As masivas mobilizacións que xa se deron nas rúas teñen que traducirse nunha contundente resposta nas urnas, o vindeiro 5 de xuño, para que a República Portuguesa recupere a súa soberanía

Paula Castro

Analistas políticos e económicos e organizacións políticas  e sindicais da esquerda portuguesa coinciden en considerar que Portugal se enfronta á crise máis grave das vividas polo país tras do 25 de Abril. A petición de rescate presentada polo Primeiro Ministro, José Sócrates, logo de ser desbotado polo Parlamento un novo PEC (Programa de Estabilidade e Crecemento), tras anunciar a súa dimisión e tras convocarse eleccións anticipadas para o 5 de xuño, foi a crónica dun rescate anunciado.

Os mercados, as axencias de cualificación, os xornais económicos, altofalantes do neoliberalismo, e o propio FMI sentenciaran o país case desde o comezo da crise anunciando que dada a súa difícil situación económica tería que ser rescatado. Seguindo o guión previsto, un tras outro os países enunciados: Grecia, Islandia e Irlanda foron caendo, e apenas un ano despois tocou a vez de Portugal.

Desembarco do FMI

O 12 de abril desembarcaban en Lisboa os técnicos do FMI, principal instrumento de colonización a escala planetaria, acompañados dos seus homónimos a escala continental: o Banco Central Europeo e a Comisión Europea.

Sen manifestar remorso ningún, os que levaron o pobo portugués a esta situación e os seus cómplices, as propias autoridades políticas portuguesas, presentaban como inevitábel a necesidade de adoptar toda una serie de medidas entre as que se apuntan: aumentar a competitividade; comezar de inmediato unha reforma laboral que inclúe desregulación e flexibilización, alén de recortes salariais, nun país no que os prezos son similares aos europeos pero onde o salario mínimo apenas supera os 400 euros; ‘simplificar’  o sector público e reestruturar e privatizar empresas públicas.

E é que se Portugal chegou á situación actual foi logo de cumprir escrupulosamente os requirimentos do FMI tras ser intervido por este organismol en 1977/78 e en 1983/84. Un programa que puxo en práctica Cavaco Silva e que supuxo a privatización das principais empresas públicas; deixou as decisión políticas en mans do poder económico; levou á destrución dos seus principais sectores produtivos: agricultura e pesca; provocou a desindustrialización do país e converteu a Portugal en dependente do exterior.

Tal é así que segundo o economista Eugénio Rosa, no período 2000/2010, Portugal importou bens por valor de 565.475 millóns de euros (máis do triplo do seu PIB) e exportou bens por 395.918 millóns de  euros. Unha situación que derivou nun espectacular incremento da súa débeda externa até chegar a situarse no 122,6% e que levou a Portugal a perder, tras da vaga privatizadora, que se intensificou no período 1996/2001, os seus principais instrumentos de política macroeconómica.

Coa entrada no euro o país perdeu ademais a capacidade para emitir moeda e mudar a taxa de cambio e cedeu esa capacidade de decisión reguladora sobre a súa economía ao Banco Central Europeo “que recusa a emprestar directamente aos Estados da UE, embora o faça directamente aos bancos”, afirma Rosa.

Isto provocou que para que o Estado puidese conseguir os medios financeiros que precisaba, tivera que recorrer directamente aos ‘mercados’, “ficando a mercê das suas exigências e das suas taxas de juro. O BCE transformou-se assim num instrumento importante da construção de uma Europa neoliberal, contra os povos de União Europeia”.

A crise financeira mundial agravou aínda máis a súa crítica situación estrutural. En 2008, o déficit público era inferior ao 3%, pero as medidas impulsadas pola UE para combatela: apoio aos bancos e algunhas empresas e sectores, fixeron que o déficit se disparase.

A este respecto a CGTP denuncia a submisión dos diferentes gobernos, nomeadamente do PS, que impuxeron sucesivos PEC co obxectivo reducir o déficit, pero que tiveron como consecuencia a diminución do crecemento económico, o aumento do desemprego e que fixeron recaer sobre os salarios, ou sexa, sobre o conxunto do pobo portugués, os custos da crise.

Consecuencias da intervención

Para a principal central sindical portuguesa as políticas de máis sacrificios que pretende impor o FMI aumentarán o risco de rupturas sociais, agravarán o desemprego, diminuirán a rede de servizos sociais, provocarán o aumento das taxas de xuro, nun país fortemente endebedado, endurecerán –para a clase traballadora- a lexislación laboral, provocarán unha maior redución dos salarios, fundamentalmente nas prestacións e nas pensións, e porán en marcha una nova vaga privatizadora.

A CGTP asegura que se está a violar a soberanía nacional e a propia Constitución da República Portuguesa e considera “inadmisíbel” que un goberno en funcións sexa quen tome a decisión de solicitar o rescate.

Unha decisión que para Jerónimo de Sousa, Secretario Xeral do PCP, converterá o novo goberno saído das eleccións do vindeiro 5 de xuño en “mero executante, nos próximos quatros anos, de um programa ditado e imposto do exterior contra os intereses nacionais”. Única aspiración que, por outra banda, teñen o PS, PSD e o CDS.

Para Boaventura de Sousa Santos, sociólogo e catedrático da facultade de Economía da Universidade de Coimbra, fronte á intervención do FMI Portugal ten dúas posíbeis saídas: unha institucional e outra extrainstitucional.

A institucional implicaría alcanzar un necesario consenso entre o goberno democrático e as clases traballadoras para acometer un acto de desobediencia civil fronte os acredores e o FMI, como fixo Néstor Kirchner na Arxentina en 2003.
A extrainstitucional depende do propio pobo portugués e implicaría, segundo Sousa Santos, a rebelión dos cidadáns desconformes co secuestro da democracia por parte dos mercados financeiros, presionando ás institucións para que se lle devolva ao pobo a democracia, como ocorreu en Islandia.

As masivas mobilizacións que xa se deron nas rúas teñen que traducirse nunha contundente resposta nas urnas, o vindeiro 5 de xuño, para que a República Portuguesa recupere a súa soberanía, para lembrarlle ao mundo que o espírito daquel 25 de Abril de 1974 segue vivo, e para demostrar que, de verdade “o povo é quem mais ordena”.

 

Paula Castro. Xornalista