Carles Castellanos pode ser definido, con toda xustiza, como un dos integrantes históricos do independentismo catalán de esquerdas. Militante na actualidade de Poble Lliure e da CUP, e colaborador da Assemblea Nacional Catalana (ANC), na que exerceu a vicepresidencia, ten un longo percorrido histórico desde os anos 60, que o levou á prisión, á clandestinidade e ao exilio. Castellanos tamén desenvolveu vizosas reflexións sobre a cuestión nacional, a súa relación co marxismo e o materialismo histórico, entre outras moitas achegas ao pensamento político e teórico. Achegámonos a el nun momento absolutamente crucial na historia do seu país, con sonoras repercusións en todo o Estado.

A primeira pregunta é difícil. Queriamos coñecer cales son as chaves máis importantes do movemento de fondo que trae Cataluña a esta conxuntura política.

Trátase da confluencia de diferentes elementos: dunha banda, hai o desenvolvemento do independentismo que se formou nos anos 80 do século pasado (protagonizado por Terra Lliure, o Moviment de Defensa de la Terra e os Comitès de Solidaritat amb els Patriotes Catalans). Unha década de mobilizacións importantes e finalmente a represión do ano 1992 (o ano dos Xogos Olímpicos de Barcelona) estenderon a sensibilización independentista a milleiros de persoas.

Esta corrente de fondo confluíu coa desafección cara ao Estado español que tivo lugar arredor do proceso de rexeitamento do novo Estatuto de Autonomía (aprobado no Parlamento catalán no ano 2005) e toda a política anticatalá (en termos culturais — ensino, cultura — e de exacción económica — expoliación fiscal) que se foi desenvolvendo neste período. Finalmente a crise económica do 2008 axudou a radicalizar a reivindicación da necesidade da independencia.

En  concreto, que é o que vota o pobo catalán o próximo 27 de setembro? Despois dun ciclo de enormes mobilizacións de masas, dunha consulta ilegalizada, mais celebrada, estades por fin ante a fase final?

O que se vota o 27 de setembro é principalmente se o pobo de Cataluña quer a independencia. E ter unha constatación de carácter “oficial”, é dicir, que sexa homologábel en termos internacionais. De todas as maneiras, esta votación non será o final de nada, senón a posibilidade do inicio da desconexión do Estado español. Se o Estado español usa a represión isto aceleraría aínda máis o proceso de desconexión. Hai dous momentos clave nesta nova conxuntura: primeiro, conseguir unha votación maioritaria (da maioría de escanos) favorábel á independencia. E a continuación, todo o período de desconexión do Estado español, que representará empezar a actuar como un Estado independente. Este segundo momento pódese prolongar un certo tempo porque non se daría un paso significativo até que os impostos non se recaden directamente en Cataluña, por exemplo ...

Os acontecementos tamén favoreceron o desenvolvemento da CUP como axente político emerxente. Como plantexades o futuro da CUP como ferramenta política, e cal é o seu papel dentro da unidade popular catalana?

O factor principal que beneficiou a emerxencia da CUP como axente político foi, dunha banda, o seu enraizamento territorial e, doutra banda, a capacidade política dos parlamentarios actuais. A CUP convenceu moitos sectores da poboación, non só polo seu programa, mais tamén pola súa clara posición independentista por cima dos intereses electoralistas doutros partidos. Ao longo destes meses pasados nos que fomos desenvolvendo espazos amplos de esquerdas favorábeis á independencia, vimos como a CUP ía xogando o papel de articulador dese espazo de esquerdas e da organización dos sectores mobilizados das clases populares. Ademais dun papel importante na orientación do momento político. A CUP é o núcleo duro do proceso independentista e da defensa dos intereses das clases populares.

Arredor da CUP vanse articulando diferentes iniciativas que configuran o que se pode denominar espazo da Unidade Popular, un espazo cun peso crecente dentro da sociedade catalá.

Ademais, ti participaches activamente na ANC. Cal é a importancia deste espazo e cal é o da esquerda independentista nela, con sectores cos que non se comparte o modelo social?

A miña implicación na ANC foi variábel no tempo. Fun membro do Secretariado Nacional no primeiro mandato e, concretamente, vicepresidente. Máis tarde tiven unha vinculación menos importante. A ANC ten capacidade de mobilizar centenares de milleiros de persoas, mais a súa estrutura componse de xente con pouca experiencia política e por iso é bastante vulnerábel a diferentes formas de manipulación. A pouca implicación da esquerda independentista dentro da ANC atrasou a súa maduración, unha maduración que, con todo, ha de se ir producindo, ultimamente con posicionamentos favorábeis ás reivindicacións populares.

