É preciso liberármonos. Urxe un cambio de sistema co fin de acadar unha igualdade real, para que nos emancipemos como mulleres e como obreiras.

Xandra Martínez.

Mais un ano, perante o 8 de marzo é necesario lembrar a vixencia de certas reivindicacións que xurdiron hai un século, xa que é un facto que hoxe as mulleres aínda somos o segundo sexo. Na era da información seguimos a vivir rodeadas dun concepto erróneo de feminismo, chegando en certos sectores a negarse a vixencia da opresión de xénero.

Ante cada intento de sacar á luz os pequenos e grandes machismos cotiáns, aos que temos que enfrontarnos todas aquelas que non somos un varón cis-hetero enfrontámonos a continuas acusacións de esaxeradas, histéricas, “mal folladas” ou “feminazis”. Mentres tanto, e quizais por sermos máis as concienciadas que berramos nas rúas e nas redes que non existe a igualdade que nos tentan vender, nestes últimos tempos teñen ofrecido espazos nos mass-media que abordan, por exemplo, os feminicidios, mas sempre dun xeito edulcorado, invisibilizando a loita feminista e evitando profundizar tanto na orixe do problema como nas ferramentas necesarias para construír unha nova sociedade.

Estes machismos cotiáns afectan tamén á burguesía, pero son verdadeiramente graves na clase traballadora. As mulleres traballadoras, alén de sermos cousificadas e infravaloradas, alén de sofrermos o paternalismo da sociedade, vémonos afectadas neste momento por unha precariedade laboral crítica. O sistema resérvanos os traballos menos valorizados: nós somos as traballadoras non cualificadas, as coidadoras, as limpadoras , as empregadas do fogar (levando a cabo máis do 95% do traballo deste sector), traballos desagradecidos e mal pagos. Cando optamos a traballos noutros sectores aínda seguimos cobrando salarios inferiores aos nosos compañeiros e temos de enfrontarnos ás paredes e o teito de vidro. Para ascender na pirámide xerárquica é precisa experiencia en postos de xestión na dirección, produción ou vendas: postos que poucas veces nos son asignados. No 2012 no Estado Español só un 28,4% das mulleres acadaran postos directivos superiores ou medios.

Segundo datos do INE, a fenda salarial entre homes e mulleres aumentou entre 2009 e 2013 sobre todo nas franxas de idade menores a 35 anos. Somos as rapazas novas e precarias as que máis sufrimos a desigualdade.  As mozas, cada vez máis formadas, temos que pelexar por incorporarnos ao mundo laboral superando todas as trabas imaxinábeis. Traballando case de balde, con bolsas públicas, para acadar a ansiada experiencia que se nos esixe. Empregos por horas en sectores de vendas, nos que se non acadamos un mínimo non cobraremos. Contratos en prácticas, nos que desenvolveremos o mesmo traballo que os demais por un salario inferior. Sempre traballos temporais mediante os que tentamos saír adiante, ter dereito á seguridade social e independizarnos para construír a nosa vida como adultas.

No ano 2014 as mulleres conformabamos o 45,6% da poboación activa; isto non é máis que un espellismo de igualdade, xa que ao profundizar vemos que desenvolvemos o 73,3% dos empregos con xornada parcial. Estes empregos con xornada parcial servirannos para aportar un extra á economía do fogar, en ningún caso para ofrecernos independencia económica. Unha independencia económica que nos permite desenvolvernos como seres autónomos e non como propiedade de ninguén. Unha independencia na que, de darse o caso, sentiriámonos libres de denunciar malos tratos no núcleo familiar sen medo a ficar sen recursos.

En moitos dos casos, somos nós mesmas as que abandonamos a independencia económica ao ter fillos ou asumir outras cargas familiares. O reparto de tarefas así como a conciliación seguen a ser utopías no día de hoxe, e son moitas as mulleres que non poden compatibilizar a vida laboral cos coidados que teñen que asumir nesta sociedade patriarcal.

A maternidade convértese ás veces nunha imposición social, mais unha vez asumida non existe a colaboración social necesaria para afrontala. Cando o salario do que se dispón é precario e o horario laboral non se axusta ao cuberto polas garderías públicas, asumir o custe de xardíns de infancia privados ou de coidadoras a domicilio é un imposíbel e son moitas as mulleres que deixan de traballar para atender ao seu entorno. Isto implica renunciar a unha vida social que moitas veces desenvolvemos durante a xornada laboral. O mesmo acontece con outras responsabilidades familiares que no modelo actual recaen sobre nós, como maiores ou enfermos ao noso cargo, coidados aínda máis desprestixiados na sociedade.

Dáse tamén o caso contrario: mulleres que teñen que se reincorporar ao seu posto de traballo demasiado cedo e senten que non están a vivir a maternidade con naturalidade. Asumir unha xornada laboral aínda que for reducida, mais os coidados da casa e da crianza non só é esgotador se non que nos rouba o tempo do que dispoñemos para nos propias. Neste senso as mulleres con alto poder adquisitivo contan con recursos dos que non dispoñemos as mulleres de clase traballadora.

A República Democrática Alemana demostrou que era posíbel e sostíbel realizar políticas por e para mulleres, que permiten a conciliación de vida laboral e familiar. Con iniciativas como o apoio económico ás nais ofrecéndolles unha asignación mensual, ou o sistema de garderías e centros infantís públicos, nos que as nenas recibían atención e coidados após a escola até cumpriren os 10 anos. Mais a nós, o capitalismo e o patriarcado exprímennos, desvalorízannos, esgótannos e esíxennos que sosteñamos o sistema.

Cando a crise do capitalismo continúa a sumirnos nunha precarización cada vez máis fonda, o patriarcado reléganos a un eterno segundo plano: a seguírmonos esforzando por un traballo aínda máis lixo, por un salario aínda inferior e a cargar sobre as nosas costas o traballo doméstico que a sociedade invisibiliza.

É preciso liberármonos. Urxe un cambio de sistema co fin de acadar unha igualdade real, para que nos emancipemos como mulleres e como obreiras. Por iso, é necesario organizarse en espazos propios, traballar xuntas, en sororiedade, construíndo feminismo de clase. Ese feminismo eficaz do que falaba Angela Davis, que tería que loitar contra a homofobia, a explotación de clase, raza e xénero, o capitalismo e o imperialismo. Capitalismo e patriarcado forman un ente bicéfalo que debemos derrubar para acadar unha sociedade xusta, libre e solidaria.