O 26 de maio pasado culminamos os traballos da nosa 1ª Asemblea Nacional cunha intensa xornada de debate e coa aprobación dos documentos político e organizativo así como dos novos Estatutos, ademais de escollermos as persoas que conformarán a nova Mesa Nacional até a vindeira asemblea. Tamén se acordou constituírmonos como partido político e solicitarmos o recoñecemento no BNG como colectivo interno.

Así, neste cita asemblearia tras analizar a actual situación de Galiza e do nacionalismo o MGS fixou as súas prioridades políticas acordando fortalecer o soberanismo e a esquerda, superando a vía autonomista, que considera esgotada, e sinalando a estreita ligazón entre a alternativa anticapitalista e a loita polo soberanía política; reforzar o BNG como único referente político; afortalar o sindicalismo nacionalista como ferramenta de contestación ao capitalismo neoliberal; e contribuir á autoorganización do pobo galego en todos os ámbitos, no camiño dunha sociedade consciente e dona do seu destino. No plano organizativo rematouse definitivamente coa provisoriedade de todos os organismos e logo dun importante reforzo militante e territorial nos últimos tempos o MGS conta con unha organización mellor preparada para os retos que marca a nova etapa política. Ainda que non se trataba dunha asemblea constituinte o certo é que existiu un ambiente similar ao tratarse do inicio dun novo tempo para unha organización que como a nosa naceu nun contexto mui complicado e onde tivemos que multiplicarnos para estarmos á altura dos obxectivos que nos marcáramos.

Nun emotivo acto de clausura, que abarrotou a sala, quixemos amosar ese punto de inflexión para seguir a traballar, xunto con moitas outras compañeiras e compañeiros por acadar os nosos obxectivos políticos, pola superación do marco político actual cara a independencia nacional e a construcción do socialismo. Entre as delegacións convidadas asistiron as internacionais Frente Popular para a Liberación de Palestina (FPLP), o cónsul de Cuba, Alejandro Fuentes e recibíronse saúdos de Niko Moreno, en representación da Esquerda Abertzale. Ademais, da Galiza asistiron representantes de A Mesa pola Normalización Lingüística, AGAL, Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, asociación ecoloxista Adega; Corrente Sindical de Esquerdas, Liga Estudantil Galega, Isca!, CIG e BNG enviando un saúdo a Marcha Mundial das Mulleres e Siareiros Galegos.

No acto de clausura proxectouse un video que recolle as nosas referencias ideolóxicas e o noso traballo político en diferentes campos, e pechouse coas intervencións de Noa Presas, membro da nova Mesa Nacional, Laura Arjonilla, en representación da organización xuvenil Isca!, Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG e Rafa Vilar en representación da Mesa Nacional do MGS.

Podes acceder aquí aos documentos aprobados ou descargalos aquí.

A seguir podes ver o vídeo emitido na clausura: