A loita de clases no noso país toma forma tamén de loita de liberación nacional, pois entendemos que non é posíbel a superación do sistema capitalista sen racharmos as cadeas da dependencia.

Na II Asemblea Nacional, celebrada en Pontevedra en 2014, elaboramos este programa político que define brevemente os obxectivos estratéxicos do Movemento Galego ao Socialismo, e as fases para a súa consecución.

Programa político

Introdución

ppios1

O MGS é un partido comunista que aglutina militancia revolucionaria nun proxecto de liberación nacional e transformación social que ten como fin a construción do socialismo e o comunismo. O noso obxectivo principal é a tomada de poder pola clase obreira, e a súa conquista é o noso primeiro deber. Para conquistalo é fundamental que o proletariado se dote da súa organización política, e que a organización acade certo grao de desenvolvemento para poder emprender unha ofensiva contra as clases dominantes.

Así, o artigo 1 dos nosos Estatutos define como obxectivos a constitución dun Estado Galego soberano e independente, a tomada do poder pola maioría social, a derrogación da propiedade capitalista dos medios de produción e a abolición de todas as clases e de toda forma de explotación.

En base á nosa análise marxista e leninista da sociedade e á experiencia dos movementos revolucionarios e de liberación nacional cuxo legado recollemos, precisamos dotarnos dun programa que guíe a nosa acción política en base aos obxectivos en curto, medio e longo prazo, concretando así unha táctica e estratexia en constante análise e contraste coa realidade que nos permita definir as tarefas e consignas acaídas ao momento histórico.

O proceso de liberación nacional

ppios2

Galiza é hoxe unha nación sen soberanía: está sometida politicamente, empobrecida economicamente e negada cultural e lingüisticamente:

  • As decisións políticas fundamentais tómanse en centros alleos de poder, ben do Estado Español, ben das institucións capitalistas internacionais, en ambos os casos baixo o submetemento cada vez máis explícito aos intereses dos grandes monopolios empresariais.
  • O deseño económico imposto ao noso país condénanos á dependencia, ao espolio dos nosos recursos naturais, á destrución dos nosos sectores produtivos e ao desmantelamento industrial.
  • O proceso de substitución do noso idioma propio polo castelán avanza de xeito acelerado, así como a perda da cultura nacional en favor da asimilación á España.

Nestas condicións, a loita de clases no noso país toma forma tamén de loita de liberación nacional, pois entendemos que non é posíbel a superación do sistema capitalista sen racharmos as cadeas da dependencia a respeito do Estado Español e de todas as estruturas de dominación que hoxe impiden a nosa capacidade de decidirmos como pobo e de nos desenvolvermos de xeito autocentrado. Sen ferramentas políticas propias, sen un estado de noso, non será posíbel proxecto transformador ningún, e moito menos revolucionario, na nosa nación.

Consideramos por tanto que neste momento histórico cómpre potenciarmos un proceso de liberación nacional cuxo protagonismo corresponde fundamentalmente ás clases populares como sectores obxectivamente interesados no mesmo. Estas clases populares entran en confrontación coa grande burguesía tanto española como “galega” (intermediaria e cómplice do imperialismo español), interesadas en manteren a actual situación de dominación como garante dos seus privilexios.

Entendemos este proceso independentista que conduza a unha República Galega plenamente soberana como a vía de ruptura democrática tanto co rexime español como con todas as estruturas de dominación imperialista, como a Unión Europea, o euro, ou a OTAN.

Non existe reforma posíbel no marco dun rexime herdado do franquismo e deseñado en base á negación das nacións que o conforman e á conservación dos privilexios dunha minoría oligárquica. A chamada “transición” só ofereceu a reconfiguración dun sistema e dun modelo de estado que teñen como fin garantir a centralización e acumulación do poder político e económico nas mesmas mans de sempre. A fachada de democracia tutelada non consegue xa agochar os cada vez mais evidentes trazos represivos e fascistizantes deste rexime corrupto, en constante ofensiva contra os dereitos sociais e nacionais. As últimas décadas evidencian tamén a imposibilidade de utopías “federalistas” que só serven xa como escusa para frear ou retardar verdadeiros procesos de desconexion do Estado Español, isto é, nidiamente independentistas.

