Nin a Unión é democrática, nin é posíbel defender a soberanía e a independencia nacional e á vez pretender manter a integración en instancias ao servizo do capital transnacional.

O proxecto de construción europea nin sequera quere ser discutido. A UE non é o mellor camiño, senón o único imaxinábel. Impuxeron un repetitivo consenso prefabricado: é unha comunidade de nacións con intereses compartidos, que garantiu a paz durante décadas, estableceu un espazo de dereitos humanos sen igual, exerceu de contrapunto aos Estados Unidos e permitiu o crecemento económico.

Un proxecto ao servizo do capital

Esta faladoría "europeísta" é a música que cantan as sereas do capitalismo, mais a historia real é ben distinta. As burguesías europeas enfrontáronse na primeira metade do século XX en dúas guerras mundiais pola hexemonía, con resultados desastrosos. A reconstrución de posguerra pasaba pola negociación dun proxecto que permitise o desenvolvemento capitalista sen conflitos bélicos internos (se ben sempre existiron nos espazos coloniais e nas áreas de influencia das potencias). Ademais, o capitalismo europeu precisaba superar os entraves que os estados impoñían á expansión, por medio dunha área comercial que favorecese a circulación de capitais e a súa concentración, rendibilidade e protección da competencia exterior.

Aínda que os traballadores acadasen durante un tempo certas melloras nas súas condicións, os avanzos viñeron de factores máis complexos que a integración europea. O proceso beneficiouse da expansión da economía mundial ata a crise dos setenta, condicións nas que o capital podía permitir un certo nivel de emprego e salarios, nun momento histórico condicionado polo bloque socialista.

A crise propiciou transformacións cruciais, favorecidas polo avance do liberalismo e o recuar da ideoloxía keynesiana do período previo. As medidas de austeridade implicaron non só políticas monetarias restritivas, senón redución de salarios reais e de gasto social. Ao igual que hoxe, as burguesías europeas viron a solución nunha maior explotación e transferencia de riqueza dos traballadores para o capital. Iniciábase un patrón de acumulación baseado nas privatizacións masivas e a erosión do Estado social, nas reformas radicais da lexislación laboral, e na potenciación do mercado.

Finalmente, a unidade monetaria representou perda da capacidade de decisión dos Estados sobre a economía, en beneficio dos intereses do grande capital e das potencias máis fortes. A moeda única non só non aproximou os nosos salarios aos do centro, senón que empobreceu o conxunto da clase traballadora co pretexto da estabilidade de prezos. Os estados periféricos perderon autonomía para resolver os seus problemas, unha situación agravada nas nacións dependentes. O chamado principio da libre competencia -de carácter instrumental- levou a unha carreira por mellorar a competitividade e rendibilidade do capital a custa de condicións de vida e dereitos.

A democracia ausente

A UE non padece só dun "défice democrático". O termo, recoñecido nos documentos da Unión, encobre un funcionamento completamente contrario a procedementos democráticos, mesmo os máis limitados. Ningunha discusión relevante do proceso de integración foi xamais sometida a debate real entre os pobos. As decisións son adoptadas polos xefes de goberno dos 27 Estados, moi condicionados pola influencia dos máis poderosos. A única institución electa, o Parlamento, é a menos importante do entramado comunitario, se ben é utilizada para escenificar unha irreal soberanía popular.

Tampouco o programa político que os organismos europeos desenvolven é sometido a ningunha discusión pública: cando chegan as ordes, só se discute a forma e o momento en que se aplican. De feito, os Estados do sur afrontan a crise con imposicións que non foran discutidas nin valoradas polos pobos, provenientes de órganos opacos e non electos democraticamente, como o Eurogrupo, a Comisión, o Consello ou a Troika. O Banco Central Europeu, que se define como unha institución independente, só o é da vontade democrática, xa que se atopa ao servizo dos grandes capitais.

A hipócrita superioridade moral

A Unión Europea reformúlase continuamente como instrumento privilexiado das grandes potencias, non como elemento de fraternidade entre pobos. Constitúe un bloque político e militar coordinado cos Estados Unidos de Norteamérica, nomeadamente a través da OTAN. É significativa a relación entre a ampliación desta alianza e da UE, de xeito que a integración militar adoita ser peaxe obrigatoria da política, como aconteceu no noso caso.

Se ben compiten internamente pola primacía e distribución de esferas de influencia e mercados, a UE é aliado fundamental dos EUA e participa en todos os planos agresivos: na invasión e ocupación de Afganistán e Iraq, no establecemento do "escudo anti-mísiles", na ocupación israelí, nas agresións contra Libia ou Siria, nas conspiracións contra Venezuela e Cuba ou nos golpes de Estado contra gobernos populares.

