Organizarmos a rebeldía para transformar a realidade

 
Podemos agardar, como di Marcos, a que chegue a mañá -o pobo toma consciencia de seu e aposta na soberanía e no combate do sistema- ou podemos desvelarnos e camiñar a noite: autoorganizarnos, crear estruturas propias que resistan as agresións das políticas neoliberais, traballar para mudar a realidade...

Ximena González.

O futuro é posíbel imaxinalo e non só aceitalo
Eduardo Galeano

Dixo o Subcomendante Marcos nunha ocasión que “a liberdade é como a mañá. Hai quen agarda durmida a que chegue, pero hai quen desvela e camiña a noite para alcanzala”. Desvelarse e camiñar na noite non son promesas de camiños fáciles, mais son, sen dúbida, un camiño certo para non sermos espectadoras da vida senón protagonistas.

Na acción política as soberanistas de esquerdas afrontamos un reto maiúsculo: combater (e destruír) o sistema económico e construír (e conquistar) a soberanía. Podemos facer inumerábeis cousas polo camiño, mesmo que algunhas supoñan avanzar e outras non facelo, mas se camiñamos é porque o facemos nesa direción. É un camiño duro, difícil. Decir o contrario sería enganarnos. Alguén pensa que un sistema ao que quere derrotar lle vai dar facilidades para facelo? Non parece e as experiencias demostran que non é.

Os camiños difíciles requiren de compromisos firmes para ser percorridos pero asumímolos porque queremos transformar a realidade en que vivimos e colocar a nosa rebeldía ao servizo dese obxetivo.

A maior dificuldade é o traballo constante feito no día a día, a necesidade de actuar con coherencia nunha realidade que nos empurra permanentemente cara ás contradicións do sistema en forma de camiños fáciles. Quen non gostaría de poder escoller unha forma fácil de facer as cousas? Unha forma que permitise adquirir poucos compromisos e navegar nos camarotes con vistas en lugar de ter que ir, as máis das veces, na bodega?

Hai moitas formas de percorrer os camiños duros pero resúmense en dúas: mal ou ben. Podemos agardar, como di Marcos, a que chegue a mañá -o pobo toma consciencia de seu e aposta na soberanía e no combate do sistema- ou podemos desvelarnos e camiñar a noite: autoorganizarnos, crear estruturas propias que resistan as agresións das políticas neoliberais, traballar para mudar a realidade, ser activistas e impulsoras de loitas sociais e conflitos que amosen os límites deste sistema e das súas institucións, crear condicións materiais de vida alternativas ás que ofrece o sistema, facer da vida o centro das políticas, comprometernos con honestidade a acumular forzas no campo soberanista e sumar os nosos esforzos aos esforzos das demáis para avanzar no camiño.

E para todas estas tarefas que temos por diante precisamos unha ferramenta política útil, que non nos enrede en burocratismos mas que tampouco nos convirta en espectadoras das decisións que toman unhas poucas. Unha ferramenta que funcione ao servizo da transformación social, que abra tantos espazos de debate e traballo como sexan precisos, construídos por quen en cada recanto deste país queira participar nela. Unha ferramenta na que todas as voces sexan escoitadas e as representantes públicas estean ao servizo da organización, non ao contrario. Unha ferramenta na que as decisións sexan coletivas e radicalmente democráticas. Unha ferramenta actualizada que sirva para actuar socialmente, acumulando forzas no campo soberanista para mellorar a vida das persoas. Unha ferramenta que actualice o proxecto histórico do nacionalismo, que faga de cada activista un referente e de cada militante unha activista.

Son tempos de papeis na reflexión colectiva da fronte patriótica. Para quen non coñeza o funcionamento da fronte unha asemblea nacional consiste en plasmar en documentos as reflexións e análises colectivas nun proceso de debate e emendas intenso que require un compromiso por parte da militancia. Documentos que se empregan como folla de ruta para o traballo diario das miles de mulleres e homes que nos organizamos no BNG. Por iso digo que son tempos de papeis.