Frente á continuidade oferecida en diversas versións polas diferentes caras do rexime, a vía da ruptura defendida historicamente polo nacionalismo popular ten hoxe máis vixencia do que nunca, e no caso das nacións sen estado só pode vir da man dos procesos soberanistas e democráticos. A independencia non só é o camiño máis efectivo para a superación deste rexime caduco, tamén é a panca que abre a porta a transformacións profundas do modelo e do sistema. Por tanto, quen, nas nacións sen estado como á nosa, contribúa para a ruptura e para a superación do actual marco estará a actuar obxectivamente en favor de verdadeiros proxectos emancipadores. Quen, pola contra, contribuír para manter ou reforzar a unidade estatal e o submetemento dos pobos está a exercer como aliado consciente ou inconsciente do proxecto de asimilación español e, por tanto, da consolidación do seu rexime capitalista e oligárquico.

A revolución nacional e popular

enpe

Enmarcamos a loita pola independencia no que chamamos a revolución nacional e popular, un proceso baseado na participación e mobilización das maiorías sociais que conduza a un novo marco político que dote o pobo de ferramentas plenamente democráticas e ao seu servizo. Consideramos a revolución nacional e popular como parte integrante da loita polo socialismo, un imprescindíbel paso adiante nese horizonte que críe as condicións da superación do actual sistema capitalista.

O contexto nacional e internacional evidencia cada día con máis clareza a necesidade do combate pola soberanía, condición e ferramenta necesaria para a conquista de avanzos sociais e transformacións dignas de tal nome. Sen dispormos de capacidade de decisión en todos os ámbitos e particularmente sen mecanismos de intervención económica non é posíbel definirmos políticas favorábeis ao pobo. Os procesos que hoxe constrúen no mundo modelos sociais alternativos defínense polo seu fundo contido patriótico, conscientes da íntima ligazón entre a cuestión nacional e social. Tamén nós precisamos dispor dun Estado propio para o pormos ao servizo dos intereses da maioría do pobo galego. Sabemos que só desde a defensa consecuente da plena independencia é posíbel encetar procesos de transformación democrática baseados na participación popular, conscientes tamén de que non poderá existir independencia real sen nos emanciparmos da lóxica do capital.

En base a esta análise, a política de alianzas nesta fase política encamíñase a sumar forzas cara a ese obxectivo de plena soberanía e mudanza social. Por iso defendemos a vixencia e a necesidade de articular e reforzar a frente patriótica e de esquerda como alianza ampla dos sectores sociais interesados na liberación nacional e o combate aos monopolios, por un novo modelo económico e social ao servizo das maiorías. Corresponde ao proletariado porse á frente desa alianza de clases, tanto pola súa dimensión cuantitativa como polo seu potencial revolucionario: a clase traballadora non só é o obxeto fundamental da opresión senón que ten interese en construír o socialismo e o poder social suficiente para se desenvolver como forza revolucionaria, no marco dunha oposición entre explotadores e explotadas completamente irreconciliábel.

Á militancia comunista correspóndenos nesta fase facermos camiño en común con todos os sectores políticos e sociais que, sen teren que partillar os nosos obxectivos estratéxicos nen teren por que ser aliados en fases posteriores, hoxe xoguen un papel progresivo no avanzo cara a unha verdadeira ruptura democrática. Por isto, cómpre pormos en valor a necesidade do frentismo, sabendo delimitar os espazos de actuación entre Partido e Frente, sabendo compatibilizar a imprescindíbel unidade de acción coa tamén irrenunciábel independencia de clase, entendida como a necesidade dunha organización da clase obreira que traballe directamente no seo das masas coa perspectiva do seu propio proxecto estratéxico: o socialismo e o comunismo. O noso papel como partido debe ser o de conxugar a dinamización do movemento popular co impulso da batalla de ideas no seu seo, co obxectivo de gañarmos a confianza das masas como destacamento máis avanzado na loita revolucionaria.

