Construción nacional desde os concellos

Febreiro de 2019

Entendemos como construción nacional todas aquelas medidas que se destinan de forma específica a cohesionar a comunidade nacional galega, afirmar a súa identidade e reverter o proceso de asimilación forzosa.

A construción nacional é por tanto unha parte integrante do proceso de emancipación nacional e transformación social que debe protagonizar o pobo galego, que se desenvolve de forma progresiva con iniciativas tácticas e estratéxicas, adaptadas á fase e ao contexto político. Neste caso, referímonos a medidas que se poden aplicar desde o poder local e a partir do contexto e da fase actual, marcada pola pulsión recentralizadora existente e pola imposición dunha lexislación non só completamente oposta a estes obxectivos, senón limitadora das posicións políticas nacionais, ameazante e represiva.