Os papeis teñen unha virtude: terman de todo o que neles se coloque, das cuestións máis concretas aos obxetivos estratéxicos que nos impulsan a seguir camiñando. Hai tres anos colocamos neses papeis propostas de mudanza no funcionamento da organización: quixemos máis democracia, máis participación, máis pluralidade nos referentes, novas voces e actores políticos... e liñas políticas centradas no traballo social e na construción dunha conciencia nacional imprescindíbel para avanzarmos e construír a República Galega. Apostamos na mobilización, na participación e impulso de loitas sociais que combatan o sistema económico, na desobediencia fronte á vaga recentralizadora do estado español...

Temos que seguir actualizando a ferramenta. Agora renovamos moitas desas apostas e temos que facelas por fin realidade na nosa práctica diaria. Comprometerse a levar adiante todas as mudanzas propostas naquel momento e no actual e escoller as persoas que mellor podan defendelas e sobre todo practicalas. Sabemos que non vai ser fácil mas é absolutamente imprescindíbel.

Somos moitas as soberanistas que queremos traballar máis, e dende logo moitísimo mellor, do que o temos feito ata agora para transformar a sociedade en que vivimos, para que Galiza sexa un pobo rebelde que con voz propia imaxine e constrúa un futuro diferente para a humanidade.

Eis o asunto central ao que adicar os nosos esforzos nos tempos que veñen, no que non sobra ninguén que queira andar o camiño, citando a Emma Goldman: “antes de que podamos perdoarnos unhas ás outras temos que entendernos", non hai mellor forma de reflexionando colectivamente.

A traballar.

PS: Si, cando haxa unha cita eleitoral, colocaremos todo ese traballo construído no día a día ao servizo do país para que teña unha voz propia alí onde sexa necesaria.

 

De nova política e vellos procedementos. Ourense: caso práctico

Agardaba unha práctica política de quen di vir a renovalo todo que non se parecese tanto ás vellas prácticas que eu mesma combato dende que participo activamente en política.

Ximena González

Pasaron 100 días das municipais de maio e hoxe tócame facer unha reflexión non sobre o único goberno dunha cidade galega gobernada polo PP -do que non esperamos gran cousa, como é obvio- senón do comportamento que Ourense en Común acaba de amosar en relación a unha iniciativa do BNG de Ourense -agora sen representación no Concello- nun tema central para a cidade no que moitas levamos xa varios anos traballando. 

A situación do urbanismo en Ourense, coa caída do plan elaborado polo Partido Popular en 2003 -aquel gran pelotazo que combatemos nas rúas e na institucións- é de caos, incerteza e preocupación. A máis que probábel caída da ordenación provisional, o feito de ter que traballar no urbanismo cun plan de 1986 que nada ten que ver coa cidade construída, as reclamacións patrimoniais que poderían arruinar o Concello de Ourense e volver deixar en mans do PP o traballo de resolver a situación son motivos suficientemente graves como para que gran parte da acción política local estea centrada nesta cuestión.

Así, as que percorremos asociacións de veciñas e barrios durante a fase de exposición pública e traballamos coas veciñas nun proceso participativo que o PSOE nos furtara a todas ao non abrir unha fase previa de diálogo coas veciñas, seguimos empeñadas en traballar para pórlle ao Partido Popular todas as dificultades posíbeis para que consiga un segundo pelotazo e un novo PXOM que volva beneficiar o particular -particularmente os seus amigos construtores- fronte ao colectivo. 

Na votación que tivo lugar en novembro de 2014 para dar a coñecer á cidadanía o documento do PXOM elaborado polo goberno do PSOE -coas achegas do BNG durante o tempo que estivemos cogobernando- as concelleiras do BNG deixamos claro que o noso apoio á aprobación inicial implicaba unha segunda fase de exposición pública sen a cal non daríamos en ningún caso apoio á aprobación definitiva, calquera que fose o documento resultante desa primeira fase. 

A aprobación inicial saíu adiante con ese compromiso do PSOE dunha segunda exposición pública. Moitas militantes do BNG traballamos no plan e emendamos o documento en beneficio das veciñas da cidade, asesoramos a moitas veciñas, explicamos o plan, apoiamos as alegacións de moitos colectivos e, chegadas as eleccións e tras facerse o PP co goberno da cidade, nós, xa dende outro espazo, seguimos traballando neste documento igual que fixemos estando no Concello.