Canto á esquerda independentista, só os sectores próximos a Poble Lliure traballaran para favorecer este proceso de maduración da ANC. A tarefa que se levou a cabo na ANC vai no sentido do que se definiu como “Ruptura Democrática pola Independencia”, isto é, unha práctica política que permite o avanzo da conciencia política a partir da mobilización, a defensa da radicalidade democrática e a defensa dos intereses das clases populares. A contradición prodúcese no nivel da práctica política porque os sectores máis próximos á mediana burguesía (dirixentes de CDC) miran de frear a implicación da ANC nas loitas populares.

Ultimamente este proceso vai avanzando e a orientación xeral do independentismo vaise decantando cara á esquerda, tal como as últimas eleccións municipais puxeron en evidencia.

No bando contrario, temos respostas de diferente signo que pretenden negar o suxeito catalán, desde as tradicionais que apostan pola negación até as actuais que apostan á integración, rexeneración e quizais reformulación do Estado. Detectades percorrido nestas propostas?

A influencia destes sectores rexeneracionistas españois non está aínda estabilizada. A experiencia de Barcelona en comú é moi particular de Barcelona, onde se integraron persoas e experiencias moi concretas das que non se pode dicir que sexan antiindependentistas. Actualmente o proxecto a nivel de Cataluña depende sobre todo da confluencia de Podemos con ICV-EUiA. Parece que Podemos pode ter un certo apoio electoral (mais sempre por debaixo do 17% do electorado, seguramente) e ICV-EUiA atópase en perigo de desaparecer... Esta confluencia é difícil. E as expectativas de Podemos hanse estancar a medida que se vaia visualizando a súa orientación política real de carácter “lerrouxista”.

A independencia supón a constitución dunha nova República, mais a súa definición non está pechada. Como interactúan as demandas de construción dunha nova sociedade, as aspiracións das clases populares, coa ruptura co Estado Español?

Como xa o comentei, desde hai uns cantos meses estase a producir un desprazamento da hexemonía, dentro do independentismo, cara á esquerda, reflectindo, de feito, a sensibilidade existente no seo do pobo catalán. As últimas eleccións municipais puxérono en evidencia.

Desde hai máis dun ano e medio, desde Poble Lliure e diferentes plataformas unitarias (Col·lectiu Drassanes, Esquerres per la Independència etc..) estase a traballar porque se vaia estendendo o apoio social á nova República Catalá Independente. A definición explícita como “República” xa axudou a avanzar posto que os sectores máis inmobilistas evitaban explicitar este marco político. Para avanzar nos contidos promovemos o que denominamos “Debate Constituínte” sobre o modelo de país que o pobo catalán quer e necesita.

Este proceso pecharase finalmente cun movemento participativo (que non se limitará só ao campo parlamentar) que está a tomar a forma dunha Convención Constitucional. A partir do 28 de setembro estes procesos aceleraranse e confluirán cara á construción dunha República Catalá Independente, socialmente avanzada. O resultado final dependerá da correlación de forzas que se poderá lograr en cada momento no camiño do socialismo.

Finalmente, tamén é ben complexa a territorialidade da nación catalá, un obxectivo histórico que se tende a perder de vista. Que pasos planeades para a construción da República dos Países Cataláns?

Partimos do recoñecemento de que os Países Cataláns son a nosa nación e de que a análise do estado de conciencia actual nos mostra que se trata de rexións históricas (Cataluña, País Valencià, Illes) con formacións sociais diferenciadas e, por tanto, con dinámicas específicas. É por esta razón que se reivindica o dereito a decidir desde o traballo amplio de cada unha das rexións históricas

Desde o 2012 o País Valencià e as Illes vanse incorporando a unha dinámica moi importante de mobilización, arredor de reivindicacións culturais e sociais, mais cunha perspectiva de cambio político en profundidade. Nas últimas eleccións autonómicas e municipais (autonómicas, no noso caso, só para o País Valenciano e as Illes) xa se percebeu esta impotante corrente de cambio.

 

A construción dos Países Cataláns farase a partir da maduración política das rexións históricas. Desde a esquerda independentista foméntase a cooperación social e cultural, os programas de apoio mutuo e de solidariedade, e a creación de plataformas políticas conxuntas.

Partimos da convición de que as contradicións do momento político acelerarán este proceso de forma que a distancia entre diferentes niveis de conciencia política se irá reducindo até fundirse (antes ou despois da independencia de Cataluña) nun só movemento cara á República popular e federativa dos Países Cataláns.