Os intereses do capital ou os do pobo: Recuperemos os servizos nos concellos

Febreiro de 2019

A remunicipalización dos servizos é unha medida mínima se mantemos algunha perspectiva de transformación desde o poder local. Debe enmarcarse nun proceso de concienciación popular sobre os límites do neoliberalismo e do capitalismo, así como dos intereses de clase que defende o Estado Español, manifestados na abondosa lexislación que defende polo miúdo os intereses das grandes empresas transnacionais.

O proceso de remunicipalización nesta fase histórica debilita os intereses dos monopolios, facilita a ampliación de certos dereitos da poboación, especialmente da máis explotada ou empobrecida, e permite elevar a conciencia do pobo ao implicar un enfrontamento coa alianza entre o Estado e os intereses empresariais. A xestión pública pode mellorar a calidade, a eficiencia e os prezos dos servizos, diminuír as oportunidades de corrupción política e amplía a participación popular e a transparencia.