O pasado 15 de setembro participei na rolda de prensa coa que o BNG anunciou o rexistro dunha moción dirixida aos catro grupos políticos que conforman hoxe o Concello de Ourense -PP, PSOE, Democracia Ourensana e Ourense en Común- na que se solicitaba que levaran a pleno un acordo para unha segunda exposición pública do PXOM con nova fase de alegacións, imprescindíbel para garantir transparencia e participación na elaboración deste documento por parte de todas e dificultar un acordo partidario que reparta a cidade en función dos intereses do PP e os seus amigos. 

Estes días o partido instrumental para a acción municipalista que é Ourense en Común -o  que noutros sitios se dá en chamar mareas- anunciou que levará ao pleno do mes de outubro un acordo para que o pleno aprobe unha segunda exposición pública do PXOM sen facer mención ningunha á proposta que lle remitimos dende o BNG o 15 deste mesmo mes. 

Cando preguntamos a algún dos integrantes de Ourense en Común sobre por que non se menciona nada da proposta que lle remitimos dende o BNG, a resposta ou non existe ou é -literalmente- esta: «Vaise apresentar unha moción co punto t1 en materia de urbanismo do programa participativo co que Ourense en Común concorreu ás eleccións municipais de maio. Punto no que concordamos coa solicitude do BNG». 

Nunca, no tempo en que fun concelleira, ningunha das miñas compañeiras negou a ningún colectivo, asociación ou partido a autoría dunha proposta nin tivemos ningún problema en sinalar que recollíamos unha petición de outr@s para levar a súa voz ao Concello. Fun voz de colectivos cos que apenas concordaba na petición concreta do que nese momento reclamaba para eles, trasladamos directamente a voz das veciñas ao pleno, sempre -sempre- dicindo que eran elas e non nós as que o pedían e sumando o noso apoio a esa petición, reclamación ou proposta. Nunca proclamamos a honestidade máis que para aplicala no traballo diario que facemos e seguimos facendo, onde nos toca en cada momento. 

Non acredito na neolinguaxe que converte as boas intencións en mercadoría para a venda, sexa electoral ou social, o fin que persegue, mais si coñezo xente honesta en todas partes que trata de traballar o mellor que sabe no proxecto no que mellor se atopa. Iso facemos as militantes do BNG en Ourense, como imaxino que en cada recuncho do país onde teño compañeir@s. E o noso traballo ten o mesmo valor que o das demais, nin máis nin menos que o do colectivo veciñal que pide arranxar un banco da praza, mais cunha diferenza, nós damos pasos para ir nunha dirección, non facemos apenas política de circunstancia. 

Con este episodio entre o BNG e Ourense en Común agardaba máis honestidade de quen non quita a palabra da boca. Agardaba máis elegancia de quen acusa o resto de representar todos os males do mundo. Agardaba unha práctica política de quen di vir a renovalo todo que non se parecese tanto ás vellas prácticas que eu mesma combato dende que participo activamente en política, que consisten en levar palabras na boca das que vivir mais que pouco ou nada se practican. 

Non sei se a partir deste episodio é tempo de deixar de agardar nada de quen non é sequera capaz de recoñecer o traballo das demais e decide vestilo de feliz coincidencia co único obxectivo de non mencionar a quen leva traballando en facer da elaboración do novo planeamento da cidade un tema central, pateando os barrios e explicando o PXOM ás veciñas mesmo antes de que outros partidos ou iniciativas naceran. De quen, ao fin e ao cabo, acaba de volver pór no centro do debate a segunda fase de exposición pública, cando outr@s aínda falaban de tarxetas para aparcar que outras nunca tivemos, de privilexios dos que xa outras antes nunca gozamos e do duro que é facer política en Ourense. Que nolo digan a nós, que acaban de ningunearnos os últimos de quen agardabamos tal cousa.

 

Sorride porque avanzamos, e iso significa que estamos vencendo

Aprendemos tamén que avanzamos con cada proxecto transformador que iniciamos, porque de todos eles saímos con máis compañeiras conscientes da necesidade do traballo militante, malia que algunhas das anteriores fiquen quizáis polo camiño.