A exclusión e persecución dos traballadores extracomunitarios -baseada nas murallas ao longo de todo o Mediterráneo, nos campos de internamento e na condena ao afogamento de milleiros de migrantes- revela a peculiar concepción dos dereitos humanos que manexa a Unión Europea, máis propia dun Estado penal e policial que da civilización que proclama a súa superioridade moral, mesmo co vergoñento Nobel da Paz do 2012.

Reforzar a crítica á UE

Só o nacionalismo mantivo unha liña de oposición coherente á Unión Europea: o BNG opúxose en 1985 á entrada na CEE, advertindo das consecuencias que tería para sectores como o agrario e algunhas ramas industriais; afirmou en 1992 que os acordos de Maastrique representaban a servidume ao grande capital transnacional, letal para o desenvolvemento económico e causante de xigantescas diferenzas socioeconómicas; realizou unha campaña polo non ao frustrado Tratado para a Constitución Europea en 2005; e nos últimos anos rebelouse ante a decisións ditadas para salvagardar os intereses do grande capital. O soberanismo actuou contracorrente, xa que todos os medios de comunicación, así como os sindicatos pactistas e as forzas políticas españolas, da dereita ao reformismo, aceptaban o discurso dominante e abrazaban o soño do progreso europeísta, convertido en pesadelo.

Hoxe é o momento de reforzar e radicalizar a crítica á UE, en confronto co pensamento único dos que sempre se presentarán como defensores de "Europa", para desenmascaralos como paladíns do capitalismo e o imperialismo.

Non podemos esquecer que a integración europea foi especialmente lesiva para os nosos intereses. Sen esquecer as responsabilidades de Madrid, o proceso danou os dereitos da clase traballadora e a base material da nosa economía. Especialmente prexudiciais foron as políticas comúns agraria e pesqueira, os vetos á produción industrial, as privatizacións en nome da eliminación dos "monopolios estatais", o desmantelamento das conquistas sociais, ou a progresiva desvalorización da forza de traballo.

Somos conscientes de que a República da Galiza non ten cabida na Unión Europea (ao contrario do que propoñen outros nacionalismos de carácter burgués). Só con cinismo se podería argumentar que os principais responsábeis do colonialismo global terían interese en defender a libre determinación dentro das fronteiras europeas. Ademais, a maioría destes Estados impulsan procesos de submisión e asimilación sobre as nacións neles apreixadas, e mesmo nacións con Estado propio aturan hoxe a violación reiterada da súa soberanía.

Mais non só nos opoñemos á UE por un motivo pragmático, senón de principios. Non aspiramos á independencia para colocar máis unha estrela neste proxecto imperialista e permitir o florecemento da nosa propia burguesía, senón para superar o capital.

Sen opción para a reforma

Os defensores "de esquerda" da Unión Europea explican os seus resultados polo escoramento á dereita da maioría dos gobernos. Non obstante, gobernantes da Internacional Socialista estiveron entre os principais impulsores do modelo, ea socialdemocracia española foi a encargada de negociar a adhesión, sen debate social e cunha agresiva política neoliberal. Nestes momentos de crise, a socialdemocracia europea, rendida ao neoliberalismo, reacciona como fanáticos relixiosos ante unha epidemia: reforzando a súa fe - para reclamar "máis Europa". Confunden veleno e antídoto, invocando unha "Europa política e social" completamente inexistente.

Non contemplamos unha reforma positiva. Sen renunciar a conquistas en todos os espazos, temos presente que nada mellorará sen a confrontación coas unións imperialistas. Nin a Unión é democrática, nin é posíbel defender a soberanía e a independencia nacional e á vez pretender manter a integración en instancias ao servizo do capital transnacional.

Desde o enraizamento na loita nacional, somos favorábeis á cooperación con outros movementos do continente, para defendermos unha Europa construída a partir da libre determinación e de Estados soberanos e iguais, capaces de escoller o seu propio modelo e impulsar unha política internacional independente e de paz, na perspectiva dun futuro socialista.

A posición fronte á Unión Europea é hoxe unha das mellores pedras de toque para determinar o carácter reformista ou revolucionario dos distintos proxectos políticos do continente. O nacionalismo galego debe explicitar a súa posición, divulgando os seus argumentos entre o pobo e rexeitando becos sen saída. O que a realidade impón é a ruptura co proxecto do capital.

Mesa Nacional do Movemento Galego ao Socialismo