Para o avanzo do proceso revolucionario é preciso dotar o pobo galego de organizacións propias en todos os ámbitos para acumular forzas en favor da ruptura, da independencia e da transformación social. Cómpre, pois, como tarefa fundamental, articular o movimento popular en chave nacional e revolucionaria. As transformacións ás que aspiramos só poderán vir da man dun pobo autoorganizado, mobilizado e con confianza nas propias forzas.

Entendemos o terreo da intervención social como eixo prioritario, arredor do cal debe nuclearse o noso proxecto revolucionario. A organización e a mobilización das masas e o traballo de construción nacional en todos os ámbitos son os xermes do poder popular galego chamado a protagonizar a fase revolucionaria. Apostamos pola activación popular dunha ampla maioría social en favor da ruptura democrática, a independencia nacional e un novo modelo social, como única vía posíbel para avanzar cara a eses obxectivos con garantías de éxito. Nese proceso de tomada de consciencia, de suma e multiplicación de vontades, está a chave para articular un bloque histórico que poida tornarse en hexemónico e maioritario para precipitar a ruptura.

Neste camiño, entendemos o ámbito institucional no actual cadro político como complementar e subordinado á mobilización social, mais necesario tamén pola súa capacidade para evidenciar as limitacións e contradicións do actual sistema, para garantir certas conquistas sociais e mesmo para avanzar, consolidar e acompañar os avanzos logrados coa organización e coa loita popular.

A superación do patriarcado

aborto

As conquistas do feminismo no marco do sistema non poden levarnos a perder de vista o obxectivo estratéxico: a despatriarcalización da sociedade no marco da superación do capitalismo. Sen este obxectivo, os avanzos fican en simples parches e en pequenas conquistas que desaparecen cando o sistema necesita recolocar o papel das mulleres na sociedade.

Todo proxecto de emancipación que quixer oferecer alternativas económicas e sociais fóra da depredación capitalista, debe proporse como reto a despatriarcalización da sociedade para a plena soberanía das mulleres.

A única saída pasa por recoñecer a existencia do patriarcado como estrutura de dominación e partir da idea de que só coa superación do capitalismo crearemos as condicións materiais idóneas para construír un sistema en que todos os seres humanos sexan respeitados, e que faga viável a emancipación. Un sistema no que valoricemos tanto o traballo produtivo como o reprodutivo no compromiso da defensa dunha vida libre de violencias para todas as persoas. Ese sistema é o socialismo, e por isto traballamos e nos organizamos con ese horizonte estratéxico, afirmando sen dúbidas que a revolución será feminista ou non será tal.

A República Galega

ppios5

O horizonte nesta fase é pois forzar a ruptura democrática e un proceso constituínte que abra paso á República Galega soberana, democrática e popular. Coa proclamación da independencia o pobo galego afirmarase como único depositario da súa soberanía, dando paso á redacción dunha nova Constitución que defina a nova arquitectura social, económica, xurídica e institucional. Nesta fase de consolidación do novo poder o Estado encamiñaríase a ser unha ferramenta de dominio das clases populares mediante un modelo social favorábel á grande maioría, que elimine o grande capital monopolista, sitúe a dirección da riqueza social nas mans dos seus creadores, e asente nestas liñas básicas:

