Defendemos unha actuación consecuente con estas premisas: extender a solidariedade coas persoas detidas e agrupar o maior número de apoios; difundir e deslexitimar as características da actuación do goberno; desenmascarar o relato do PP e os seus aliados; aprender das adversidades, e tirar proveito deste lamentábel episodio represivo para gañar conciencia nacional e de clase

O MGS manifesta a súa solidariedade coas persoas detidas e facemos un apelo ao conxunto do movemento soberanista e popular do noso país a reforzar a mobilización, a axitación social e a difusión de información, ferramentas que poden contribuír para mellorar a súa situación.

Consideramos que as detencións son inseparables do contexto político, inmediato e de máis alcance, no que se sitúan. Dentro do contexto inmediato, o recente desaloxo dun centro social ocupado estivo acompañado dunha intensa protesta, co seu punto central nas dúas manifestacións nas que as forzas de seguridade actuaron con extrema violencia. O movemento da ocupación plantexa numerosas cuestións sobre a propiedade inmobiliaria, o modelo de cidade, os espazos da cultura ou as identidades colectivas en espazos urbanos, mais a maioría dos medios de comunicación transmitiron unha imaxe caricaturesca das protestas en xeral e do centro social en particular, promocionada polos actores máis reaccionarios — moi en particular polo PP compostelán, que tentou utilizar o desaloxo e a protesta como arietes contra o Concello e así recuperar o control da Corporación. Esta criminalización e banalización mediática é un recurso fundamental para o poder, xa que permite aumentar a tolerancia ante detencións como as sofridas no día de hoxe.

Por outra parte, e dentro do longo alcance, temos que salientar que o Estado español vive un proceso de involución democrática con numerosas manifestacións punitivas, que integra distintas formas de vixilancia e persecución de militantes políticos, sindicalistas, activistas e distintos axentes políticos e sociais. Tal e como recoñeceu publicamente o delegado do goberno español, Santiago Villanueva, as forzas de seguridade investigan e actualizan os perfís de centos de persoas, non pola súa implicación en actividades delitivas, senón pola súa participación en manifestacións e outro tipo de protestas aínda legais. A aprobación da Lei Mordaza, aprobada hai dous anos e hoxe aínda vergoñentamente en vigor, deu un maior soporte legal ás restricións de dereitos fundamentais e representa unha ameaza, preventiva primeiro e efectivamente represiva despois, para calquera que queira expresar a súa protesta por calquera consideración política, económica ou social, que se expón a unha sangría económica sen apenas recursos de defensa. A mobilización pola recuperación dos dereitos perdidos e pola súa ampliación é unha necesidade inmediata, inseparable da construción simultánea dun proceso galego de ruptura democrática que supere o réxime español.

Defendemos unha actuación consecuente con estas premisas: extender a solidariedade coas persoas detidas e agrupar o maior número de apoios; difundir e deslexitimar as características da actuación do goberno, de Interior e da Policía Nacional; desenmascarar o relato do PP e os seus aliados arredor destes acontecementos; aprender das adversidades, nacidas e inseparábeis da loita, e tirar proveito deste lamentábel episodio represivo para gañar conciencia nacional e de clase e así reforzar a nosa organización e capacidade de loita, a comezar pola atención aos principais problemas das nosas cidades, que non son en ningún caso os centros sociais, a ocupación ou as protestas sociais. Nin as nosas cidades son un mero produto comercial nin a rebeldía pode ser extirpada con porrazos e xuízos.