociación longa, laboriosa e non exenta de dificultades, Junts pel Sí e a CUP puideron chegar a un pacto político que, en última instancia, garantía que se conformase un novo goberno para Catalunya. E con iso, a maioría parlamentaria soberanista saída das eleccións do 27-S mostraba a súa disposición a abrir  unha fase postautonómica (ou preindependentista) para o Principat, fase que ten como estación de chegada unha República catalá. Ante ese feito, en certa maneira histórico, é de salientar o contraste entre o silencio e a incomodidade dalgúns (mesmo de forzas galegas que se declaran formalmente nacionalistas e/ou independentistas), e a satisfacción que outros/as tiñamos e mesmo manifestamos publicamente (redes sociais, etc.) polo acordo obtido e polo que este acordo viña a supor, en canto a evitar que o proceso soberanista catalán encallase, se cadra de xeito irreparábel no curto e medio prazo. Para alén disto, tamén parece previsíbel que o paso adiante do proceso soberanista catalá sexa respondido desde os poderes do Estado cunha nova volta de parafuso á ofensiva recentralizadora hai tempo iniciada.

Unanimidade español(ist)a. Sen apenas matices diferenciais, os catro principais partidos do arco parlamentario español (PP, PSOE, Podemos e Ciudadanos) saíron a manifestar o seu rexeitamento ante o acordo político das forzas catalás. Feito que resulta moi revelador do auténtico papel que xogan -e seguirán xogar- por suposto os dous partidos que durante máis tres décadas foron o esteo bipartidista do Estado español, mais tamén os outros dous partidos que, de xeito fulgurante, se incorporaron ao escenario político-electoral. Ese papel non é outro que o de seren garantes da “unidade de España”, certamente coa diverxencia ideolóxica que orienta as posicións políticas duns e outros. E nese sentido, semella ser máis eficaz –en termos de persuasión política- o discurso hábil mais impostado de Podemos, con chiscadelas á diversidade (como aquel primeiro PSOE que xa nunca volverá), que o cavernario que axita o Partido Popular ou o seu clon político, Ciudadanos. Unha formación política, Podemos, que quedou frustrada e co pé cambiado ante o acordo entre Junts pel Sí e a CUP, posto que xa se relambía ante unha nova convocatoria electoral en Catalunya na que aspiraban a ser a forza determinante na conformación dunha nova maioría e, polo tanto, a poder reconducir ou directamente facer naufragar o proceso soberanista catalán. 

A ruptura é Catalunya. Se hoxe hai algunha ruptura posíbel no Estado español, esta vén pola banda do soberanismo (e nomeadamente, o catalán). É unha inxenuidade ou unha ensoñación pensar que, coa actual correlación de forzas, e mesmo habendo quen o propuxese de maneira honesta (cousa que cómpre pór en dúbida), hoxe é viábel un escenario de ruptura no Estado español que signifique a apertura dun proceso realmente constituínte que poña en cuestión as bases políticas e institucionais do actual Estado, e moito menos as económicas. Nese sentido, só hai que pensar nas escasas voces que hoxe cuestionan a cerna da Unión Europea (UE), polo seu carácter e natureza imperialista e ao servizo do poder oligárquico, ou a mesma OTAN, brazo armado dos intereses do capital e a maior ameaza existente hoxe á paz mundial. E entre estas voces, desde logo, non está Podemos, que se mira no espello deformado da realidade do novo goberno grego, igualmente sometido á Troika, tras a triste capitulación de Syriza. Sería unha quimera pensar que nunha sociedade como a do Estado español, tan golpeada pola crise (nos seus sectores máis populares) como desmobilizada, poida prender hoxe a faísca dunha mudanza minimamente transformadora ou xa non se diga revolucionaria. O cal non quere dicir que, desde o propio sistema, non se estean prevendo movementos perfectamente controlados que inclúan cambios (leve afrouxamento nas políticas de austeridade, medidas contra a corrupción institucional, etc.) que sexan perceptíbeis para a maioría social, mais sempre dentro dunha orde, a que propugnan os poderes realmente existentes (a oligarquía financeira e económica do Estado). Poderes que contan co principal instrumento de control social, os medios de comunicación, o verdadeiro cabalo de Troia da ideoloxía dominante nunha sociedade. Uns medios de comunicación que foron fundamentais, por exemplo, na conformación dunha grella de saída nas pasadas eleccións xerais unicamente composta por catro forzas políticas (PP, PSOE, Podemos e Ciudadanos), querendo modificar o tradicional comportamento bipartidista (hoxe en devalo) por un tetrapartidismo (coa incorporación ao taboleiro de dous actores de novísimo cuño, Podemos e Ciudadanos, como recambio posíbel) que sexa garantía para que nada mude ou, de mudar, que o faga apenas no sentido lampedusiano do termo, “para que nada cambie”.

