A finais do século XX Venezuela seguía a ser un país con dinámicas profundamente coloniais, do que o imperio extraía recursos mentres a maior parte da poboación non tiña as necesidades básicas cubertas. Coa entrada do século XXI e desde os seus inicios, a Revolución Bolivariana puxo as vidas no centro e comezou a construír o soño do Comandante Chávez. As nacionalizacións dos recursos supuxeron un incremento nas arcas estatais que permitiu multiplicar o gasto público, o que significou, a fin de contas, o aumento do índice de desenrolo humano. Camiñouse cara a fin da desigualdade mediante a redución da pobreza, da desnutrición, a erradicación do analfabetismo, o aumento dos servizos de saúde, a redución do desemprego, o aumento dos pensionados ou o aumento do acceso á vivenda e á tecnoloxía. Alén de todo isto, Venezuela demostrou ser unha república xenerosa que aumentou o presuposto para cooperación interamericana.

Ximena González

O vindeiro 20 de maio celébranse eleccións presidenciais, a consellos municipais e lexislativos estatais en Venezuela. Achéganse entre o silencio dos medios de comunicación do estado español; os que difundían a actualidade política de Venezuela diariamente desde a óptica da oposición radical, agora, sumidos nun profundo mutismo, ocultan un novo proceso democrático.

Da manipulación á ocultación

Durante os últimos anos, a actualidade venezolana utilizouse pola prensa do sistema como cortina de fume para ocultar as problemáticas que estamos a sufrir froito da crise capitalista. Os casos de corrupción en cargos políticos, o avance do independentismo ou a lei mordaza e o seu retroceso en liberdade de expresión pasaron a un segundo plano nuns medios que abrían constantemente con novas sobre a conflitividade social en Venezuela.

As portadas e titulares acumuláronse, pero non serviron para botar luz sobre a situación real, polo que segue vixente o oscurantismo en canto á realidade do país. As novas publicábanse sen finalidade informativa, buscando o posicionamento da opinión pública cos sectores mais duros da oposición venezolana, branqueando á extrema dereita golpista; desde o Estado Español clámase pola liberdade dos “presos políticos venezolanos”, presos por instigar á violencia, por impulsar as guarimbas e formar parte da insurrección que co apoio de grupos paramilitares asasina diariamente nas rúas de Venezuela. Pero cando a nova cruza o Atlántico, os mortos xa mudan de bando, e nos medios europeos aparecen como membros da oposición asasinados pola policía de Maduro.

Pero a identificación constante nos medios españois de Venezuela con un réxime ditatorial dá paso ao silencio cando se achegan novos comicios. A non cobertura das novas electorais é a única baza posible para seguir mantendo viva a idea da ditadura. É así que oscilando entre a manipulación e a ocultación, conseguen que un sistema que se centra no social e non no capital sexa socialmente rexeitado.

Esta situación de silencio mediático é froito do nacemento da Asemblea Nacional Constituínte que serviu non só para dar máis poder ao pobo na toma de decisión política, senón que foi fundamental para avanzar na paz e frear a violencia opositora nas rúas.

A loita contra o imperio: inxerencias internacionais

Desde o inicio da Revolución Bolivariana o eixo imperialista adicouse non só a cuestionar o sistema que comezaba a camiñar, se non a derrubar cada intento de construír un modo diferente de vivir. As dúbidas e as desconfianzas respecto a Venezuela abranguen todos os ámbitos, desde o público/informativo ao gobernamental, e a pesar de que en toda a UE se fixo seguidismo á manipulación promovida polos Estados Unidos de América, o Estado Español tivo sempre un papel determinante.

O ataque continuo e prolongado no tempo que pasou desde o non recoñecemento do Presidente Nicolás Maduro ao apoio do terrorismo no país bolivariano e culminou co apoio de España á Unión Europea perante as sancións estabelecidas contra Venezuela, desembocou na ruptura de relacións durante tres meses. A actitude irrespectuosa e inxerencista de España non foi tolerada polo goberno de Nicolás Maduro, que pretende basear as súas relacións internacionais no respecto e a colaboración no canto de facelo no servilismo e a vasalaxe. A predisposición de Venezuela a manter relacións diplomáticas respectuosas evidénciase no novo intento de retomar o contacto institucional con un estado que violou permanentemente as normativas que rexen as convencións diplomáticas.

