Desde o comezo da crise o noso país perdeu 195.300 postos de traballo, a maioría no sector da construción e outra boa parte no industrial

operario

 

O Gabinete Técnico da Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de editar un informe sobre o mercado de traballo en Galiza no ano 2014. Seis anos despois do comezo da crise, e tres anos despois da entrada en vigor dunha nova reforma laboral, a situación en Galiza continúa caracterizada pola destrución de emprego, pola extensión da precariedade entre as poucas traballadoras que acceden a el, e pola emigración como alternativa para a mocidade.

Frente ao dato no que se centraban e que pregoaban os grandes titulares e o goberno — o descenso do desemprego rexistrado —, o informe pón de manifesto que a razón deste dato non é a incorporación de maior poboación ao traballo. Aconteceu exactamente o contrario: descendeu a poboación ocupada. En realidade, o descenso do desemprego deriva da redución da poboación activa -unhas 17.000 persoas no ano pasado- nomeadamente nas faixas de idade máis novas, que non se rexistra ou emigra. Ademais, os dados demostran a extensión da precariedade e o infraemprego en todos os ámbitos: aumentan os contratos temporais e descenden os indefinidos, aumenta a rotación laboral, e tamén é maior a porcentaxe de desempregadas e desempregados sen dereito a ningunha prestación.

Actualmente existen en Galiza uns 998.000 ocupadas e ocupados. Desde o comezo da crise o noso país perdeu 195.300 postos de traballo, a maioría no sector da construción — que representa o 40% — e outra boa parte no industrial — cun 32% do emprego destruído. Por outra parte, continúa a perder peso o sector primario, particularmente na agricultura. Dentro do sector servizos, o comercio continúa a experimentar unha forte redución do emprego. En 2014 tamén se reduciu en 13.000 postos o número de traballadores autónomos, que rematou en 143.000, a pesar de que o goberno ten argumentado que esta alternativa estaba a medrar como opción laboral para moitas persoas desempregadas, convertidas en "emprendedoras".

A caída na ocupación e a redución da poboación activa non son os únicos problemas, xa que tamén mudaron radicalmente as condicións de traballo das persoas ocupadas. Aquelas traballadoras e traballadores que puideron acceder a un emprego en 2014 fixérono moi maioritariamente en condición de temporalidade, en xeral con contratos de moi escasa duración: só un 5% foran asinados baixo algunha modalidade de contratación indefinida; de media, cada traballador con contrato temporal tivo a oportunidade de asinar 4 contratos nun só ano, o que de novo demostra a escasa duración media dos empregos aos que se accede. De entre os empregos que desaparecen, a maior parte, o 64%, son postos a xornada completa. Só un 7% dos empregados a xornada parcial afirma non querer un traballo a xornada completa, de forma que esta modalidade non é unha escolla voluntaria, senón a única posibilidade para a maioría das e dos que acceden a ela.

Como consecuencia, rexístrase un innegábel empobrecemento da clase traballadora. Segundo os dados do exercicio fiscal de 2013, que son os dispoñíbeis, o único colectivo de asalariadas e asalariados que medra en Galiza foi o das persoas que teñen un salario bruto igual ou inferior á metade do Salario Mínimo Interprofesional, que ademais é o máis numeroso: case unha quinta parte (18,3%) de toda a poboación asalariada. Estes dados -que seguramente serán sobrepasados polos de 2014- reflicten unha situación dramática, xa que existen en Galiza 177.543 traballadoras e traballadores cun salario medio anual duns 1.872 euros, e uns 121.836 cuns 6.802 euros. 3 de cada 10 cobraron o salario mínimo ou menos, e é só nestes tramos salariais onde se crea emprego, mentres se destrúe en todos os que o superan. Esta é a realidade do emprego que se está a crear: de escasa duración e estabilidade, precario e de baixa remuneración. Sen embargo, cada posto de traballo creado, aínda que represente tan poucos ingresos para a clase traballadora, é utilizado como piar no discurso construído acerca da presunta recuperación económica.

As paradas e parados de longa de duración tampouco se beneficiaran do descenso do desemprego propugnado polo goberno, senón ao contrario. No ano 2014 aumentou no 10% a porcentaxe de traballadoras e traballadores con máis de 2 anos sen traballar. A longa duración do desemprego explica o descenso da cobertura das persoas desempregadas, que esgotan as prestacións sen ter oportunidade de volver cotizar de novo. Apenas a metade (52,4%) das persoas desempregadas recibe prestación, nunha cifra que previsibelmente continuará a empiorar nos próximos meses.

Estas son as consecuencias que as actuais políticas nos deixan á clase traballadora, e que se van agravando conforme avanza o tempo: traballan menos galegas e galegos, aquelas que o fan teñen peores salarios e menor estabilidade, e redúcese a protección das que perden o emprego. É urxente retomar a mobilización social e afortalar as organizacións e iniciativas que nos permitan invertir estas políticas en beneficio do noso pobo, desde a esquerda e o patriotismo.