Catalunya e cinco leccións para o caso galego. Vaia por diante a constatación de que as realidades nacionais catalá e galega non son homologábeis, como froito dun desenvolvemento económico, político, sociocultural, institucional, etc., ben diferente ao longo de séculos. De igual maneira, sería unha temeridade establecer paralelismos entre as forzas políticas que operan, na actual conxuntura histórica, en terras catalás e as que operan no noso país. Aclarado isto, é posíbel –ao meu ver- tirarmos algunhas conclusións, a xeito de leccións, do que acontece en Catalunya:

1ª.- A autoorganización é un factor chave á hora posibilitar un proxecto soberanista. Contar con organizacións propias, que só respondan ante o pobo do que emanan, é condición indispensábel para calquera avanzo dun proceso de construción nacional. Contrariamente a isto, renunciar á autoorganización leva inexorabelmente a que un proxecto soberanista non pase de formulación teórica ou de simple consigna sen maior percorrido. Asociada á autoorganización, está a idea dá confianza nas forzas propias e, por tanto, na viabilidade do proxecto en si e a capacidade para o emprender e levar a bo porto.

2ª.- O nacionalismo, o soberanismo, tende a ser plural nas súas expresións organizadas, o cal non quere dicir que non deban existir pontes de entendemento entre esas expresións ou mesmo espazos de traballo conxunto, que as diferentes militancias poidan partillar e ir creando complicidades futuras. Nese sentido, parece claro que a unidade (de acción e, se cabe, orgánica) pode ser necesaria, mais só é posíbel desde o respecto e o recoñecemento mutuo. Porén, esta só existe se se dá tanto no plano estratéxico (a soberanía; no caso catalán, a República catalá) como no terreo do concreto, isto é, cuns obxectivos perfectamente declarados e asumidos. Polo tanto, a cuestión da unidade nunca se pode converter nun fetiche, que ao cabo termine por alimentar ilusións vas e por xerar  frustración e confusión a partes iguais.

3ª.- A mobilización social é un dos elementos catalizadores dun proceso soberanista, ao tempo que tamén pode e debe ser garante do avanzo dun proceso, máxime cando a complexidade no plano político-institucional pode facer que este se paralice. A experiencia di que as conxunturas electorais adoitan ser terreo abonado para a confrontación, de aí que sexa necesario que exista un espazo mobilizador (movemento social) que actúe de xeito permanente e que non estea “contaminado” polos avatares do calendario político e electoral. Os perfís deste movemento social semella obvio que non poden ser tan marcados como os das forzas políticas actuantes, para permitir unha acumulación (social) de forzas que contribúa a facer viábel o proceso soberanista e que este comprenda unha maioría social todo o ampla que se poida.

4ª.- Faise precisa unha correcta combinación do táctico e o estratéxico. Tan crucial é ter a honestidade política de declarar o horizonte estratéxico que se persegue (a soberanía, chámese independencia, República...), como de deseñar e desenvolver todos e cada un dos pasos tácticos que se requiren. O proceso soberanista catalán tamén deixa ver que cómpre que se queimen etapas, polo ben da propia maduración do proxecto. Mais tamén resulta evidente que a adecuación táctica necesaria en cada momento non pode comprometer nin o seguinte paso táctico, nin moito menos pode entrar en colisión cos fins estratéxicos. As tensións entre o táctico e o estratéxico –e, sobre todo, como se resolvan estas- adoitan ser determinantes para os ritmos do avanzo dun proceso. Boa mostra disto foron as que se produciron en Catalunya entre os dous actores políticos principais (e mesmo no propio seo destas formacións), a CUP e Junts pel Sí, que finalmente se resolveron nun novo paso táctico, posibelmente indispensábel para evitar a non paralización do proceso.

5ª.- Hoxe non existen no Estado español interlocutores políticos que posibiliten (tendo en conta os catro grandes actores políticos existentes), desde parámetros de respecto democrático, o desenvolvemento dun proceso soberanista das nacións do Estado. Nin sequera Podemos (que recorre continuamente no plano dialéctico ao chamado “dereito a decidir”) ten intención ningunha de que ese dereito –o dereito de autodeterminación dos pobos- se poida exercer no Estado español. Polo tanto, e esa é a experiencia do caso catalán, a unilateralidade é a base dunha folla de ruta que verdadeiramente camiñe cara á independencia de cada unha das nacións. De aí a importancia de ampliar a base nacionalista/soberanista (non estritamente de militancia partidaria), co fin de garantir unha maioría social (que antes ou despois tamén se expresará electoralmente) que faga posíbel, máis cedo ca tarde, a proclamación da “república dos nosos soños”, a República galega.

 

Onde o mundo se chama Galiza

E así, Galiza (que xa fora peza sacrificada no proceso de integración do Estado español na nova arquitectura institucional europea) vese hoxe máis que nunca exposta a un devalar das súas propias potencialidades como país, en canto periferia da periferia.

Rafa Vilar

«Tristes tempos estes nos que hai que loitar polo que é evidente» (Friedrich Dürrenmatt)

Vivimos tempos convulsos, tempos que alimentan tamén confusión e incerteza en amplos sectores da sociedade que asisten (asistimos) -entre a resignación e a resistencia- á perda de dereitos sociais e laborais e a unha preocupante xibarización da democracia.

