Contra o imperialismo, o capital e a UE:  solidariedade co pobo grego e apoio ás e aos comunistas

Greek Communist Party protest in Athens, Greece - 20 Mar 2012

O Movemento Galego ao Socialismo considera a conxuntura política en Grecia de extrema importancia e influencia para a loita internacional polo socialismo, nomeadamente na contenda aberta contra a Unión Europea, e quere compartir as seguintes apreciacións públicas.

1. A situación de Grecia débese á natureza do capitalismo, ás súas crises recorrentes e aos intereses estratéxicos do imperialismo.

A Grecia padece as consecuencias dunha profunda e prolongada crise capitalista, que provocou unha intensa ofensiva do capital, que deteriorou enormemente a vida da clase traballadora e os sectores populares. Esta situación non responde a unha excepcionalidade grega -como pretende grande parte da narrativa desinformativa dos medios de comunicación- debida a características específicas da súa clase traballadora, da inmoralidade dos seus dirixentes políticos, dun endebedamento irresponsábel ou da falsificación de rexistros macroecónomicos. Ao contrario, insírese e enténdese só nun proceso de integración no capitalismo internacional, na súa vertente neoliberal, desde o colapso da ditadura en 1974, período en que as crises capitalistas continúan a reproducirse de forma recorrente en diferentes partes do mundo, como corresponde á natureza do capitalismo. A situación grega débese á natureza do capitalismo e á do Estado grego, integrado de forma periférica na Unión Europea, no seu sistema monetario, e na OTAN.

Ademais, o país helénico ocupa unha posición estratéxica na encrucillada entre tres continentes, e é un actor fundamental en relación ás complexas relacións internacionais e intereses que atinxen os Balcáns — con conflitos como o nome da antiga república iugoslava de Macedonia —, Turquía e Chipre, que ten parte do seu territorio ocupado por Ankara. A súa importancia xeoestratéxica é evidente desde hai décadas, como demostrou o conflito entre 1941-1950, cando a OTAN interveu activamente para garantir a victoria das forzas anticomunistas e monárquicas e impor un réxime brutalmente reaccionario. De feito, as imposicións da Unión Europea non son a primeira usurpación de soberanía na historia grega, como ás veces pretende certo discurso reformista: Grecia estivo tutelada externamente desde o final da Segunda Guerra Mundial, e as potencias occidentais forzaron o seu ingreso na OTAN, apoiaron a ditadura militar, impulsaron a súa integración na Unión Europea, e en xeral supervisaron o seu réxime político e económico, con decisións concretas en aspectos como o sistema electoral.

As dúas forzas que se alternaran no goberno de Grecia durante as últimas décadas -os socialdemócratas do PASOK (Movemento Socialista Panhelénico) e os neoliberais da Nova Democracia (ND)- empregaran o discurso da "modernización necesaria" para implementar agresivas medidas neoliberais, que aumentaron as desigualdades existentes en Grecia, e indubidabelmente sentaron as premisas da crise.

Pola súa vez, as respostas dos distintos gobernos gregos á crise marcan as condicións que definen a seguinte etapa no desenvolvemento capitalista, e golpearon con dureza a clase traballadora. Os plans de resgate e os consecutivos pacotes de "axuda" financeira só serviron para salvar os intereses da banca e das grandes empresas. A Comisión Europea, o Banco Central Europeu e o Fundo Monetario Internacional (FMI) organizaron un comité, a célebre Troika, que impuxo as malchamadas medidas de "austeridade", de xeito que fose a clase traballadora quen pagase as consecuencias da crise por medio das privatizacións masivas, despedimento de milleiros de funcionarios e funcionarias e sucesivas e crecentes diminucións de salarios na función pública, aumento da idade de xubilación e recurtes nas pensións, redución no salario mínimo ou aumento dos impostos indirectos. A xustificación que permitiu desenvolver tal ofensiva foi a chantaxe permanente que esgrimía as consecuencias presuntamente catastróficas da saída da Grecia do euro, e a consecuente crise bancaria, que á súa vez xeraría un efecto no conxunto do sistema monetario europeo.

Se o Chile pinochetista fora un laboratorio nunha etapa previa do neoliberalismo, Grecia converteuse nun novo escenario de experimentos, nunha fase máis avanzada e ofensiva, e cunha sintomática diferenza: a ditadura militar non foi nin sequera necesaria, e abondou cun réxime parlamentario burgués, sometido a inestabilidade na alternancia de forzas de goberno, mais institucionalmente estábel. Como resultado destas decisións, a política grega funcionou durante os últimos anos sometida a unha xestión tutelada pola Troika, reduciuse a base produtiva, e empobreceuse notabelmente o país. A “historia de éxito” da que falaba o primeiro ministro da Nova Democracia, Antonis Samaras, é a das cifras do risco da pobreza, na que se sitúa un de cada tres gregos e gregas; as do desemprego que superan 30%, e atinxen máis da metade entre a mocidade (51.1%), marcando auténticos recordes negativos na Eurozona; mesmo as das porcentaxes de suicidios, que se elevaron en 43% desde o comezo da crise, ou as alarmantes cifras de depresión e enfermedades mentais.