Ximena González

“Porque a clase obreira italiana mudou moito e non será a cousa máis simple deste mundo facer que volte ocupar as fábricas con tubos de estufa por canóns, despóis de aturdirlle as orellas e removido o sangue coa torpe demagoxia das feras maximalistas”
Antonio Gramsci, 1924

Gramsci escribiu en 1924 un artigo publicado en  L'Ordine Nuovo titulado 'Contra o pesimismo' no que reflexionaba e alertaba ás súas camaradas sobre o escepticismo xerado nun momento político complicado sobre o futuro político do partido. Sempre lembro este artigo cando crece a incertidume a nivel social e político.  

O sistema capitalista é un grande burato negro que engule a forza e a ilusión militante en canto nos descuidamos un pouco. Adicar tempo, esforzo e sacrificio á transformación radical dun sistema profundamente inxusto, nunha sociedade cada vez máis individualista, cun panorama político incerto e nun contexto de aumento da españolización medindo os éxitos e os fracasos polo patrón que o propio sistema marca pode levar moitas veces ao pesimismo e o desánimo individual e colectivo. 
 
Pero por fortuna temos o feminismo, que nos ensinou a desmontar o discurso do éxito que os sistemas patriarcal e capitalista nos gravan a lume na pel. Aprendemos que avanzar, moito ou pouco, é vencer, porque con cada avance realizado temos unha oportunidade máis para mudar as cousas. Aprendemos tamén que avanzamos con cada proxecto transformador que iniciamos, porque de todos eles saímos con máis compañeiras conscientes da necesidade do traballo militante, malia que algunhas das anteriores fiquen quizáis polo camiño. Aprendemos que todas as iniciativas colectivas que pomos en marcha suman porque de todas ellas podemos aprender algo, dos acertos e dos erros, das pequenas ou grandes victorias e das pequenas ou aparatosas caídas, se traballamos con honestidade e compromiso. Aprendemos ademáis que con cada debate e reflexión que iniciamos e partillamos, cuestionando o estado das cousas, estamos un pouco máis preparadas para afrontar os retos futuros de todo o que aínda temos por gañar nese ceo que queremos tomar por asalto na construción dunha sociedade xusta e equitativa dun país soberano e solidario co resto de pobos do mundo. 

É dende este convencemento de que cada paso que damos nos achega á victoria que podemos afrontar con optimismo as tarefas diarias da nosa militancia política. Conscientes do sacrificio mas tamén da importancia de cada paso e de cada proxecto no longo e difícil camiño cara esa utopía á que camiñamos, rescatando un pensamento de Eduardo Galeano, non só porque a soñamos senón porque nos axuda a andar o camiño, para nós as comunistas coa certeza de facela posíbel.

E se estamos convencidas de que dar pasos é avanzar, e de que cada avance é unha vitoria tamén sabemos que cada proxecto que sume nese camiño é imprescindíbel. Esta é unha das cuestións das que máis deberamos ocuparnos na actualidade as mulleres e homes que traballamos pola construción do socialismo e a conquista da idependencia na Galiza. Nun momento no que calan discursos antipolíticos contra a autoorganización social e mesmo contra as estructuras políticas temos que saber que a organización é imprescindíbel, que as transformacións sociais non xurden de xeito espontáneo, que a hexemonía cultural non se desmonta dende as armas do sistema e que os procesos de liberación nacional ou son unha acumulación de forzas que respalden as decisións e as apostas políticas de ruptura democrática ou non serán. 

Cada asociación en defensa da lingua, da cultura, da historia e do patrimonio material e inmaterial, da memoria, cada proxecto de defensa e conservación do territorio, cada espazo feminista de defensa da soberanía das mulleres, cada meio de comunicación en galego e cada iniciativa social que defenda Galiza como unha nación son imprescindíbeis. Como o son cada loita pola xustiza social, cada conflito obreiro ou cada iniciativa en defensa dos dereitos sociais e políticos das galegas e galegos. Porque con cada un destes proxectos que impulsamos, afortalamos ou acompañamos damos un paso e avanzamos.

