O TTIP nace dun fracaso previo e dun cambio de estratexia dos Estados Unidos, ao non frutificar as negociación emprendidas para a reforma do comercio mundial na Organización Mundial do Comercio desde o ano 2001.

O Acordo Trasatlántico sobre Comercio e Investimento ­— TTIP polas súas siglas en inglés — representa un novo paso, de carácter decisivo, na ofensiva neoliberal que o capital desenvolve desde hai varias décadas: favorece unha maior concentración de capital, beneficiando as corporacións transnacionais a custa da clase traballadora, da saúde pública ou o medio ambiente; debilita a soberanía dos Estados e pretende pechar as portas de calquera política oposta aos designios do grande capital; aumenta a sobreexplotación laboral e o desemprego; e a súa elaboración e negociación realízase de forma opaca e contraria a calquera tipo de recoñecemento da vontade popular.

O TTIP nace dun fracaso previo e dun cambio de estratexia dos Estados Unidos, ao non frutificar as negociación emprendidas para a reforma do comercio mundial na Organización Mundial do Comercio desde o ano 2001. Os Estados Unidos apostaron entón polos tratados bilaterais e polos grandes acordos comerciais a escala rexional, que exclúen os seus principais rivais xeopolíticos, entre os que se inclúen o TLC ou NAFTA en América do Norte, asinado con Canadá e México, e que tentaran estender por medio da frustrada Área de Libre Comercio das Américas. Na actualidade non só se está a preparar un Tratado para o Atlántico, senón tamén o Tratado Trans-Pacífico ­TPP­ e un acordo máis amplo sobre servizos ­TISA, no que participaría outra vintena de países­ que teñen a mesma raíz, o deseño do imperialismo norteamericano para garantir a súa supremacía, e o mesmo procedemento opaco.

Os seus promotores presentan o TTIP como un instrumento para facilitar o comercio ás dúas beiras do Atlántico por medio da eliminación e atenuación dunhas barreiras incómodas, que estarían a representar un obstáculo obsoleto e irracional ao progreso económico, e a creación dun bloque comercial desde California ata Rumanía. Non obstante, o TTIP non é un tratado comercial convencional, xa que entre a UE e os Estados Unidos os aranceis xa declinaron hai moito tempo, e xa existe un mercado transatlántico de facto. Non é o proteccionismo o problema, senón as barreiras­ non tarifarias, como as normativas e regulacións que atenden a preocupacións tan importantes como os servizos públicos, o medio ambiente, a protección no consumo, a saúde, a seguranza alimentar ou a privacidade de datos, O acordo tamén pretende a apertura de novos mercados nos servizos públicos e blindar os intereses das transnacionais.

O acordo entre os EUA e a UE é demandado desde hai tempo polas grandes corporacións. Desde hai vinte anos funciona un clube chamado Diálogo Empresarial Transatlántico, con representantes de grandes compañías, que defendeu reiteradamente un acordo deste tipo. Os pasos aceleráronse en 2011, cando a UE e os Estados Unidos anunciaron un grupo de traballo para fortalecer as relacións comerciais e os investimentos, e as negociacións formais foron anunciadas de forma unilateral polo presidente dos Estados Unidos, Barack Obama, durante o discurso sobre o Estado da Unión en febreiro de 2013, o que simboliza de forma clara o papel secundario da Unión Europea en relación á hexemonía estadounidense.

Ata o de agora, este proceso de negociacións foi completamente opaco, en contra das promesas de transparencia formuladas pola Comisión Europea. Os documentos foron declarados confidenciais, e nin sequera os parlamentares electos dos Estados membros ­que terán que aprobar ou rexeitar finalmente o acordo­ puideron acceder a eles. En cambio, as grandes empresas transnacionais impulsan e dirixen o acordo por cauces extraparlamentares, por medio dos seus lobbies, dirixentes e centos de asesores, e sen se someter a ningún tipo de control popular. O TTIP é tan coherente coa lei da centralización propia do capitalismo ­unha tendencia innata á formación do monopolios, a desaparición dos capitais menores e á recombinación dos existentes — como cos intereses dos seus promotores, ata o extremo de que pretende conceder ás empresas transnacionais o dereito de demandar a gobernos fronte a tribunais de arbitraxe ad hoc. Reforza así o poder de medio cento de corporacións que controlan unha cuarta parte da produción e a metade do comercio mundial. No caso de que as decisións dun Estado perxudicasen os beneficios reais ou potenciais dun investidor, este podería recorrer ao mecanismo de resolución de desputas entre investidores e Estados (ISDS). O capital transnacional gañaría así competencias que tradicionalmente o dereito internacional reservaba aos Estados, e podería así evitar os tribunais estatais. Estes mecanismos xa foron padecidos por Estados que os tiñan incluidos en tratados bilaterais ­máis de 500 casos na última década­ e que foron obrigados a pagar millóns de dólares de indemnizacións por medidas laborais ou sanitarias elementais.