A ofensiva neoliberal impulsada a escala planetaria polos gobernos de Reagan e Thatcher, hai case catro décadas, está a empobrecer as clases populares do vello continente, socavando dereitos sociais e laborais e facendo do Welfare State (Estado de Benestar) apenas unha quimera. Esa foi, a creación dun certo estado de benestar (garantindo á poboación unha serie de dereitos básicos), a gran concesión do capitalismo tras a segunda guerra mundial, e debeuse a dúas razóns fundamentais: unha correlación de forzas en que o movemento obreiro en Europa adquiría unha magnitude incuestionábel; e a existencia do bloque socialista (liderado pola URSS), que, mesmo con todos os erros e contradicións, puña en cuestión desde a raíz a lóxica do capital.

A implosión deste bloque socialista, nos comezos da década dos anos 90, trouxo consigo o rearmamento –tamén ideolóxico- do capitalismo, cada vez máis salvaxe e cada vez máis propenso ás súas propias crises, como a que comezou por volta dos anos 2007-2008. Unha crise que vén golpeando duramente a maioría social traballadora, e que mesmo se deixa sentir con maior virulencia na periferia de Europa, nas nacións e nas poboacións que no deseño de construción europea (ao servizo exclusivo do capital, non dos pobos) foron botadas para as marxes, forzadas e sometidas a un rol absolutamente secundario polas elites (económicas e políticas) que pilotaron o proceso de unidade supraestatal en Europa e que deu lugar á actual Unión europea. Unha Unión europea feita á imaxe e semellanza dos intereses exclusivos desas mesmas elites.

E así, Galiza (que xa fora peza sacrificada no proceso de integración do Estado español na nova arquitectura institucional europea) vese hoxe máis que nunca exposta a un devalar das súas propias potencialidades como país, en canto periferia da periferia. E por riba, está desposuída do instrumento fundamental para facer fronte ás políticas austeritarias emanadas dos centros de poder –Bruxelas e Madrid-, a soberanía. Unha soberanía que, mesmo as nacións con estado propio, enarboran como bandeira co fin de contrarrestar a enxurrada neoliberal. E unha soberanía á que o pobo galego non pode nin debe renunciar, xa que sen ela non cabe que se poidan resolver os principais problemas que temos como país.

Nacionalismo e esquerda

Esta idea, a da soberanía da nación galega como elemento chave para o desenvolvemento de Galiza, é a que sostén desde os seus inicios na época contemporánea o nacionalismo político no noso país. Un nacionalismo, o galego, que -dito sexa de paso- afinca as súas raíces nas clases populares do noso país, a diferenza do papel que xogan noutras nacións do Estado determinados sectores das clases acomodadas, o que explica as diferentes propostas organizativas en Catalunya ou Euskal Herria dun nacionalismo que posúe reflexo orgánico en ambos os polos do eixo esquerda-dereita, con forzas políticas que, aínda remarcando o seu ideario nacionalista e/ou soberanista, no devandito eixo esquerda-dereita.

Así é que o nacionalismo galego que (re)nace nos anos setenta e vai consolidando posicións e gañando espazo político nas dúas décadas posteriores, asenta o seu discurso tanto na reclamación dos dereitos nacionais do pobo galego, como nos valores políticos da esquerda, entendendo ademais que a demanda de soberanía política de Galiza vai precisamente ligada á mellora das condicións materiais de vida dos galegos e galegas. Isto explica tamén como o nacionalismo político en Galiza (que ten no BNG a forza hexemónica desde a súa aparición como fronte política, de carácter patriótico, no ano 1982), ao tempo que xoga no campo electoral-institucional, tamén o fai no campo da mobilización social, alentando e participando de moitos dos movementos sociais existentes no noso país.

Calquera que se achegue ás diferentes loitas sociais desenvolvidas en Galiza nas últimas décadas poderá certificar o papel levado a cabo polo nacionalismo nas devanditas loitas, e xa non só naquelas en que se facía necesaria a defensa do país, da lingua e cultura propias, o desenvolvemento da nosa economía produtiva, a defensa do medio natural e do patrimonio, etc., etc., senón tamén en todas aqueloutras que delatan unha visión do mundo asentada nos valores da xustiza social, o respecto á identidade dos pobos, os dereitos sociais, etc. Disto dan conta mobilizacións como as que tiveron lugar no noso país en contra da OTAN ou da guerra, en solidariedade con pobos como o Sahara ou Palestina, mobilizacións estudantís omo as que se opoñían á LOU (Lei Orgánica de Universidades), mobilizacións en defensa dos dereitos das mulleres, mobilizacións laborais como folgas xerais (algunhas só de convocatoria galega)...

