Somos conscientes de que a herdanza deste referente integral non desaparecerá do movemento popular e revolucionario de Castela, ao que desexamos o maior acerto e éxito para desplegar os valores militantes e humanos da compañeira Doris.

Desde o Movemento Galego ao Socialismo saúdamos e sumámonos á iniciativa de Izquierda Castellana e do resto de organizacións que hoxe homenaxean Doris Benegas en Valladolid. A militante castellana falecía o pasado 29 de xullo aos 64 anos de idade tras toda unha vida de compromiso co movemento nacional castellano, obreiro, popular e feminista, cunha traxectoria inabarcábel de loita e militancia, nas antípodas dos compromisos efémeros, as expresións virtuais ou o arribismo político.

Un longo camiño morado, vermello e comuneiro que será xustamente recoñecido e percorrido de novo no acto que hoxe se celebra. Benegas participou na fundación do movemento xuvenil castelán revolucionario e despois nas súas expresión políticas -da UPC a Izquierda Castellana-, organizou a clase traballadora xa desde o franquismo -o que lle ocasionou o despedimento da Renault-, implicouse na solidariedade internacionalista, dinamizou a fundación das primeiras organizacións feministas na súa cidade, figurou como candidata na lista de Iniciativa Internacionalista -temporalmente ilegalizada polo Tribunal Supremo- e mesmo padeceu un novo proceso represivo nos últimos anos, detida e imputada pola Audiencia Nacional, tras promover diversas mobilizacións nas inmediacións do Congreso español. Como avogada, a súa traxectoria profesional é inseparábel dos mesmos principios e valores: participou de causas como a defensa dos movementos sociais, o xuízo do caso do aceite da colza frente aos empresarios sen escrúpulos, a defensa de militantes independentistas e de esquerda ou a representación de insumisos e antifascistas, a acusación contra as agresións sexuais, a denuncia do narcotráfico e nos últimos tempos a colaboración coas persoas afectadas polos desafiuzamentos. Somos conscientes de que a herdanza deste referente integral non desaparecerá do movemento popular e revolucionario de Castela, ao que desexamos o maior acerto e éxito para desplegar os valores militantes e humanos da compañeira Doris.

Na homenaxe están previstas declaracións políticas, actuacións musicais e a intervención de representantes de diversos movementos sociais, como o feminista e o xuvenil. O acto tamén conta con presenza internacional, cunha delegación galega enviada polo BNG, ademais de intervencións de Sortu, a CUP, ERC ou o Foro de São Paulo, entre outras organizacións que non poderían entenderse sen o internacionalismo, a solidaridade e a amizade mutua entre os movementos que comparten conviccións na loita dos pobos.

Do MGS transmitimos novamente á Izquierda Castellana, e ao conxunto do movemento revolucionario de Castela, a nosa máis fonda aperta, o noso recoñecemento e memoria, conscientes de que a única homenaxe válida para as que loitan é sempre a mesma: a vitoria.