Non obstante, a pesar das boas intencións amosadas por Venezuela para retomar as conversas, agárdase con escepticismo a reacción de España, e a súa posición oficial perante as próximas eleccións. Polo momento a súa actitude non é esperanzadora, xa que como membro da Unión Europea e da ONU non mantivo unha voz discrepante ante a negativa das mesmas de enviar observadores internacionais a cubrir os comicios do 20 de maio. A situación apunta, con alta probabilidade, ao non recoñecemento do gañador, e polo tanto, ao continuísmo na deturpación da imaxe da democracia venezolana.

O avance da Revolución: os logros do pobo

A finais do século XX Venezuela seguía a ser un país con dinámicas profundamente coloniais, do que o imperio extraía recursos mentres a maior parte da poboación non tiña as necesidades básicas cubertas. Coa entrada do século XXI e desde os seus inicios, a Revolución Bolivariana puxo as vidas no centro e comezou a construír o soño do Comandante Chávez. As nacionalizacións dos recursos supuxeron un incremento nas arcas estatais que permitiu multiplicar o gasto público, o que significou, a fin de contas, o aumento do índice de desenrolo humano. Camiñouse cara a fin da desigualdade mediante a redución da pobreza, da desnutrición, a erradicación do analfabetismo, o aumento dos servizos de saúde, a redución do desemprego, o aumento dos pensionados ou o aumento do acceso á vivenda e á tecnoloxía. Alén de todo isto, Venezuela demostrou ser unha república xenerosa que aumentou o presuposto para cooperación interamericana.

Sen minusvalorar a figura de Hugo Chávez e recoñecendo a súa altura histórica, cabe sinalar que a Revolución Bolivariana non foi un movemento unipersoal, senón que é un proxecto que precisa de moitos brazos e moitas cabezas, é unha vitoria do pobo que segue en construción, e cuxa continuidade depende, neste momento crítico da reelección de Nicolás Maduro. O actual presidente enfróntase a unha situación difícil, na que as vendas de petróleo aos Estados Unidos de América están en valores mínimos e os presupostos estatais redúcense. A agresividade da oposición e as sancións aplicadas desde os exterior son obstáculos engadidos para unha xestión eficaz, non obstante, Maduro xa ten demostrado que é capaz de gobernar de xeito eficiente en momentos de adversidade. Durante o seu mandato ten combatido constantemente a corrupción dentro das institucións do estado, enfrontado o desabastecemento e a violencia económica, e reforzado a seguridade de xeito que foi posible desactivar un golpe de estado que tería rematado cos avances nomeados.

A resilencia de Nicolás Maduro fai del o candidato ideal para enfrontarse ao constante asedio á Revolución e seguir construíndo un outro modelo político e económico.

O triunfo da democracia, xuntos podemos mais!

A campaña mediática de desprestixio a Venezuela conseguiu que se asuma como certo o que non é real. A suposta ditadura bolivariana celebrou, desde 1999, 5 eleccións presidenciais, 4 eleccións parlamentarias, 6 rexionais, 7 municipais, 6 referendos e 3 consultas constitucionais; a estas convocatorias súmase a do vindeiro 20 de maio que combina presidenciais, municipais e lexislativas. Mais, alén da cantidade, a democracia venezolana é exemplo de calidade. Con un sistema electoral totalmente dixitalizado e con identificación mediante pegada dactilar, a seguridade é maior do que na maior parte dos estados da Europa, e por suposto do que nos Estados Unidos de América. É de valorar tamén que a calidade da democracia teña raíces fondas, e que a poboación asumise a súa participación na vida política desde a base. A descentralización da toma de decisións políticas cara ás asambleas e comunidades permite que numerosos Consellos Comunais, organizacións ou movementos sociais guíen a vida política baixo a dirección e promoción do Ministerio do Poder Popular para as Comunas e Protección Social.

Tamén no ámbito institucional son multitude os partidos que participan da vida política. A estas próximas eleccións, nas que a extrema dereita rexeitou candidatarse, concorren dezaseis partidos representados por catro candidatos; Nicolás Maduro preséntase á reelección á fronte do Gran Polo Patriótico, e enfrontarase a Henri Falcón por Avanzada Progresista, Javier Bertucci de Esperanza por el Cambio e Reinaldo Quijada por Unidad Política Popular 89. O imperio, ante a imposibilidade de parar o avance do pobo nas urnas, rexeita desta volta presentar un candidato; o seu candidato será a indignación popular, a manipulación, o descrédito. Porque nun mundo onde o capital manda non se pode consentir o exemplo dun pobo digno que non só resiste, senón que avanza.