o Movemento Galego ao Socialismo culminou neste sábado o seu segundo proceso asemblear, nunha sesión plenaria celebrada no Pazo de Congresos de Pontevedra

Tras unha participativa e intensa xornada de debates o Movemento Galego ao Socialismo culminou neste sábado o seu segundo proceso asemblear, nunha sesión plenaria celebrada no Pazo de Congresos de Pontevedra. Rematou así un demorado proceso de elaboración e discusión dos documentos que se estendeu durante meses nas asembleas territoriais e en diversos encontros abertos a colaboradores e simpatizantes.

Na asemblea aprobáronse dúas teses: unha política, que sintetiza as análises da conxuntura e marca orientacións para os vindeiros dous anos, e outra de carácter organizativo, que pretende contribuír a perfeccionar a estrutura e funcionamento do partido. Ademais, definiuse polo miúdo un programa político estratéxico e reformáronse os Estatutos, que ratificaron a integración de Isca! como a organización xuvenil do partido e profundizaron no modelo organizativo propio dun partido comunista. Tratouse dunha cita exenta de ritualismo baleiro e cargada de contido, que consolida e desenvolve o proxecto dunha formación aínda moi nova, con cinco anos de existencia mais xa con importantes responsabilidades no movemento de liberación nacional galego.

 3-7

 

Aliás, a militancia escolleu a nova Mesa Nacional, que é unha equipa que pretende aproveitar a experiencia e capacidades de parte das e dos camaradas que asumiron estas responsabilidades durante os dous últimos anos e medio, e tamén integrar outras compañeiras e compañeiros con capacidade de achegar novas enerxías e habilidades. Engadiránselles as e os representantes territoriais, das comisións nacionais e de Isca!, para conformar o organismo encargado da coordinación do traballo político e organizativo dos vindeiros dous anos, e polo tanto do desenvolvemento de boa parte dos acordos desta asemblea.

A sesións de clausura comezou pouco despois das 7 da tarde cunha novidade non anunciada no programa, e que sorprendeu ás perto de trescentas persoas presentes no Salón de Actos: as palabras que o recén finado historiador e amigo Francisco Carballo tiña pronunciado na homenaxe a Moncho Reboiras celebrada en Imo no 2013, onde facía fincapé na necesidade de organizarse para crear outro mundo posíbel. A seguir as compoñentes de Habelas Hainas achegaron a potencia de varios dos seus temas, cargados da dignidade das mulleres galegas.

A continuación, o acto contou con numerosas e diversas intervencións, conducido por Noa Presas e José Emílio Vicente, que actuaron de portavoces do MGS durante a clausura. Na súa intervención fixeron referencia ao fracaso do modelo autonómico, tanto pola súa incapacidade para garantir o futuro do país como pola resistencia do nacionalismo galego a ser asimilado e integrado, e sinalaron que a auténtica ruptura democrática co réxime é a que representan os movementos de liberación nacional. Ademais, o proceso de conquista da soberanía é para o MGS a auténtica panca coa que o pobo galego conta para contribuír á derrota do capitalismo.

O lema “Construír e Avanzar" resume os nosos obxectivos nesta fase específica: queremos continuar a construír partido revolucionario, e contribuir á imprescindíbel edificación do movemento soberanista, a pular polos movementos sociais de transformación. Mais tamén avanzar, avanzar en paralelo cara os nosos obxectivos estratéxicos, a independencia e o socialismo, que non poden separarse tampouco da superación do patriarcado. Sabemos que estamos aínda lonxe deles, mais só se farán realidade se os facemos actuais, se universalizamos e unificamos todas as loitas nunha soa loita política.

 

10-1-2

 

A clausura incluiu o discurso do Portavoz Nacional do BNG, Xavier Vence, quen negou a existencia de camiños intermedios entre a dependencia e a soberanía e alertou sobre as falsas propostas eleitorais que non teñan o seu centro de gravidade no país, e a quen agradecemos especialmente o seu recoñecemento ao noso contributo para a necesaria consolidación do BNG como proxecto imprescindíbel e unitario do soberanismo galego de esquerdas, que chamou a seguir reforzando.

 

_MG_4465

 

Emotivas foron tamén as intervencións solidarias das delegacións internacionais de Roger Castellanos en nome da Candidatura d’Unitat Popular (Países Catalans); de Niko Moreno en nome de Sortu (Euskal Herria) e de Conchi Menayo de Izquierda Castellana, que manifestaron a súa solidariedade internacionalista e o seu recoñecemento ao traballo do MGS.

Tamén se leron os saúdos enviados da Frente Popular de Liberación de Palestina, de Andalucía Comunista e Unidad del Pueblo (Canarias), e agradeceuse a presenza do abano de organizacións políticas, sindicais e sociais convidadas á clausura. Así, participaron representantes da Confederación Intersindical Galega e de partidos e colectivos como Causa Galiza, o Colectivo Nacionalista de Marín, a Corrente Sindical de Esquerdas, o Partido Comunista do Pobo Galego e a Unión do Povo Galego. Igualmente, estiveron con nós asociacións de ámbitos tan diversos como o movemento feminista, de solidariedade internacionalista, de defensa da lingua, cultural, ecoloxista, agrario ou deportivo. Contamos ademais coa imprescindíbel presenza do Cónsul Xeral de Cuba en Galiza, José Antonio Solana.

_MG_4365