Autoorganización

Con toda esta bagaxe acumulada de anos e de esforzo militante, e tamén con todos os erros e debilidades, é coa que segue a actuar política e socialmente o nacionalismo en Galiza. Sen ancoraxe ningunha nos poderes económicos e sen a anuencia dos poderes mediáticos existentes. Coa forza das (nosas) mans, das de varias xeracións de militantes que foron nutrindo o proxecto político de transformación social que significa o nacionalismo en Galiza. Un proxecto que ten na autoorganización do pobo a panca fundamental desde a que actuar socialmente e coa que facer posíbel un outro país, a Galiza soberana e independente que está no centro do ideario político nacionalista.

A autoorganización non é por tanto un fetiche nin por suposto unha reliquia do pasado, senón a ferramenta necesaria coa que construír(mos) poder popular en Galiza. A renuncia a esta ferramenta só se explica ou ben desde a pura claudicación, ou ben desde a falta de confianza nas forzas propias, isto é, no propio pobo galego como suxeito colectivo. Nese sentido, resulta preocupante que haxa sectores relevantes que vinculen e sometan a conquista da soberanía política da nación galega a un (hoxe ilusorio) proceso constituínte español, por medio do cal as diferentes nacións do Estado poderían acceder a un outro status. Non parece ser esa, ademais, a vía pola que veñen optando as forzas políticas e sociais que están impulsando o proceso soberanista máis avanzado que se está a dar no Estado español, o de Catalunya. De feito, esta é a única ruptura real que existe enriba do taboleiro xurídico-político existente, apoiada na vontade maioritaria do pobo catalán que, á súa vez, tamén ten tradución político-institucional nas forzas que neste momento compoñen o Parlament.

Acabo como comecei. Vivimos tempos convulsos, si, tempos que alimentan confusión e incerteza. E nesa confusión e incerteza é nas que o nacionalismo político está chamado a actuar, e a facelo coa firmeza e a audacia que estes tempos convulsos requiren. Firmeza para defender o proxecto histórico que o nacionalismo encarna no país, que ten como horizonte unha Galiza soberana e independente, alicerzada na xustiza social, e audacia para estar en disposición de conquistar a maioría social imprescindíbel para desenvolver ese proxecto histórico. E as próximas eleccións ás Cortes Xerais do Estado poderían servir para explorar novas vías de complicidade e colaboración entre os diferentes actores políticos e sociais actuantes no noso país, co fin de alargar a base do nacionalismo e de que conseguir que máis pobo se sume á causa da defensa dos dereitos nacionais de Galiza, ou sexa, á causa da loita polo que é evidente. Eis o reto. O noso reto.

Independencia: nós tamén navegar!

Perdemos un tempo precioso en buscar o noso encaixe nun ilusorio “estado plurinacional español” que nunca tivo eco nin nas elites políticas do Estado nin nunha sociedade como a española

DSC04598

Rafa Vilar

“Sexamos realistas; a única saída posíbel é a independencia”. Tomo esta frase prestada para comezar por sinalar que, se cadra, hai tempo que o nacionalismo galego debera ter comezado por aí, por proclamar pública e valentemente que o noso futuro –como pobo, como nación- pasa inexorabelmente por liberármonos das ancoraxes da dependencia e por termos as estruturas propias dun estado: unha república libre, independente e soberana, sabéndomos que certamente nestes tempos de globalización capitalista a cuestión da soberanía é ben espiñenta, mesmo para aquelas nacións que formalmente son independentes e posúen un estado propio (a actualidade do caso grego é unha mostra irrefutábel disto).

Particularmente, paréceme difícil non ver que Galiza, se quere evitar o seu esmorecemento, só pode transitar os vieiros da independencia. Un esmorecemento que xa é demasiado tanxíbel e que se aprecia tanto nas nosas bases materiais (estado dos sectores produtivos, espolio enerxético, voadura do sector financeiro, etc., etc.) como nas inmateriais (a perda da vitalidade lingüística do galego como síntoma disto). Polo tanto, e dito sen dramatismos, ou somos quen de reverter o actual estado de cousas, ou Galiza quedará reducida a paisaxe, e a paisaxe maltratada, dito sexa de paso.

Ao meu ver, penso que perdemos un tempo precioso en buscar o noso encaixe nun ilusorio “estado plurinacional español” que nunca tivo eco nin nas elites políticas do Estado nin nunha sociedade como a española, instalada nesa visión deformante da realidade que pasa por un centralismo e un “unionismo” atroces. Tan atroces que os sectores dos nacionalismos catalán e vasco (nós aí somos substancialmente diferentes) que sempre estiveron cómodos nese xogo de disputa competencial co Estado, foron desencantándose paseniñamente e evoluíndo cara a postulados soberanistas. Isto en Catalunya é máis que evidente, e explica en boa parte o paso de xigante que a causa independentista deu nos últimos anos. Causa independentista que hoxe abraza unha maioría social en Catalunya e que pon en xaque a arquitectura do actual Estado español. 

