Desde o MGS transmitimos novamente os nosos azos a Poble Lliure e ao conxunto das clases populares catalás, conscientes de que teremos que manter e reforzar a solidariedade no camiño da emancipación.

O Movemento Galego ao Socialismo participou na I Asemblea Nacional de Poble Lliure, organización política independentista, socialista e feminista dos Països Catalans, que tivo lugar o pasado 12 de xuño en Barcelona. O responsábel das Relacións Internacionais do MGS, José Emílio Vicente, asistiu ao acto de clausura, seguido por centos de persoas, e no que tamén se recibiron saúdos de organizacións irmás como Sortu e Andalucía Comunista.

Poble Lliure, coa que o MGS mantén relacións fraternais desde a súa fundación, renovou o seu Secretariado Nacional na Asemblea, mais a principal proposta foi a resolución “Por un Acordo Patriótico das Esquerdas pola República Confederal dos Països Catalans”. Nun contexto complexo e coa Candidatura de Unitat Popular sometida a unha enorme tensión, Poble Lliure pretende acelerar e consolidar o proceso independentista e á vez imprimirle un programa político de transformación social, para o que interpelou directamente a todos os axentes políticos e sociais da nación catalá. Trátase dunha proposición que pretende replantexar a estratexia independentista, nun momento no que se presenta como inevitábel a confrontación democrática co Estado en Catalunya, aínda que este ensaie novas vías de integración e reforma, e que marca tamén como obxectivo a constitución de repúblicas no País Valencià e nas Illes Balears, na perspectiva de se confederar.

Desde o MGS transmitimos novamente os nosos azos a Poble Lliure e ao conxunto das clases populares catalás, conscientes de que teremos que manter e reforzar a solidariedade no camiño da emancipación, que sempre se enfrontará á reacción antidemocrática do Estado Español, ademais de numerosas dificuldades e contradicións.