  • Nacionalización dos sectores estratéxicos da economía (recursos mineiros, forestais, mariñeiros e hidráulicos, xeración e distribución de enerxía, banca e seguros, transporte e telecomunicacións). Trátase dun paso  básico no camiño da economía socialista, ao permitir introducir a planificación e a democracia nestes sectores e preparar a súa socialización, garantir o control popular sobre os nosos propios recursos, minimizar a relevancia das empresas privadas na economía e a dependencia foránea, mellorar a calidade dos servizos e garantir a sua accesibilidade, fomentar o desenvolvemento, aumentar e mellorar o emprego e reinvestir os beneficios en outras actuacións sociais, avanzando cara á xustiza social.
  • Garantía efectiva e universal de educación, saúde, vivenda, seguranza social e alimentación dignas ao conxunto da poboación por parte do Estado. Instaurarase un servizo nacional de saúde universal, gratuíto e de cualidade, co recoñecemento pleno dos direitos das e dos doentes e da estabilidade e xusta retribución das e dos profesionais; destinaranse medios á promoción da saúde e á prevención das doenzas; asumirase a responsabilidade coa vivenda por medio de programas públicos, que aseguren tanto o acceso universal á vivenda como o seu mantemento e rehabilitación, coa prohibición da especulación do solo e das infraestruturas, e a partir dunha nova ordenación territorial e da utilización das vivendas orixinarias da banca nacionalizada; construirase un sistema educativo exclusivamente público, obrigatorio, gratuíto, laico, xerido democraticamente e asentado na realidade histórica, económica, cultural e social do país; crearase un sistema universal e solidario de seguranza social, á medida das necesidades de toda a poboación; garantirase o acceso das persoas a unha alimentación suficiente, saudábel e diversificada.
  • Políticas públicas encamiñadas ao desenvolvemento económico autocentrado, á xeración de emprego, ao reparto do traballo e á redución da xornada laboral e á valorización dos coidados, á  retribución xusta e á redistribución da riqueza. Establecerase un réxime forte e eficiente de recadación e fiscalización. Potenciaranse especialmente os sectores de certo desenvolvemento, grande peso na economía e elevadas potencialidades que foron limitados ou espoliados polo Estado e a Unión Europea no período da dependencia (construción naval, pesqueiro ou enerxético, entre outros), así como os sectores máis novos e pouco desenvolvidos (como a electrónica, a informática ou as telecomunicacións).
  • Instauración das plenas liberdades democráticas (expresión, reunión, manifestación), garantindo a liberdade de prensa de xeito efectivo e á marxe do actual control empresarial.
  • Desenvolvemento e modernización racional do traballo agrícola e gandeiro, como actividades xeradoras de emprego de calidade e sostíbel no tempo e no espazo,  proveedoras de alimentos saudábeis e diversos para toda a poboación, e implicadas no mantemento dos ecosistemas, a partir da socialización da terra, o respeito polas nosas especificidades nacionais, a planificación organizada por sectores, o apoio á transformación de produtos, a expulsión das empresas agroindustriais transnacionais, a prohibición dos movementos especulativos e a promoción das cooperativas agrícolas e o traballo colectivo.
  • Combate activo ao patriarcado e a toda forma de discriminación. Compromiso do Estado coa liberación da muller como parte indisociábel da loita pola liberación de toda a humanidade, coa superación das desigualdades estruturais e co combate contra as novas e vellas formas de opresión: no dereito ao traballlo e á formación en igualdade, na igualdade efectiva de dereitos e deberes en todos os ámbitos (tamén o privado e das relacións familiares), na política educativa e cultural, na formación da conciencia social, na visibilización social, na violencia de xénero, no dereito a decidir sobre o propio corpo, a defensa da autonomía e capacidade moral da muller, a eliminación das representacións sexistas, a aposta por unha linguaxe inclusiva e visibilizadora, a superación do binarismo de xénero, etc.
  • Garantía dos dereitos sociais, económicos e culturais da mocidade galega, e compromiso coa súa plena integración e participación na sociedade.
  • Democracia participativa e protagónica, coa concentración do poder político e económico en mans do pobo.
  • Plena normalización da lingua e cultura galegas, apostando polo monolingüismo social,  a garantía dos dereitos lingüísticos e unha política integral e coherente destinada a recuperación de falantes e de usos en todas as actividades (nomeadamente no ensino, a administración, a sanidade, a xustiza, os medios de comunicación, a economía e a cultura), en todos os territorios, nomeadamente o urbano, e en todas as xeracións, nomeadamente a máis nova.
  • Xeneralización dos dereitos culturais e acceso á cultura de toda a poboación en condicións equitativas, desde a democracia cultural e o apoio á expresión e desenvolvemento cultural de toda a sociedade.
  • Xestión democrática, planificada e racional dos recursos dos ecosistemas, desde o respeito do dereito a un ambiente equilibrado ecoloxicamente e á conservación do patrimonio natural.
  • Depuración e eliminación dos aparatos represivos característicos do Estado capitalista e implantación de corpos populares de defensa da República e das conquistas progresivamente alcanzadas, ao servizo exclusivo da soberanía e da independencia nacional.
  • Reformulación do modelo de transporte para garantir a súa accesibilidade e a súa funcionalidade aos intereses xerais, coa criazón dun sistema universal de transporte público, nomeadamente co ampliación do sector ferroviario, e coa dirección unitaria e conxunta do sistema portuario e aeroportuario.
  • Ruptura coas estruturas imperialistas (UE, OTAN, FMI), cos seus Tratados e acordos internacionais. Política internacional encamiñada á paz, á liberdade das nacións e ao relacionamento dos pobos en pé de igualdade. Aposta por novos espazos de relacionamento internacional (rexional, europeo ou mundial) baseado na soberanía dos pobos, a defensa da xustiza social e a oposición á hexemonía imperial.
A construción do socialismo