Con todo, a soberanía de Galiza, a independencia nacional, non é nin pode ser unha simple consigna nin un fetiche ao que se agarrar, senón a panca necesaria para mudar (mudarmos) o actual estado de cousas e posibilitar políticas públicas en favor da maioría social traballadora. E convén termos presente que esa mudanza que non vai vir de fóra, protagonizada por forzas alleas a nós e que proclaman un cambio que ten moito de lampedusiano e apenas nada de transformación real. Nin vai vir, esa mudanza necesaria (en chave xenuinamente galega), se se teima en perseverar en camiños, como a do novo encaixe de Galiza, que non levan a ningures e que retardan a posibilidade de avanzarmos nunha maior toma de conciencia colectiva.

E isto vén a conto da posta en marcha dunha iniciativa sociopolítica (autodenominada “movemento cívico”) que teima en desenterrar a machada do autonomismo (nestes tempos!). Iniciativa que está encabezada, de maneira indisimulada, por quen foi (entre anos 2003-2009) máximo referente público do nacionalismo político en Galiza. Afortunadamente a devandita iniciativa, polo momento, parece que só está a despreguizar a pequenos sectores do nacionalismo máis morno; ese nacionalismo que se refuxia no termo galeguismo, e que é incapaz de enraizar socialmente e de ocupar máis espazo do testemuñal que hoxe ocupa.

Certamente, son tempos de confusión, tamén na agra do combate político. E semella que todo vale. Cando menos, todo o que ula a “novo”, aínda que a única novidade ás veces sexa unha simplificación pueril do discurso político, do tipo arriba vs baixo, casta vs xente,  novo (nova política) vs. vello (vella política), ou outras andrómenas da “selfie politik” que se nos tenta impor. Para máis inri, o discurso adobíase dun suposto “cidadanismo” que non é máis que un subterfuxio para a defensa dos intereses de certas elites ilustradas (esas que se recoñecen a si mesmas como “clases medias”); uns intereses que, antes ou despois, baterán cos da maioría social á que hoxe aspiran a representar. 

É difícil non ver en todo isto unha gran impostura para maior gloria dun poder económico que nin de lonxe ve perigar o seu particular proceso de acumulación neste capitalismo do século XXI, cada día máis próximo da barbarie final. Sinceramente, querer cuestionar o actual statu quo sen cuestionar o máis mínimo a andamiaxe na que se sustenta é simple retórica. A Unión Europea, como arquitectura institucional, está feita á imaxe e semellanza do capitalismo existente nesta parte do planeta. E as políticas de austeridade que emanan dos seus centros de decisión son apenas a punta do iceberg do sistema establecido. A superación destas políticas dificilmente será factíbel sen derrubar os muros desa Unión, que a nós, como habitantes dunha nación periférica que carece de soberanía, nos está a condenar sen remedio.

De igual maneira, a procura dun novo “contrato co Estado”, defendido desde unha iniciativa como a aludida, resulta cando menos abraiante, xa que unha proposta dese teor parece máis que superada a día de hoxe; e só hai que analizar o acontecido con Catalunya para concluír sen demasiada dificultade que esa vía é hoxe unha vía morta. Dunha banda, nin o Estado ten a máis mínima disposición a un hipotético reseteo que contemplase unha articulación plurinacional (o “federalismo” que enarboran algúns é só un triste engado). E doutra, o soberanismo en Catalunya hoxe asenta sobre unha maioría social que non semella moi disposta a renunciar a un horizonte que está a tocar cos dedos. No caso galego, seguir a manter a dependencia tampouco comportaría avanzo ningún a un país como o noso, exhausto pola drenaxe das súas potencialidades por parte dun Estado que actuou –e actúa- coa vontade do colonizador.

Teimar, por tanto, en seguir virando na roda dunha Galiza sumida nun estado de perpetua dependencia de España, sería tanto como continuar a manter o noso pobo ao pé de abismo, sen posibilidade ningunha de rescate ante unha situación que vén sendo descrita –desde o nacionalismo- como de “emerxencia nacional”. E isto, cando en todo caso, a mensaxe debe ser outra, moi outra. A mensaxe, a nosa mensaxe como nacionalistas, debe ser a de afirmar que unha nación como a galega é viábel e sustentábel. E, por tanto, que hai unha outra Galiza posíbel. Unha outra Galiza posíbel que só será se nós -como pobo- así o queremos, e iso aínda que outros tenten poñer todos os paus na roda para o impedir.

Bastante dano leva facendo xa esoutro discurso que, desde sectores provenientes do nacionalismo, se vén poñendo en circulación, negando que “Galiza pode” e que só, entregado o pobo galego a un ilusorio “proceso constituínte español”, se poderá salvar da desfeita. E así, con esta mesma lóxica (que resulta sistémica, por outra parte), xustifícanse alianzas –que son estratéxicas, alén de certo oportunismo evidente- con forzas políticas que negan (e negarán sempre) a existencia de Galiza como suxeito político, e por tanto como suxeito político susceptíbel de decidir libremente os seus designios. O de sempre, non si? A autodeterminación vale para pobos como o saharauí ou o palestino, mais non para o galego, o catalán ou o vasco.