Ademais, o TTIP representa un novo avanzo no proceso de privatización de servizos públicos. Os Estados Unidos pretenden empregar o TTIP como ferramenta para acceder ao mercado de servizos europeo, que representa un descomunal negocio. Cunha linguaxe extremadamente cínica, o goberno americano oponse á existencia dos "monopolios" no sector público, para defender o acceso dos seus monopolios privados á sanidade, educación e xestión da auga. Os Estados terían moi difícil recuperar os servizos públicos unha vez privatizados, xa que se prevé incluir medidas de "protección para os investidores".

 

ttipnon

 

O Acordo tamén incentivaría a reforma á baixa das normativas laborais consideradas un obstáculo para o comercio, en particular os convenios colectivos. Reforzaría a tendencia a aumentar a competitividade por medio de maiores descensos salariais, a redución dos planteis e o deterioro das condicións laborais. Non podemos esquecer que o comercio trasatlántico realizaríase nun contexto de práctica ausencia de dereitos sindicais nos Estados Unidos, que nin sequera aceptan os convenios básicos da Organización Internacional do Traballo sobre asociación e negociación colectiva.

Ademais, o TTIP tamén promovería a desregulación da seguranza alimentar, igualando á baixa as normativas europeas coas estadounidenses, que permiten os organismos xeneticamente modificados, o uso de pesticidas, as hormonas de crecemento bovinas, ou o tratamento de cloro nas aves. Algo semellante acontece coa normativa ambiental, coa imposición dunha vixilancia moito máis laxa.

Por último, o TTIP tamén inclúe importantes límites ao acceso á cultura e á información. Pretende fortalecer o control das empresas sobre o coñecemento para así incrementar os seus beneficios, restrinxindo as exencións de dereitos de autor sobre escolas, bibliotecas ou educación a distancia; restrinxindo o acceso a datos de ensaios clínicos; tamén podería aprobar aspectos recollidos no Acordo Comercial de Loita contra a Falsificación (ACTA), que fora previamente rexeitado polo Parlamento Europeu; e facilitaría ás empresas o acceso a datos privados con fins comerciais.

Tamén pretende eliminar medidas de protección conta as axencias de intelixencia estadounidense. En resumo, os intereses do capital transnacional están en contradición directa cos dos pobos: para defender os primeiros é preciso degradar os dereitos laborais, entregar ao mercado os escasos servizos que aínda non secuestrou, ou intoxicar os alimentos e o medio ambiente. E é necesario que este proceso esquive mesmo os formalismos, regulamentos e procedementos típicos da democracia burguesa, como as eleccións e os parlamentos, e sexa pilotado, de forma directa, pola elite económica. Deste xeito, o TTIP sitúanos diante dunha cuestión inevitábel que deben abordar todas as forzas revolucionarias: por unha parte, sen a conversión da soberanía nunha cuestión meramente formal, o imperialismo non pode aumentar a transferencia de riqueza desde o traballo aos monopolios; doutra parte, é imposíbel desenvolver calquera proceso de transformación social sen gañar a independencia que permita rachar coas institucións e deseños impostos.

Así, cuestión de clase e nacional son inseparables para a emancipación da clase traballadora e dos pobos. Esta premisa, válida para os pobos que contan con Estado propio, faise aínda máis patente no caso daquelas nacións que aínda non o acadamos. As e os soberanistas e comunistas non nos resignamos, senón que afirmamos que a vontade popular pode rachar coa tiranía do poder. A loita pola soberanía, se é real, non é subsumíbel nen integrábel na arquitectura económica global, e convértese nun motor da loita antimperialista. O noso obxectivo central, neste momento histórico, debe ser alcanzar a soberanía para o noso pobo como auténtica panca para enfrentar o poder de clase que tan eficazmente foi asentado ou restaurado polo neoliberalismo, a pesar da crise crónica do capitalismo.