A vaga de lumes que asolou o noso país constitúe unha traxedia de enormes proporcións, mais en ningún caso unha catástrofe natural nen inevitábel. Os incendios forestais teñen detonantes e autores directos, mais tamén causas estruturais que foran reiteradamente denunciadas nos últimos anos.

A vaga de lumes que asolou o noso país constitúe unha traxedia de enormes proporcións, mais en ningún caso unha catástrofe natural nen inevitábel. Os incendios forestais teñen detonantes e autores directos, mais tamén causas estruturais que foran reiteradamente denunciadas nos últimos anos. Dado que non só non se tomaron medidas para as atallar, senón que se aprobaron algunhas – política forestal, lexislación sobre montes, eucaliptos, biomasas, etc…— que só favorecen a súa reincidencia e expansión, podemos sinalar, sen ningún tipo de dúbida, que existen graves e directas responsabilidades políticas nos gobernos autonómico e central.

A conexión entre poder político e económico é absoluta no noso país. A política do Partido Popular non obedece a ningunha consideración que teña en conta as mínimas necesidades humanas, sociais, a preservación do territorio ou a protección do medio. O Executivo galego e central actúan en grande medida como comités de administración dos monopolios, nomeadamente en favor de ENCE no que se refire á política forestal. Determinadas leis aínda en tramitación, como a Lei de Iniciativas Empresariais, só confirmarán esta premisa.

Os nosos montes, as vivendas e finalmente as nosas vidas son vítimas da ofensiva neoliberal despregada polo capitalismo, que presupón novos e máis graves ataques do capital ao traballo. A derrota dos traballadores en campos como a reforma laboral, a devaluación salarial e a extensión da precariedade acaba por ter consecuencias na extensión dos lumes: unhas semanas antes desta vaga de lumes a Xunta, que se nega a criar un servizo permanente de extinción de incendios, despedía uns 500 traballadores, para se aforrar os custos da súa estabilidade. Esta ofensiva do capital implica una nova fase histórica moito máis destrutiva que a anterior, caracterizada entre outros factores pola incorporación dos sistemas ecolóxicos á explotación masiva. Coincide no noso país cun acelerado proceso de terciarización e urbanización que entende o abandono e despoboamento do rural como un compoñente imprescindíbel da modernización.

Non existe política forestal máis alá da que dita o capital, nin medidas de prevención, nin recursos suficientes de extinción. Máis unha vez, unha grave catástrofe obrigou ao noso pobo a se organizar de forma espontánea e inmediata, cos recursos precarios ao alcance e con enormes riscos: dos mariñeiros que tentaban parar a inabarcábel maré negra aos veciños que teñen algúns caldeiros e mangueiras para extinguir un lume insondábel. O mesmo Estado que perfecciona os seus aparellos represivos, opresivos e extractivos carece voluntariamente de capacidade para asegurar unhas condicións mínimas de seguridade para a poboación. O pobo galego nada gaña ao permanecer como colonia de España.

Do MGS transmitimos a nosa solidariedade a todas as vítimas, ás traballadoras e traballadores que loitan contra o lume, e a todas as galegas e galegos que dunha forma ou doutra encararon as lapas e as súas consecuencias. Apelamos a nos organizar e mobilizar para denunciar responsabilidades e esixir outro futuro para os nosos montes e a nosa nación.

Comité en Defensa do monte Galego:
10 medidas de país contra a desfeita

Dende 1988 até hoxe en Galiza, e segundo datos oficiais, téñense producido máis de 100.000 incendios forestais que queimaron máis de 500.000 has. de monte, das que preto de 200.000 has. eran de arboredo.

Dende 1995, hai uns 10.000 incendios ao ano, un incendio por cada 2 Km2 de superficie forestal –a media estatal é dun incendio por cada 25 Km2. En Galiza, co 7,7 % da superficie forestal estatal, acontecen o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada.

DEZ MEDIDAS PARA LOITAR EFICAZMENTE CONTRA OS LUMES

1. Un ordenamento territorial acorde coas características do noso país, no que o monte ocupa uns 2/3 do territorio e coa maior densidade de núcleos de poboación de Europa. Evitar o despoboamento, o abandono dos usos tradicionais e a forestación de terras agrarias ao tempo que se fomentan alternativas produtivas sustentábeis para o medio rural.

2. Unha nova política forestal que promova a multifuncionalidade do monte e protexa as súas funcións ecosistémicas (regulación do ciclo hídrico, sumidoiro de carbono, reserva de biodiversidade) e sociais.

3. Un novo Plano Forestal que contemple os montes como algo máis que subministradores de madeira barata para triturar ou queimar, que limite a expansión das especies pirófitas e alóctonas e que promova unha silvicultura preventiva e sustentábel.

4. Incremento dos esforzos e os investimentos en prevención, que deberían ser superiores aos de extinción. Os labores de prevención, vixilancia, loita contra o lume e rexeneración deben desenvolverse durante todo o ano.

5. Planificación e desenvolvemento de programas de rexeneración hidrolóxico-forestal nos montes queimados para evitar a perda de solo e a erosión, prohibindo a mudanza de usos e a especulación nestes terreos.

6. Labores de rexeneración da vexetación natural nas zonas queimadas.

7. Promoción do incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, impedindo a súa privatización e a entrada de capital especulativo no monte.

8. Profesionalización os equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios, que deben estar baixo un mando único dependente da Xunta de Galicia, evitando privatizar os seus servizos.

9. Rapidez e transparencia no acceso á información sobre os lumes, poñendo a disposición da cidadanía as ferramentas informáticas e de comunicación precisas.

10. Fomento da Educación Ambiental a todos os niveis para promover na sociedade valores e comportamentos compatíbeis coa preservación do medio. Formar e informar especialmente ás Comunidades e propietarios de montes, para promover o sentimento de vencello e identidade positiva entre a veciñanza e o monte.