En fin, son tempos convulsos e complexos, que seguramente, máis cedo que tarde, acabarán por situar a cadaquén no seu sitio. O que algunhas e algúns vimos defendendo –e seguiremos a defender- é que o único “contrato” que o nacionalismo pode alentar é co pobo galego, coas clases populares do noso país. E sempre desde a honestidade da que historicamente fixemos gala, porque o noso horizonte, a nosa particular Ítaca, só pode ser unha nación independente, soberana e con xustiza social. “Fatiguémonos”, como deixou dito o poeta Manuel Antonio, mais non nos “vieiros choídos” que propoñen algúns, senón na angueira de facermos posíbel ese berro que hai tempo nos traspasa: Galiza ceibe, poder popular!

 

Artigo publicado no Sermos Galiza

Traballarmos arreo por un BNG cargado de futuro

A clase traballadora é o auténtico motor da contestación social e o referente para a construción de alternativas ao modelo económico-social e ao sistema económico imperante, un capitalismo cada vez máis depredador pero tamén cada vez máis senil.

Rafa Vilar

O Día da Patria adoita marcar para o nacionalismo a fin do curso político e, polo tanto, o momento de poder facer balanzo e reflexión do traballo feito, así como de ir avanzando nas liñas de traballo do máis inmediato futuro. Neste sentido, desde o MGS facemos os seguintes apuntamentos, referidos á conxuntura pola que atravesa o nacionalismo galego e, nomeadamente, o nacionalismo político nucleado en torno ao BNG.

Máis unha vez, o actual curso político estivo marcado por un contexto socio-económico altamente lesivo para os intereses da clase traballadora e os sectores populares, agudizado aínda máis polas políticas desenvolvidas polo bipartidismo neoliberal: o PSOE no goberno do Estado e o PP á fronte da Xunta de Galiza. Porén, estas políticas, pregadas totalmente aos intereses da clase dominante, tiveron unha firme oposición e unha resposta en clave mobilizadora por parte do nacionalismo en Galiza, coa realización de dúas folgas xerais, a do 29 de setembro de 2010 (contra a reforma laboral e tamén de ámbito estatal) e mais a do 27 de xaneiro de 2011 (contra a reforma das pensións, de ámbito nacional galego). Este feito constitúe a demostración palpábel de que a clase traballadora é o auténtico motor da contestación social e o referente para a construción de alternativas ao modelo económico-social e ao sistema económico imperante, un capitalismo cada vez máis depredador pero tamén cada vez máis senil, por dicilo en palabras do economista marxista Samir Amin.

Dúas folgas xerais e unhas eleccións municipais

Nestas dúas folgas xerais que se sucederon nun período de apenas catro meses, o papel do nacionalismo galego foi determinante, tanto o desenvolvido pola CIG, como central sindical nacionalista que impulsou as dúas convocatorias (a segunda, en solitario), como o do BNG, como organización política que -malia certas contradicións internas- apoiou sen medias tintas ambas as folgas xerais, mantendo ao mesmo tempo un posicionamento político e institucional plenamente coincidente coas reivindicacións do sindicalismo nacionalista.

Por outra parte, o curso político que remata tivo nas eleccións municipais de maio o outro gran punto culminante. Unhas eleccións municipais nas que o BNG obtivo, en termos xerais, uns resultados insatisfactorios mais que de ningún xeito podemos cualificar de catastróficos, tal como no seu día avaliamos desde o MGS. Máxime cando se producían nun contexto, tanto externo como sobre todo interno, non exento de complicacións para que o BNG puidese afrontar un proceso electoral como o das municipais nas mellores circunstancias, o que non obsta para lembrar que nese proceso se cometeron erros de vulto, como un Regulamento para a confección das listas municipais que contrariaba o pluralismo e o frontismo inherentes ao BNG como proxecto político. Aínda así, os máis de 261.000 votos logrados polas candidaturas do BNG, e que deron lugar a unha trintena de alcaldías, non poden ser considerados unha cifra desprezábel, sobre todo se atendemos ao feito de que o discurso xeral mantido durante a campaña foi un discurso claro e inequívoco situado claramente no nacionalismo popular e na esquerda anti-neoliberal e transformadora.

Porén, as diferentes lecturas dos resultados electorais que se deron por parte das diferentes sensibilidades que operamos no BNG puxeron de manifesto a necesidade dun amplo debate interno no seo da fronte, un debate que comezou con xuntanzas das catro correntes políticas constituídas en comisión (por proposta do consello nacional) e que ha culminar, ou ter o seu punto de inflexión, na celebración da asemblea nacional do BNG prevista para o 22 e 23 de outubro. Isto, coa salvidade de que un previsíbel adianto das eleccións ás Cortes Xerais do Estado obrigue a un atraso nas datas previstas.

Rumbo a unha nova asemblea nacional do BNG

Nós temos claro, como MGS, que estamos ante o momento de fortalecer o BNG como instrumento útil, válido e necesario no camiño da soberanía política de Galiza e da emancipación social. Mais de fortalecelo desde a aposta sincera por un BNG situado nas coordenadas políticas do nacionalismo soberanista e da esquerda transformadora. E somos conscientes que non todo o mundo no BNG está por isto, polo que o escenario que se abre con esta convocatoria de asemblea nacional ordinaria é un escenario bastante aberto en canto ás posibilidades de albiscar un desenlace certo.