A pesar da difícil tarefa que temos por diante non hai lugar para o pesimismo no nacionalismo galego. Os proxectos vanse transformando e os espazos políticos mudan si, mas sempre fumos quen de defender e mobilizar unha sociedade activa e comprometida. É certo que ás máis das veces os números do sistema din que perdemos, mas temos que ser capaces de ollar ao redor e ver que son inumerábeis as persoas que en cada recuncho do país traballan por construír e reconstruír o país, dende a militancia, os activismos, as tarefas profesionais, o lecer, a cultura, o asociacionismo. Nacen sen descanso proxectos, grandes e pequenos, que nos ensinan ao mundo coas potencialidades dunha terra viva e creativa con vontade de ser en pé de igualdade co resto de pobos do mundo. E todos son importantes, e todas as compañeiras imprescindíbeis. 

Asi sumar forzas é unha tarefa moito máis construtiva. Respeitar os espazos nos que cada quen desenvolve a súa actividade militante e entender eses espazos como parte imprescindíbel da loita común e non como espazos de subordinación a ela permite establecer relacións de confianza que nos achegan a oportunidades de colaboración e traballo colectivo cheas de avances e pequenas victorias que despexan o negro horizonte que para nós quere debuxar o sistema. 

Dende o ambientalismo, o internacionalismo, a cultura, o feminismo, a defensa do territorio, a loita sindical, a autoorganización social, os medios de comunicación propios, o compromiso político, a participación, a universidade, o urbano ou o rural construímos nación e transformamos a sociedade. Paso a paso, proxecto a proxecto, avance a avance, concello a concello, victoria a victoria. Tal e como di Vandana Shiva: “estou totalmente segura de que gañaremos, semente a semente, planta a planta, camponesa tras camponesa, comunidade tras comunidade. E liberaremos a terra. E gañaremos a seguridade alimentaria” co optimismo co que só enfronta unha loita planetaria contra os maiores poderes do capital unha feminista decidida. 

 

Leccións do 8 de marzo

Todos estes recortes pola 'austeridade' non poden esconder que as políticas aplicadas son fondamente ideolóxicas, como a aprobación do Plan de apoio á muller embarazada que relega as mulleres ao rol de nais, que dá dereitos aos 'non nacidos'

Ximena González

O feminismo galego recuperou este 8 de marzo a unidade de acción contra as políticas conservadoras do capital. Despois de moitos anos de falta de entendemento e diverxencias en canto aos campos de acción de loita no país o movemento feminista reuniuse novamente para articular unha campaña nacional conxunta que dese resposta aos ataques das políticas neoliberais e ultracatólicas que o Partido Popular aplica dende a súa chegada primeiro ao goberno da Xunta e máis tarde ao goberno do Estado.

A Campaña 'Mulleres en loita polos nosos dereitos' recuperou un espazo de reflexión, debate e entendemento no que o movemento feminista traballou, dende as súas diferentes ópticas, para elaborar unha táboa de reivindicacións e exixencias como o dereito ao aborto libre e gratuíto, medidas e recursos para a erradicación da violencia machista, sanidade pública, universal e gratuíta con especial atención á saúde das mulleres, prestacións sociais e pensións dignas, equiparación laboral para as traballadoras do fogar, garantía de plenos dereitos para as persoas migrantes, medidas para eliminar a feminización da pobreza e para garantir igualdade laboral, dereito a escoller e gozar da sexualidade libremente, a coeducación, medidas para garantir unha vida plena ás persoas con diversidade funcional, aplicación da Lei de titularidade compartida nas explotacións agrarias, medidas para favorecer a atención aos coidados... Reivindicacións que se traballaron a través de palestras, proxeccións, exposicións, actos de rúa e que culminaron na mobilización nacional do domingo 11 de maio.

Catro anos despois do VII Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres celebrado en Vigo que supuxo unha das maiores mobilizacións feministas do noso país, a campaña conseguiu encher, nun ambiente festivo e reivindicativo, as rúas de Compostela de colectivos, organizacións e mulleres de todo tipo que reclamaron xuntas os seus dereitos. Esta campaña conxunta e o seu éxito, tanto das actividades locais como da mobilización nacional, amosa a forza que ten o movemento feminista na Galiza e a necesidade de revitalizalo para dar resposta aos ataques que sofren as mulleres.