2- A ofensiva do capital desgastou os partidos tradicionais e propiciou a emerxencia de novas forzas

O presente oferece xa varios elementos de análise moi relevantes: como noutros países que experimentaron fenómenos análogos, esta conxuntura modificou notabelmente a valoración popular das organizacións políticas asociadas ao goberno, desgastando tanto os socialdemocratas do PASOK, até o ponto de se aproximar á súa desaparición, como os neoliberais da ND. Ambas as dúas forzas, nunha situación con certas semellanzas co bipartidismo no Estado Español, que ocupara o goberno alternadamente desde a fin da ditadura dos coroneis, perderon creto entre as forzas populares. É neste contexto que se produce nos últimos procesos eleitorais o ascenso da Syriza, que é a favorita nas eleccións do 25 de xaneiro, e, noutro plano moi diferente, a emerxencia do enxendro fascista Aurora Dourada.

 

kke 


3 - O obxectivo do imperialismo é garantir a estabilidade e continuidade da Unión Europea

Do MGS afirmamos que a posición ante a Unión Europea é un indicador decisivo para coñecer a profundidade das análises e posicionamentos de calquera organización política. No posicionamento da nosa organización afirmamos que é precisa a ruptura coa UE, un proxecto creado por e ao servizo do capitalismo, antidemocrático e imperialista, que non ten reforma posíbel. É pois baixo esta análise que xulgamos a situación política grega.

Hoxe parece estar a se desenvolver un novo exercicio de reagrupamento de carácter socialdemócrata, que pode ter outros paralelos noutros países e Estados da Unión Europea, que no que atinxe á cuestión da UE se centra na promesa de certas reformas, con propostas de distintos graos de keynesianismo, de suposta democratización das súas estruturas, e dunha “defensa europea autónoma”. Ese reagrupamento imposibilitaría o desenvolvemento dunha subxectividade revolucionaria, canalizando por medio de vías reformistas a inquedanza que desperta no seo do pobo unha situación económica e social tan deteriorada.

Este foi historicamente o papel da socialdemocracia internacional, e foron estas forzas as que desempeñaron un papel máis útil á burguesía, levando adiante os planos do capital alí onde non tería sido posíbel por medio das organizacións abertamente liberais.

O período tras a Transición española é paradigmático neste sentido, cando o Partido Socialista Obrero Español — principal abandeirado do “cambio” e forza en vertixinoso ascenso eleitoral — abandonou o marxismo e accedeu ao goberno estatal. Alí implementou a consolidación do Estado das autonomías e o combate contra os movementos de liberación nacional, a integración no Mercado Común, na OTAN, e no conxunto de institucións e estruturas do capitalismo internacional. A historia do PASOK nos comezos dos 80 — cando esta forza se opoñía á permanencia grega na OTAN e na Comunidade Económica Europea e reclamaba o peche das bases norteamericanas, significativamente tres puntos máis avanzados que o actual programa da Syriza, que xa nen cuestiona a permanencia na OTAN — é moi semellante.

A Syriza, "Coalición da Esquerda Radical", provén da confluencia de diversos grupos, do trotskismo ao maoísmo. Formouse en 2004, con Synaspismos como principal partido. No verán de 2013 Syriza decidiu transformarse nun partido político unitario, forzando a todas as organizacións políticas a disolver as súas estruturas. Tratouse dunha transformación enmarcada nun proceso que ten como obxectivo inmediato o éxito electoral e a conformación dun alcumado "goberno de esquerda". Esta forza logrou aglutinar parte dos cadros do PASOK e outros cindidos do Partido Comunista da Grecia (KKE), como é o caso do seu líder, Alexis Tsipras.

Nestes momentos o programa da Syriza enfatiza a importancia de defender o que denominan a "idea europea", así como a permanencia de Grecia no euro, considerándose mesmo como “salvadores” do euro. Teñen argumentado a necesidade de atopar unha saída europeísta á crise, algo exposto en comunicacións e encontros cos presidentes do Consello da UE, do BCE, da Comisión Europea, co persoal diplomático do G20, con representantes de distintos fondos de investimento...

Esta forza adaptou rapidamente o seu programa, e pasou a renunciar ao cancelamento total do memorando, para defender unha negociación coa plutocracia europea; segundo a lóxica reformista, o pobo beneficiarase automaticamente do retorno ao crecemento é a recuperación da economía no capitalismo, sen cuestionar no fundamental o poder do capital.

No plano sindical, a Syriza non ocupa o papel de contundente forza de oposición que se lle atribúe, que está representado en realidade pola Frente Militante de Todos os Traballadores (PAME), senón que apoia un sindicalismo pactista e colaboracionista na ADEDY (Confederación de Funcionarios Públicos) e na Confederación Xeral de Traballadores de Grecia (GSEE).