Na Comisión do BNG creada para o debate interno das diferentes sensibilidades presentamos un pequeno documento dando conta dunha serie de aspectos que para nós explicitan cal debe ser o rumbo que ten que tomar o BNG. Un pequeno documento feito desde a honestidade política e no que tentamos sintetizar ao máximo as nosas posicións, que sendo firmes tampouco son numantinas, porque temos claro que a convivencia política nunha fronte como o BNG exixe mínimos comúns denominadores e exixe, por tanto, ser quen de consensuar posicións, sempre que isto evidentemente non signifique renuncias inasumíbeis ou adhesións incondicionais.

Propostas do MGS

Así, no noso documento avogamos, en primeiro lugar, por unha reafirmación do modelo frontista, como mellor xeito de xestionar acaídamente e pluralidade interna do BNG, unha pluralidade que é un valor a preservar no nacionalismo político. Por tanto, frontismo pero un frontismo que corrixa determinados vicios adquiridos que para nada son compatíbeis cun BNG no que todos e todas poidamos desenvolver con certa comodidade o noso traballo político. Neste sentido, non acreditamos en propostas como as propugnadas por algunha das sensibilidades de Executivas do BNG conformadas por unha única corrente, algo que atenta ao pluralismo inherente a unha fronte política (como no seu día aconteceu co Regulamento para a confección das listas do BNG ás eleccións municipais).

En segundo lugar, estamos polo reforzamento do modelo asembleario e participativo. Por tanto, propugnamos que se volvan consignar nos Estatutos do BNG que as asembleas nacionais do BNG son asembleas abertas ao conxunto da militancia, eliminando o pernicioso sistema de asembleas por delegación instaurado en 2006. Así mesmo, pensamos que hai que traballar en fórmulas para dar maior capacidade de decisión ás asembleas, isto é, á militancia da organización, e que é conveniente estimular a participación.

En canto á liña política, e xa en terceiro lugar, no documento que presentamos insistimos na necesidade dun BNG situado claramente no nacionalismo popular e na esquerda política, e que isto tamén se ten que verificar nos posicionamentos e relacións internacionais. E por suposto isto tamén se ten que verificar nos comportamentos públicos, isto é, discurso de esquerdas e práctica política tamén de esquerdas.

En cuarto lugar, e fronte á primacía do traballo institucional, propomos a combinación do traballo social co labor que desenvolvemos nas institucións, tendo claro que a mobilización social é unha ferramenta irrenunciábel para a acción política do BNG.

Xa en quinto lugar, abordamos unha cuestión que probabelmente noutro escenario interno debería ser a gran reflexión política da asemblea nacional e que ten a ver coa posición do BNG sobre a cuestión nacional, posición que estivo determinada nos últimos tempos polo tacticismo, léase, a proposta feita no seu día de Estatuto de Nación, algo inviábel no actual contexto político e que non responde ás necesidades de soberanía de Galiza. Nós avogamos pola recuperación por parte do BNG dun discurso nidiamente soberanista e emancipador, co conseguinte traballo de acumulación de forzas en torno a ese discurso. Un discurso que exixe desprenderse de certo complexo adquirido por parte de importantes sectores do BNG e que hoxe é posíbel dar ante a sociedade galega sen maiores traumas.

E por último, o noso documento aborda outro dos asuntos que vén sendo unha das nosas preocupacións primordiais na fronte política como o é todo o referido á relación do BNG cos movementos e organizacións sociais, algo fundamental para unha organización que ten un carácter transformador e que por tanto non é homologábel ás forzas políticas sistémicas.

O contido xeral deste documento, xunto con documentos similares das outras sensibilidades organizadas, está a ser debatido no conxunto do país, a través do debate preasembleario que se vén dando este mes de xullo no seo do BNG. O noso compromiso como MGS é ir concretando en propostas máis polo miúdo as cuestións aquí expostas, co fin de que formen parte do debate asembleario aberto no BNG. En todo caso, nós estamos poñendo o noso gran de area para facermos do BNG o instrumento para a autodeterminación nacional e a emancipación social.

Rafa Vilar é concelleiro en Compostela e membro da Executiva Nacional do BNG.

Unha reforma laboral ao corazón da clase traballadora

Foron gobernos de PSOE e PP os que se foron alternando, nestas últimas dúas décadas e media, no seu afán de ir adecuando o mercado laboral do Estado español ás continxencias que demandaban os intereses do capital e da patronal.

pactosocial

Rafa Vilar

Seguindo a implacábel lóxica neoliberal, o Goberno de Rodríguez Zapatero daba estes días a coñecer do texto dunha nova reforma laboral, e van xa seis desde o cambio de réxime político no Estado español. Seis reformas, con esta, dirixidas case univocamente a socavar dereitos laborais dos traballadores e traballadoras, culpabilizándoos de canto mal afecta á economía do Estado español, coma se realmente fosen os custos laborais os responsábeis dos arrandeos dunha economía inflada a golpe de burbullas (inmobiliaria, financeira...) e brutalmente debilitada nos dous últimos anos de estourido da actual crise capitalista.

