O encontro serviu para asinar un manifesto conxunto, que reproducimos a continuación, no que as organizacións participantes comparten análises sobre o carácter irreformábel do Estado e o necesario acceso á soberanía popular e á independencia das nacións sometidas, e á vez impulsar unha Mesa Internacional de Organizacións Independentistas e Revolucionarias para articular a solidariedade entre os respectivos pobos.

O Movemento Galego ao Socialismo participou no pasado 9 de outubro na Diada do País Valencià, a convite da organización irmá Poble Lliure. O responsábel de Organización, Inácio Pavón, e o Responsábel das Relacións Internacionais, José Emílio Vicente, marcharon na manifestación que reclamou nas rúas de València o dereito a decidir, mais tamén dunha intensa xornada que incluiu un acto internacionalista, a sinatura dun manifesto e a constitución dunha Mesa Internacional de Organizacións Independentistas e Revolucionarias, foro de diálogo e coordenación entre diversos partidos.

Os actos comezaron na mañá do domingo, onde se sucederon as intervencións políticas a cargo de Andalucía Comunista, Izquierda Castellana, UPG, MGS, Sortu e Poble Lliure. Do Movemento Galego ao Socialismo chamouse a reforzar a loita soberanista e de esquerdas nas distintas nacións, tanto como ferramenta de resistencia ante unha profunda crise do capitalismo con gravísimas consecuencias para os pobos, como na sua dimensión de auténtico vector de ruptura e transformación, incapaz de ser asimilado polo sistema, na liña do expresado no manifesto conxunto. Resaltouse tamén a capacidade de resistencia do soberanismo galego, a pesar de todas as dificuldades, cando se asenta na mobilización social e na organización da clase traballadora. Por último, o MGS reiterou a solidariedade ante calquera ataque á ruptura independentista aberta na Catalunya, e anunciou un especial seguimento deste proceso nos vindeiros meses, nos que sen dúbida aumentará a confrontación co Estado.

O encontro serviu para asinar un manifesto conxunto, que reproducimos a continuación, no que as organizacións participantes comparten análises sobre o carácter irreformábel do Estado e o necesario acceso á soberanía popular e á independencia das nacións sometidas, e á vez impulsar unha Mesa Internacional de Organizacións Independentistas e Revolucionarias para articular a solidariedade entre os respectivos pobos.

Ademais, o MGS participou na manifestación unitaria que pola tarde reuniu a milleiros de persoas. O lema principal xiraba en torno do financiamento do País Valencià, se ben as consignas e organizacións presentes defendían tamén un amplo abano de reivindicacións, nas que salienta o dereito a decidir do País Valencià, no camiño da constitución dunha república conxunta dos Países Cataláns. 

A seguir podes ler o texto do manifesto asinado no encontro:

Non hai cambio sen ruptura... Autodeterminación e independencia: democracia para os pobos!

O réxime xurdido da transacción do franquismo á monarquía borbónica vixente os últimos 40 anos presenta síntomas claros de esgotamento:

Non serviu para garantir unhas condicións de vida digna ao conxunto das clases populares e traballadoras dos diferentes pobos oprimidos polo estado español. Máis ben ao contrario: reforzouse o carácter oligárquico do estado e acentuáronse as inxustizas sociais, consagrando un modelo económico ao servizo de especuladores e terratenientes que se fundamenta na desposesión sistemática e os retrocesos constantes en canto a dereitos sociais e laborais.

Nen sequera deu resposta á realidade plurinacional do estado e as ansias de liberdade e soberanía dos pobos que o conforman, senón que involucionou até un réxime desacomplexadamente hostil contra a diversidade de linguas, culturas e identidades. O seu carácter oligárquico supón un freo insalvábel ao desenvolvemento de modelos económicos que respondan as necesidades reais das diferentes nacións; e consagra situacións de inxustiza como o colonialismo interno, os latifundios, as taxas de paro vergonzantes ou o espolio fiscal, que tan só favorecen as elites que o rexen.

É un réxime sostido principalmente na corrupción, que hai que cualificar de sistèmica, posto que foi o mecanismo polo cal os grandes capitais impuxeran as súas políticas, privatizando servizos esenciais, favorecendo a especulación, danando a saúde pública, a calidade ambiental e, en xeral, o espazo e o ben común, e conformando un sistema fiscal que tan só favorece as grandes fortunas.

É neste contexto, agravado polo proceso de reestruturación capitalista iniciado no 2008, que as clases populares andaluzas, vascas, castelás, catalás e galegas han ir tomando conciencia da necesidade dun cambio de réxime, dun novo modelo económico que dea resposta ás necesidades e demandas sociais e dunha democratización política que garanta a soberanía popular e a erradicación da corrupción.

E é tamén neste contexto que o réxime respondeu ofrecendo a súa rexeneración, a mal chamada “nova política”: unha proposta de cambio sen ruptura que, como tal, non é máis nada que unha operación de maquillaxe e de reposto de protagonistas que non pon en cuestión os fundamentos do estado nin o sistema de dominación.

As organizacións de esquerdas consecuentes de Galiza, os Països Catalans, Euskalherria, Castela e Andalucía, herdeiras da loita polos dereitos sociais e políticos dos noso pobos, somos moi conscientes do engano que supuxo a transacción franquista.

Somos ben conscientes de que non haberá cambio posíbel no estado español sen unha ruptura democrática que cuestione de raíz a monarquía borbónica.

E somos moi conscientes que esta Ruptura tan só é posíbel a partir da plena soberanía popular, é dicer, do exercicio do Dereito á Autodeterminación e o acceso á Independencia dos nosos pobos.

Desde o caso Betaragune e a inhabilitación de Arnaldo Otegi, até o encarceramento de Andrés Bódalo e a represión ao sindicalismo combativo andaluz, pasando pola criminalización e persecución xudicial contra o independentismo catalán, o estado español móstranos constantemente o seu carácter antidemocrático. Un Estado do que xa tan só restan as cloacas e un sistema xudicial totalmente sometido aos designios do poder político e económico. Un Estado irreformábel e unha prisión de pobos.

Por iso, as organizacións asinantes, seguindo os compromisos da Declaración de Valencia do 25 de abril de 2015:

  • Reafirmámonos na necesidade da Ruptura Democrática como única vía para un cambio real favorábel ao conxunto das clases populares.
  • Consecuentemente, despregaremos políticas de apoio mutuo cara a lograr o exercicio do Dereito á Autodeterminación e o recoñecemento da Independencia dos nosos pobos.
  • Traballaremos para configurar un marco de relacións internacionais baseado na paz, a cooperación e o respecto da soberanía dos pobos.
  • Comprometémonos a impulsar unha Mesa Internacional de Organizacións Independentistas e Revolucionarias que sirva para articular a solidariedade entre os nosos pobos, para o despregamento de espazos de debate, cooperación e apoio mutuo na loita; e, en xeral, para a definición e construción dun proxecto compartido de transformación social desde as respectivas e plenas soberanías nacionais.

València, Països Cataláns, 9 de Outubro de 2016.

Andalucía Comunista
Izquierda Castellana
Movemento Galego ao Socialismo
Primeira Linha
Unión do Povo Galego
Sortu
Poble Lliure