O feminismo (os feminismos), como parte dos movementos sociais na Galiza, ten pasado por momentos de incerteza e fraqueza coa multiplicación dos referentes e a atomización das organizacións, mais, a diferenza doutros, mantén a súa capacidade de entendemento e de acción colectiva como unhas das súas maiores fortalezas, como se ten demostrado este 8 de marzo.

Compre, dende as diferentes realidades e reflexións, dende as diversas análises e prácticas feministas, dende a pluralidade dos feminismos, contribuír a reforzar esta unidade para facer fronte aos cada vez maiores recortes de dereitos e ataque ás liberdades das mulleres. Só cun movemento feminista forte, plural, poliédrico e diverso é posíbel artellar dende todas as frontes a resposta necesaria ao capitalismo e ao seu mellor aliado: o patriarcado.

Perder todos os dereitos, recuperar todas as loitas

A necesidade dun movemento feminista forte reside tamén na forza dos ataques que se lanzan contra os dereitos das mulleres nun momento no que non só son as políticas económicas de precarización laboral ou salarial das mulleres ao que hai que enfrontarse, senón todos os ataques da dereita ultracatólica que están a elaborar leis e medidas que sitúan ás mulleres en épocas pasadas, cun discurso que devolve a familia nuclear ao centro da vida das persoas e relega as mulleres ao rol tradicional de nais e esposas.

Dende os sectores máis reaccionarios emprégase a coartada da crise para agudizar a situación de precariedade e desigualdade laboral e social das mulleres. Así, o PP desmantela dende a súa chegada  á Xunta todos os avances en materia de políticas de igualdade que se tiñan dado ata o de agora e ataca os dereitos conquistados polas mulleres nos últimos anos.

Unha das primeiras decisións do executivo de Feijóo foi a eliminación do Servizo Galego de Igualdade e das oficinas de I+B, seguiron a eliminación do programa ENTENDO que daba resposta xurídica, médica e psicolóxica ao colectivo LGTB, a eliminación do orzamento do Plan concertado da Seguridade Social que inclúe o Servizo de axuda no Fogar e a perda dos postos das auxiliares do SAF, eliminou o programa Preescolar na casa, cancelou a posta en marcha do servizo ‘Kanguros’, abandonou os plans de saúde de Atención á Muller, subiu as taxas das garderías,  duplicou as taxas dos comedores escolares, reduciu nun 377% os programas destinados a accións para a igualdade, protección e promoción das mulleres, á metade as axudas por fillas/os menores de 3 anos e paralizou o Plan Galego de Emprego Feminino contemplado na Lei 2/2007.

Pero todos estes recortes pola 'austeridade' non poden esconder que as políticas aplicadas son fondamente ideolóxicas, como a aprobación do Plan de apoio á muller embarazada que relega as mulleres ao rol de nais, que dá dereitos aos 'non nacidos' facendo que conten como membros da unidade familiar mentres nos nega ás mulleres o dereito a acudir a un especialista a realizar unha revisión postparto.

A esta precarización da vida das galegas con todos os recortes feitos dende a Xunta seguen as políticas conservadoras do PP na súa chegada ao goberno do Estado: unha reforma laboral que dispara o desemprego, a precariedade e aumento da temporalidade xa alta do emprego feminino e unha reforma das pensións que incrementan a desigualdade e a dificuldade das mulleres para acadar unha xubilación xusta.

Estas reformas, xunto co anuncio de volver incluír o aborto no código penal devolven a tutela sobre as nosas vidas, a nosa sexualidade e a nosa maternidade ao estado tras anos de loita feminista para conseguirmos ser máis independentes e máis libres. Ante esta situación é que o movemento feminista debe cobrar maior protagonismo, como neste 8 de Marzo,  reaxir con forza para mobilizarse na defensa dos dereitos das mulleres e saír ás rúas a reclamar que no noso corpo non mandan os conservadores e nas nosas vidas non manda o capital.

Ximena González participa na Marcha Mundial das Mulleres.