Foron gobernos de PSOE e PP os que se foron alternando, nestas últimas dúas décadas e media, no seu afán de ir adecuando o mercado laboral do Estado español ás continxencias que demandaban os intereses do capital e da patronal. Moitas veces, sabedores de que as cúpulas dirixentes dous grandes sindicatos estatais, CCOO e UGT, fixeran da concertación social (e de clase) a súa única estratexia posíbel, deixando ao pairo a unha clase traballadora cada vez máis fracturada e desencantada. Unha clase traballadora que, ao mesmo tempo, perdía participación e referencias políticas nas que soster unha posición en defensa dos seus intereses comúns.

Así as cousas, as reformas laborais foron caendo unha tras outra, inexorabelmente, cumprindo coa lóxica do neoliberalismo capitalista que os gobernos do Estado aplicaron sen desmaio. Agora, o agravamento da crise volve pedir unha nova volta de parafuso e xa está en marcha outra vez o receitario neoliberal sobre a clase traballadora e os sectores populares. Quen oficia no actual escenario é o Goberno do PSOE de Rodríguez Zapatero, mentres nun recanto o PP con Rajoy á fronte aplaude e comunga con esta reforma laboral, mais aproveita tamén para actuar acelerando o desgaste do esfolgaxado Executivo socialista. Á fin e ao cabo, son Fondo Monetario Internacional, Banco Central Europeo, etc., e iso que se deu en marchar eufemisticamente “os mercados”, os que administran solucións(?) a unha crise que eles crearon como un espectral Frankenstein andante, que amedontra nacións, estados e poboacións (Grecia, Portugal, o Estado español, etc...).

Despedimento máis barato

O pasado mércores 16 de xuño anunciouse a aprobación en Consello de Ministros do paquete de medidas que articulan a sexta reforma laboral no Estado español desde que no ano 1984 o Goberno dun daquela pletórico Felipe González fixera a gran primeira reforma do mercado laboral no Estado español. Un González que estes últimos días volvía cobrar inusitado protagonismo mediático, upado polo grupo PRISA que semella ver no expresidente do Goberno español bondades e vontades que seica non atopa nun olleirento Rodríguez Zapatero.

A tramitación elixida (ou forzada polo PP) polo Executivo español vai ser vía proxecto de lei, polo que nas Cortes españolas as forzas políticas con representación parlamentaria debaterán o texto, coa posibilidade de introducir modificacións que en todo caso apenas van alterar o significativo desta reforma laboral (se acaso, aínda a farán máis lesiva para os traballadores), enfocada a un abaratamento e facilitación do despedimento e, xa que logo, a achegar as condicións da contratación indefinida ás da contratación temporal. O propio Partido Popular anuncia que vai facilitar a tramitación parlamentaria da reforma, apoiando coa súa abstención o debate do texto.

Como non podía ser menos, a gran patronal e a banca fregan as mans con ledicia ante esta reforma laboral que, máis unha vez, executa un goberno “de esquerdas”, goberno que, estando tocado, fica practicamente afundido de cara aos próximos envites electorais, deixando aos pés dos cabalos da nova vaga neoliberal a unha clase traballadora desesperanzada e desconfiante. E parece que a retardada convocatoria feita polos dous grandes sindicatos estatais para unha folga xeral nos primeiros días do outono (29 de setembro) tampouco non é o mellor antídoto contra ese escepticismo crecente e a preocupante desmobilización xeral que o acompaña. E apenas o sindicalismo nacionalista é quen de propor unha axenda mobilizadora diferente; en Galiza a CIG realizaba manifestacións nas principais cidades o xoves 17 de xuño e en Euskal Herria a chamada maioría sindical vasca prepara unha folga xeral para finais deste mesmo mes.

A urxencia dunha resposta

Mais os tempos non están para laios nin para conformismos. Máxime cando non é difícil entrever que a esta reforma laboral lle han seguir novas medidas de axuste e recorte social, como as que se parecen intuírse no ámbito dos sistema público de previsión social (pensións), algo do que se vén falando con insistencia nos últimos tempos e que conta coa beizón tanto dos grandes partidos estatais como do poder económico que ven precisamente aí unha posibilidade máis de negocio á custo dos intereses dos traballadores e traballadoras.

Tócalle, por tanto, á clase traballadora (asalariados, desempregados, precarizados...) revoltarse e responder coa mobilización as novas agresións que o capital esgrime e igualmente reserva para un futuro próximo. Nesa longa cadea de recortes laborais e sociais, esta reforma laboral no Estado español é apenas un elo máis. A Europa neoliberal segue a alimentar a voracidade dos mercados, mentres a clase traballadora e os sectores populares soportan sobre os ombreiros os efectos dunha crise que nin de lonxe provocaron, máis que ameaza fortemente as súas/nosas actuais condicións de vida.

En Galiza tamén.

Páxina 1 de 3123