Nos últimos quince anos, case un millón de galegas e galegos emigraron. Ese devalo demográfico afonda máis na fenda co resto de nacións desenvolvidas.

Fran Alvedro

A emigración galega, fenómeno que provocou un impacto demográfico, socioeconómico, cultural e político na nosa sociedade, retornou nos últimos anos e volve afectar dun xeito dramático ao noso país.

Tras a morte de Francisco Franco e máis acentuadamente dende a primeira vitoria electoral de Felipe González, a relación da Galiza coa súa poboación  no exterior estivo impregnada de criterios paternalistas e partidistas. Prexuízos, moitos sen base política ou sociolóxica, algúns deles propagados polo aparello do Estado, moi estendidos na sociedade galega e sectores do  nacionalismo de esquerdas, fixéronnos  crer na existencia de distintos tipos de emigrante e emigración, dependendo da súa formación, ocupación, tempo de ausencia ou distancia...intentando asentar no pobo a idea de que algúns destes subgrupos son prescindíbeis.

Este discurso reducionista leva anos calando na sociedade e trata de xustificar distintos graos de cidadanía galega entre os nosos exiliados socioeconómicos, feito que, convenientemente lexislado e axitado polas forzas maioritarias do Estado e os seus voceiros mediáticos, está a pór en perigo as derradeiras ataduras sentimentais que unen os emigrados coa súa terra e provocará, a curto prazo, o fraccionamento deste corpo indivisíbel de fillas e fillos de Galiza, convertendo a centos de milleiros de galegas e galegos en exclusivos cidadáns de España ou, no mellor dos casos, en sempiternos votantes dos seus partidos políticos máis representativos.

É fundamental que as persoas e representantes nacionalistas non nós deixemos levar polos cálculos electoralistas ou pola sutil propaganda sistémica. Temos que tomar conciencia que calquera lei ou reforma legal debe ter en conta o noso compromiso coa emigración, protexendo os seus dereitos sociais, civís e políticos, sen data de caducidade e sen receos ideolóxicos. Só amosando un verdadeiro talante democrático estaremos facendo xustiza e asegurando o futuro do nacionalismo galego a longo prazo, evitando que a través da instrumentalización dos votos no exterior, os partidos estatais, tradicionais ou emerxentes, se perpetúen no poder.

A implantación de sistemas de participación democrática no exterior, unha repartición xusta das axudas, a creación e aplicación de leis especificas que favorezan a inclusión económica e social e un esforzo real no mantemento e coñecemento da historia, lingua e cultura galega nas comunidades do exterior son obxectivos ineludíbeis. A utilización dos medios de comunicación públicos e as novas tecnoloxías deben contribuír a complementar ese coñecemento pleno.  

Unha pequena ollada ás galegas e aos galegos no exterior, desmente esa lenda interesada, falacia da propaganda estatal, de suxerir que a actual emigración é espontánea, de superación persoal ou monetaria e que afectaría só á mocidade altamente cualificada ou a outras xentes de menor nivel educativo que non desexan ocupar os supostos postos de traballo que se lles ofertan na Galiza.

A crúa realidade demostra que son ducias de milleiros as persoas de orixe galega que no exterior están traballando na limpeza, distribución, transportes e loxística, estaleiros, hostalaría, obradoiros e industria en xeral, por non ter a oportunidade de facelo na súa terra de orixe, onde estes empregos escasean ou están precarizados. Son vítimas dunha economía feble,  dunha planificación pouco viábel, dun nulo tecido produtivo, dunhas leis laborais ao servizo dun sistema empresarial encamiñado ao máximo beneficio e con nula visión de país e dunhas prestacións sociais e por desemprego que dificultan ao máximo un retorno coa mínima dignidade.

Neste apartado é imprescindíbel que a sociedade galega  se involucre, dunha vez por todas, na promoción e mellora do nivel de prestacións e protección social da emigración, que loite pola modificación das leis que impiden que as persoas retornadas teñan unha volta sen atrancos, facilitándolles a información e os medios necesarios para resolver as innumerábeis dificultades que xorden.

Ademais debemos exixir que a Xunta de Galiza e outras institucións competentes, deseñen as políticas necesarias para favorecer a redistribución espacial dos retornados co obxectivo de avanzar na cohesión territorial e o progreso das comarcas máis deprimidas e despoboadas de Galiza. Todo isto, sen prexuízo de asegurar o benestar dos emigrantes a través dos incentivos laborais, sociais e económicos que sexan necesarios.

Xa é tempo que as e os nacionalistas entendamos que a diáspora forma parte da nosa identidade nacional e que é parte integral da nosa patria-matria. Somos galegas e galegos con independencia do noso lugar de residencia. É a nosa obriga loitar por unha política integral baseada na dignificación desta realidade e no xusto tratamento institucional, na plena equiparación dos dereitos e deberes sociais, culturais, económicos, civís e políticos das cidadás e dos cidadáns do exterior, como unha parte indisolúbel do noso ser como nación.

Nos últimos quince anos, case un millón de galegas e galegos emigraron. Ese devalo demográfico afonda máis na fenda co resto de nacións desenvolvidas. 

Teño a certeza que non haberá unha república galega, soberana, democrática e en pé de igualdade con todas as nacións europeas e do mundo se a nosa diáspora non é parte integral do proceso. Agora é o momento histórico, quizais único, para incorporalos ao noso proxecto de futuro, o dunha República galega e socialista na que os emigradas e retornados sexan copartícipes da construción nacional.