ppios6

A República Galega que aspiramos a construír no marco do noso proceso revolucionario dótase do socialismo como horizonte estratéxico, polo que entendemos a revolución nacional e popular como parte da loita pola superación do capitalismo. A nosa criazón como partido corresponde ao desenvolvemento da conciencia política do pobo galego, e á consciencia de nos atoparmos, en térmos históricos, no momento de paso do capitalismo e o imperialismo ao socialismo.

Afirmamos que o socialismo é unha necesidade para Galiza e para todo o mundo. A explotación do traballo asalariado é a expresión fundamental do capitalismo, por medio da que obtén a burguesía a plusvalía. Na nosa sociedade contemporánea, marcada polo novo patrón de acumulación neoliberal, acrecéntase a tendencia do desprazamento do traballo polas políticas destinadas a aumentar a taxa de gaño.

A defensa do socialismo como única alternativa de futuro viábel parte da certeza de que un mundo diferente só é posíbel se as forzas populares do mundo tomarmos e exercermos o poder de Estado para o utilizar ao servizo dos pobos. Calquera posibilidade de transformar ou humanizar o capitalismo sen a perspectiva da súa superación condénanos a estar submetidos ás dinámicas da loita de clases para mantermos, recuperarmos ou gañarmos os nosos dereitos. Por iso, afirmamos que a nosa meta non é apenas mudarmos a vida, senón salvala, non  é  enfraquecermos  o capitalismo, senón atinxirmos a súa desaparición, abolindo a explotación de clase, a opresión de xénero e toda forma de discriminación.

Un novo marco democrático, realmente soberano e sen dependencias, abre a porta á conquista efectiva do poder pola clase traballadora, á eliminación do poder da burguesía e á eliminación dos antagonismos entre clases sociais cara á desaparición das mesmas, co horizonte de rematar con toda forma de explotación e dominación. A revolución socialista aspira á plena socialización dos medios de produción e a unha economía democrática e planificada dirixida á satisfacción das necesidades sociais, coa perspectiva da abolición progresiva do traballo asalariado e a desaparición do estado no marco da sociedade comunista.

Recollemos todas as experiencias anteriores de construción socialista, e delas aprendemos as leccións positivas e negativas que nos permitirán construír unha nova sociedade que teña como eixo central a participación das masas por medio do poder popular.

O socialismo que defendemos só pode ser feminista se quixer afirmarse como tal, e por tanto erradicar todas as expresións do patriarcado.

A planificación democrática da economía no marco socialista é tamén o único sistema que permite compatibilizar o desenvolvemento humano coa conservación da natureza, encarando a dimensión ecolóxica da nova sociedade.

Afirmamos tamén a esencia revolucionaria e antiimperialista das relacións internacionais, desde o respeito mutuo con todos os pobos que loitan pola liberación nacional ou constrúen a edificación socialista.