No ámbito internacional, Syriza manifestou a súa sintonía con propostas socialdemocratas como as de François Hollande en Francia, ou mesmo loubou o carácter realista da xestión da crise realizada polo presidente estadounidense, Barack Obama. Deste xeito, a Syriza é a principal esperanza de todas forzas que queren reformar a UE, agrupadas en torno do Partido da Esquerda Europea. Non é nada sorprendente, xa que logo, que Tsipras fose tamén hai uns meses o candidato do Partido da Esquerda Europea, e de parte do Grupo Parlamentar da Esquerda Unitaria/ Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), para presidir a Comisión Europea, nin que o reformismo español teña manifestado reiteradamente o seu apoio a esta formación.

Na nosa contorna, todos os medios de comunicación presentaron a Syriza como a única opción "de esquerda", e como a auténtica alternativa, en canto optaron polo silenciamento das posturas do KKE. Mesmo os altos dirixentes da Unión Europea sinalan a Syriza constantemente, no que semella ser un ataque, mais que só contribúe a aumentar a polarización política e a visibilizar o suposto inimigo.

Neste sentido, o MGS considera que nestes momentos a vitoria eleitoral da Syriza non vai representar un cuestionamento do sistema capitalista nin das unións imperialistas que pechan o noso futuro, en particular a Unión Europea, nin vai representar un paso importante no debilitamento da hexemonía imperialista dos Estados Unidos no mundo, e polo tanto non será unha solución para o pobo grego.

En cambio, o KKE desenvolve un proxecto completamente diferente e contra a corrente, con certa redución da súa forza eleitoral, se ben a súa influencia política e social é moito máis ampla. É precisamente a forza organizativa e a incidencia do KKE entre as masas unha das razóns que explica a necesidade que ten Syriza de adoptar unha retórica aparentemente radical, do mesmo xeito que a tiña o PASOK até os anos 80, cando era a forza aparentemente máis avanzada de entre toda a socialdemocracia europea.

O KKE ten obxectivos e métodos alternativos: xa que explica o carácter da crise e a inevitabilidade desta no capitalismo, defende abertamente a retirada da UE e da OTAN, reclama a cancelación unilateral da débeda e a socialización dos medios de produción, desenvolve unha loita cotiá basada na loita de clases e na mobilización de milleiros de traballadoras e traballadores, particularmente a través do PAME, e mantén unha presenza moi importante tamén en gobernos locais, asociacións campesiñas, no movemento estudantil desde a secundaria até a universidade, e no movemento xuvenil en xeral.

Ademais, este partido é tamén un dos principais axentes do diálogo e aproximación entre forzas comunistas e operarias de todo o mundo desde unha liña marxista-leninista, e tamén a prol da coordinación comunista en Europa. A sua estratexia contempla o reagrupamento, organización e mobilización do movemento comunista na Grecia e en todo o mundo.

4- Apoio ao combate de todos os pobos contra o capital

Debemos analizar e coñecer con exactitude a forma en que os gobernos burgueses responden ante esta e outras crises capitalistas, xa que estas vannos acompañar mentres non derrubemos este sistema, e debemos aprender como organizar alternativas, desvendar falsos camiños, e difundir as posicións revolucionarias con efectividade. Neste sentido, depende do desenvolvemento da loita de clases que se manteña este terror económico, e polo tanto a poboación grega continue a padecer unhas condicións de vida radicalmente deterioradas, ou que se avance no combate contra a estabilidade política e económica do capitalismo, para gañar o poder popular organizando a economía en función das necesidades do pobo, e non dos intereses dos monopolios, e exercer a soberanía para marcar un rumbo proprio que permita implementar ese outro modelo económico e social.

O MGS considera, a partir desta analise, que o reforzamento do KKE representaría a mellor noticia posíbel para o pobo grego e para o conxunto das e dos traballadoras e traballadores e dos pobos do mundo, a opción que máis fortalecería o desenvolvemento da loita de clases e que con maior contundencia debilitaria a plutocracia grega, e a alternativa máis útil para modificar a correlación de forzas a nível europeo, danando a Unión Europea, a OTAN, e o FMI.

O pobo grego non ten por que se conformar cunha reforma que apenas xestione a barbarie capitalista, senón que pode soñar un mundo que aínda non existe e construilo a través da loita. A do 25 de xaneiro será máis unha batalla neste proceso de defensa frente ás novas medidas antipopulares que xa se albiscan, e de avance cara a conquista do poder popular. Desde a modestia do noso partido, asentado nun pequeno país sen Estado no outro extremo do continente, transmitimos o noso apoio ao pobo grego na súa batalla contra o capital, desde a consideración da absoluta indisociabilidade das nosas obrigas nacionais e internacionais, e desde o principio do internacionalismo proletario. Antes e despois do 25 de xaneiro, nós estaremos a carón do pobo grego e en combate contra o capitalismo e o imperialismo.