Bautista Álvarez

Identificámonos no fío vermello e patriótico que percorre a historia para preparar e organizar un proceso revolucionario pola independencia e o socialismo no noso país, pola nosa patria e por todas as explotadas e explotados do mundo, o que constituirá a única homenaxe posíbel a Bautista Álvarez e a todas e todos aquelas que nos precederan ou acompañaran na loita.

 

O Movemento Galego ao Socialismo transmite ás súas condolencias a todas as persoas familiares, amigas, camaradas e compañeiras de Bautista Álvarez na hora do seu pasamento. Dirixímonos tamén a todas as militantes da Unión do Povo Galego (UPG) e do Bloque Nacionalista Galego (BNG), partido e fronte nas que militou durante toda a súa vida o histórico militante, quen participou da fundación de ambas organizacións.

Nado en 1933 en San Amaro, formado en Filosofía e Letras, Bautista Álvarez desenvolveu algunhas das primeiras iniciativas políticas e culturais na emigración -como en tantas outras experiencias da nosa historia e do movemento soberanista e independentista en particular- coa fundación do grupo “Brais Pinto” en Madrid. En 1964 funda a Unión do Povo Galego e participa na redacción dos seus 10 pontos programáticos iniciais, xunto a Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé A. Arxona, Mª Xosé Queizán e Raimundo Patiño. No percurso dunha longa traxectoria militante, Bautista Álvarez padecería a represión española nos cárceres e cuarteis da Guardia Civil, sería electo ao Parlamento Autonómico pola coalición Bloque (AN-PG/UPG) – PSG e expulsado, xunto a Lois Diéguez e Claudio López Garrido, por non acatar a Constitución imposta, e despois reeleito durante catro lexislaturas polo BNG, e desempeñou responsabilidades dirixentes na UPG (Presidente entre 1977 e 2008) e no BNG (membro da Comisión Permanente desde 1982 até 2002). Tamén desempeñou unha notábel actividade cultural e presidiu a fundación que o seu partido creou co seu nome en 2004. Trátase dunha longa traxectoria que se funde inevitabelmente coa do soberanismo e as súas principais organizacións nas súas últimas décadas, nunhas condicións difíceis con acertos e erros que explican e levan no seu conxunto até o noso actual movemento de liberación nacional.

Coa actividade da xeración de Bautista Álvarez abríase unha nova etapa na historia do movemento de liberación nacional galego, abruptamente interrompida pola contraofensiva e vitoria fascista, na que se tentaba aplicar o marxismo, teorica e practicamente, ás condicións nacionais, políticas e económicas da Galiza. Por primeira vez incardinábase a causa galega, dentro da loita internacional polo socialismo, o que representaba unha imprescindíbel ruptura explícita coas fases precedentes, pequenoburguesas, agraristas ou populistas, do galeguismo, sen negar a súa trascendencia nacional, histórica e democrática. Á marxe das diferencias de criterio, estratexia e opinión entre o MGS e a UPG na actualidade, recoñécemonos plenamente na xeira aberta pola irrupción dun marxismo-leninismo galego e patriótico e comprometémonos na actualidade co desenvolvemento e reforzamento da agrupación de forzas populares e soberanistas no BNG xunto a outros milleiros de militantes. Identificámonos no fío vermello e patriótico que percorre a historia para preparar e organizar un proceso revolucionario pola independencia e o socialismo no noso país, pola nosa patria e por todas as explotadas e explotados do mundo, o que constituirá a única homenaxe posíbel a Bautista Álvarez e a todas e todos aquelas que nos precederan ou acompañaran na loita.

Viva Galiza independente e socialista!

Comisión Permanente do Movemento Galego ao Socialismo

Na Galiza, a 16 de setembro de 2017