Esta última decisión evidencia, aínda con máis claridade, o papel dos Estados Unidos no conflito entre o pobo palestino e o Estado de Israel, á vez que ratifica, máis unha vez, que as potencias imperialistas non teñen ningunha vontade de acadar unha solución ao mesmo.

O presidente dos Estados Unidos, o oligarca Donald Trump, anunciou nesta semana que o seu goberno recoñecería oficialmente a cidade de Xerusalén como capital de Israel, facendo efectiva unha lei que xa fora aprobada polo Congreso en 1995, e cuxa aplicación forase adiando desde aquela.

Esta última decisión evidencia, aínda con máis claridade, o papel dos Estados Unidos no conflito entre o pobo palestino e o Estado de Israel, á vez que ratifica, máis unha vez, que as potencias imperialistas non teñen ningunha vontade de acadar unha solución ao mesmo, nomeadamente por medio da solución dos dous Estados, que eventualmente recoñecería a parte oriental de Xerusalén como capital palestina. Durante décadas usaron as negociacións de paz como un instrumento de presión e debilitamento da lexítima resistencia palestina.

Nese sentido, queremos aproveitar para reafirmar algúns dos aspectos centrais que definen o noso posicionamento sobre a cuestión palestina, emitido publicamente con ocasión do Centenario da Declaración Balfour:

— En canto á posición de Israel sobre un acordo co pobo palestino, sinalamos o seguinte:

En realidade, Israel nunca considerou, nen como mera hipótese, a posibilidade de renunciar ao racismo e entenderse cun pobo que aspira á autodeterminación na súa propia terra, nin tampouco respeitar aquela lexislación internacional que prexudique os seus intereses. Todas e cada una das súas condicións innegociábeis -oposición á soberanía palestina en Xerusalén, oposición ao dereito de regreso dos refuxiados, oposición ao retroceso ás fronteiras de 1967, oposición ao desmantelamento das colonias- están en directa oposición coas necesidades palestinas.

— En relación á resolución estratéxica do conflito, queremos reafirmar o dereito do pobo palestino a establecer o seu Estado no conxunto do seu territorio histórico (xa que se trata dun dereito que ninguén ten direito a llo arrebatar nen denegar), con Xerusalén como capital:

Reclamamos o dereito do pobo palestino a exercer a autodeterminación e constituír o seu propio Estado unitariamente e en toda a Palestina histórica, ao consideralo un dereito inalienábel que ademais permitiría plenamente acadar as aspiracións de liberdade, independencia e retorno dos refuxiados. Non obstante, denunciamos tamén o incumprimento actual das resolucións das Nacións Unidas que permitirían crear un Estado soberano e independente nas fronteiras previas á guerra de 1967, con Xerusalén como capital e sen o abandono do dereito ao retorno como contrapartida.

Por último, reafirmamos o recoñecemento da lexitimidade da resistencia do pobo palestino, manifestamos a nosa solidariedade coas prisioneiras e refuxiados, e comprometémonos a reforzar a acción anti-imperialista e antisionista desde a Galiza.

Podes consultar o comunicado completo sobre o Centenario da Declaración Balfour: