Somos as que asumimos en maior medida a carga de traballo doméstica ou os coidados, nun sistema de conciliación familiar que no lugar de quitarnos cargas de traballo o que fai é buscarnos tempo para seguir a acumulalas.

Laura R. Pena

1. Para que non se converta nunha data cerimonial. Son diversas as versións sobre a orixe da celebración do 8 de marzo, mais todas teñen algo en común: no comezo do século XX, mulleres traballadoras toman conciencia da súa condición e rebélanse. Co paso do tempo, os poderes do sistema encargáronse de eliminar a reivindicación de clase nesta data e convertela nunha homenaxe case folclórica ás mulleres. Cada vez son máis frecuentes as institucións e os medios que celebran o día da muller deixando caer o apelido de “traballadora” que adoitaba ondear no nome desta efeméride reproducindo condutas patriarcais e esquecendo as reivindicacións que orixinaron o sinalamento da data. É necesario poñer en valor o significado orixinario da data nestes tempos nos que a alianza entre patriarcado e capital acada cotas disparatadas.

2. Polas que xa non berran. A violencia machista é unha lacra transnacional e transversal, que ameaza de xeito permanente á metade da poboación mundial, que non entende de clases sociais nin de nacionalidades aínda que lonxe de estar camiño de desaparecer, medra e retroaliméntase diariamente. As cifras do pasado ano avalan que unhas das nosas prioridades debe ser a de denunciar a violencia machista, desde a máis simbólica até a física, que se asenta nunha sociedade profundamente patriarcal.

3. Pola brecha salarial. Por máis que muden as condicións das traballadoras, as mulleres enfrontámonos ás maiores taxas de paro, a uns empregos de peor calidade, maior temporalidade e maiores taxas de acoso sexual no traballo, uns salarios máis baixos nos sectores menos valorados, á maior dificultade para acceder ao emprego e para crecer na nosa vida laboral; e, ademais, somos as que asumimos en maior medida a carga de traballo doméstica ou os coidados, nun sistema de conciliación familiar que no lugar de quitarnos cargas de traballo o que fai é buscarnos tempo para seguir a acumulalas, ata cando estamos en postos directivos.

4. Por que non queremos ser valentes, queremos ser libres. Ou cando saímos de festa, ou cando vamos a traballar ou cando simplemente queremos ser persoas independentes á marxe de todo tipo de paternalismo. Non queremos ter medo pero o temos.
E acostumámonos a vivir así xestionándoo como unha peaxe por sentirnos libres. E cando o contamos somos unhas esaxeradas, unhas extremistas ou unhas mentireiras. Ou somos culpables, por ir soa, a esas horas, con esa roupa.

5. Porque somos invisibilizadas polo feito de ser mulleres, porque o patriarcado como sistema de dominación social exerce unha violencia simbólica que distorsiona a visión das mulleres, facendo invisíbeis as súas actividades e experiencias. A Historia ten unha débeda coas mulleres en canto ao recoñecemento aos seus logros en materia como a Ciencia a Arte a Literatura ou en calquera aspecto do ser humano. Algo que aínda é máis perceptíbel cando se trata de mulleres de vilas ou de aldeas consideradas como espazos marxinais dun territorio xa de por si periférico e colonizado.

6. Porque o noso corpo é un campo de batalla. O corpo feminino é obxecto de constante debate, cosificación e represión. As redes sociais censuran os nosos corpos e ata a medicina ignora enfermidades como a endometriosis, un nome estraño para unha enfermidade invisible e negada que só sufrimos as mulleres (e non poucas: máis de unha por cada dez). E en silencio, porque os síntomas considéranse vergoñentos e as nosas queixas histéricas. Un problema de saúde pública que atinxe ao 5% da poboación pero non se investiga nin se trata aínda que si temos fármacos para a disfunción eréctil, que afecta, ao 1% dos varóns. O noso corpo é obxecto de debate e de perxuizos pero négannos á palabra e aínda temos que reivindicar os nosos dereitos á información, á autonomía, a dispor dos nosos corpos como decidamos. Un territorio saqueado e sometidos ás violencias do poder.

7. Porque os nosos dereitos seguen a ser considerados unha amenza. O patriarcado xera diferentes estratexias e barreiras que sustenten os privilexios do varóns que aínda mermados, permanecen. Unha das estratexias máis recorrentes é o despretixio sistemático das feministas. Chamánnos amargadas, resentidas, feas, marimachos, victimistas, agresivas, descoidadas, desequilibradas, radicais, envexosas, paranoicas, desnaturalizadas… e agora tamén feminazis, un acrónimo formado polas palabras ‘feminista’ e ‘nazi’- relacionando de forma despectiva ao feminismo, unha ideoloxía que defende que as mulleres deben ter os mesmo dereitos dos homes, co nazismo, equiparando o dereito ao aborto das mulleres co Holocausto nazi.
Diferentes tácticas e palabras pero co obxectivo común de colocarnos nunha dinámica agresiva, nun plano equivalente ao do machismo mais reaccionario e violento buscando o desprestixio desde a confusión e a falacia, ridiculizando as nosas posturas para despoxalas de credibilidade.
Chámennos como nos chamen e parafraseando a Mary Wollstonecraft “as mulleres non queremos poder sobre os homes, queremos poder sobre nós mesmas”. Non queremos ser iguais que os homes, queremos ter as mesmas oportunidades.

8. Por todas. Pode que moitas mulleres experimenten a sorte de que lle sexa alleo estas e outras moitas razóns como habería para expoñer. Mulleres, brancas, en sociedades occidentais, cun nivel de vida confortábel poden sentirse satisfeitas e pensar que a igualdade xa está acadada. Pero este 8 de Marzo poden lembrarse das que viven baixo a opresión, ameazan e perigo extremo polo simple feito de nacer muller. Das nenas que son obrigadas a casarse con 12 anos e que son violadas sistematicamente co beneplácito da sociedade. Bebés asasinados por considerar que ter nacido nena é unha carga para a familia. Persoas ás que se lle nega a escolarización básica polo simple feito de ser muller. Mulleres apedradas por non querer seguir cos seus maridos. Mulleres ás que se lles amputa o clítoris. Mulleres escravizadas.
Por todas elas, ti que vives nunha sociedade onde aínda conservamos certos dereitos como o da folga sae á rúa e participa desta xornada reivindicativa para que non fique só en algo simbólico. Fagamos desta data unha xornada de aprendizaxe, de denuncia e de transformación que transcenda á propia data e que ao día seguinte, cando xa non sexa o día internacional de nada, persista e que as mudanza sexan así tanxíbeis.

Recuperemos discursos e espazos e demostremos a forza e capacidade de mobilización das mulleres galegas. Se as mulleres paramos, o mundo para!