A Candidatura d’Unitat Nacional (CUP) é unha organización política que, partindo do ámbito municipal, onde ten o seu campo de actuación primeiro e prioritario, loita pola creación duns Països Cataláns independentes e socialistas, que sexan sustentábeis territorial e ecoloxicamente.  Hoxe, diante do proceso soberanista do que fan parte, a CUP leva a diante unha campaña polo “triplo si”: ao referendo, á independencia e aos Països Cataláns, destacando a necesidade de realizar o referendo con ou sen permiso do Estado nun proceso de ruptura con España liderado fundamentalmente polo conxunto do pobo catalán.

Quim Arrufat, nascido na Seu d’Urgell en 1982, é un dos tres deputados con que conta a CUP no Parlament. Vencellado ao CIEMEN (Centre Internacional Escarré per a les Minories Ètniques i Nacionals), asociación centrada na defensa e recoñecemento da cuestión nacional, non só a catalá mais tamén internacionalmente. En concordancia coa orixe e ampla importancia dada ao nivel municipal pola CUP, foi concelleiro da organización en Vilanova i la Geltrú entre 2009 e 2012.

O Principat está a marcar a axenda política do Estado español coa consulta de autodeterminación prevista para o 9 de novembro. Cales pensades que son as causas da expansión do movemento soberanista catalán nestes últimos anos?

Son moitas as causas, e diversas. Está a xeracional, por exemplo. A xeración que fixo a transición e renunciou á autodeterminación pola tensión do momento cre superado o momento de ter que calar sobre o dereito a escoller o futuro nacional de Cataluña libremente. E os que non coñecemos a transición non entendemos a enorme pexa democrática que é vivir baixo a dinámica nacional e nacionalista española. Está tamén o rearmamento do nacionalismo español e a aplicación do seu programa político, que xira á volta da recentralización do Estado. Mais tamén está a activación popular da sociedade catalá, que nunca deixou de traballar por reforzar a idea dun futuro nacionalmente libre.

Porén, o goberno español e as estruturas do Estado farán todo o posíbel para frear a consulta. Até onde credes que pode chegar para a impedir? E cal debería ser a resposta popular diante das imposicións?

Non creo que necesiten moita cousa para frear a consulta. Situala fora da lei podería ser suficiente para que una das catro forzas políticas que a defenden parlamentarmente decidise ficar polo camiño. O Estado tentará substituíla por promesas futuras e por unhas eleccións antecipadas que invaliden o argumento central de que é España quen non nos deixa votar. En calquera caso, a cuestión central continuará a ser que a consulta non a van facer eles, senón nós. E aquí a chave é non deixarmos que o Goberno catalán demita do seu compromiso perante unha prohibición da consulta. E iso depende da presión popular. O Goberno catalán deberá decidir, nalgún momento do mes de setembro, se desta volta tamén asume a imposición do Estado ou se dunha vez se coloca do lado do seu pobo e do seu Parlamento.

“Ho volem tot”. Esta consigna representa non só a esixencia dun Estado catalán, como tamén a plena liberación social e de toda opresión. Que papel vai xogar a liberación nacional relativamente á liberación social e ao resto de loitas?

En Cataluña ten habido sempre unha presión bipolar para que o proxecto nacional e o social nunca se encontrasen. Bipolar porque era entón e continúa a ser hoxe un reparto de poder entre as elites catalás e as españolas. Entre PSOE e CiU. “Ho volem tot” (“querémolo todo”), avisa de que non pasamos por renunciar a loita ningunha. Para nós, a independencia formal é o escenario imprescindíbel e as ferramentas necesarias para construírmos a soberanía popular.  Desmontarmos o taboleiro de dominación perfecto que é o Estado español, situarmos a burguesía catalá en minoría, após ter perdido o seu papel de mediadora co Estado, e forzar un proceso constituínte que transforme a independencia nunha panca para mudanzas a camiño da soberanía. É por iso que dicimos: “independencia para que todo mude”.

Paralelamente á demanda do referendum está por definir como será o futuro Estado catalán. Sobre que eixos debería vir a configurarse, na vosa opinión?

Sendo absolutamente realistas e pragmáticos, o mínimo que debería cumprir a futura República Catalá é o de se fundar, en todos os sentidos e en todas as esferas públicas e privadas,sobre a mesma idea que terá creado: o dereito a decidir. A decidir sobre o que a xente queira. Sobre a banca, sobre a economía, sobre o territorio. Debemos atinxir un punto desde o que poidamos converter a nova República nun exercicio permanente de radicalidade democrática. Aínda mais: se non for construída así, será moi difícil que esa República soporte as tensións ás que será sometida. Debe contar coas persoas, sen limites.

O escenario internacional tamén xogará un papel na demanda soberanista. Como valorades o papel da Unión Europea a respecto dos dereitos nacionais no seu seo? Considerádela unha estrutura reformábel ou, en troca, apostades pola súa superación?

A Unión Europea é un tratado entre Estados que acordan, máis pola forza ou menos, unificar ferramentas de expansión e troca económica e financeira para se reforzaren como conxunto no plano mundial. E pouco mais. Falarmos de dereitos da UE ou na UE, para alén do terreo comercial, é pura literatura e anécdota. Cómpre separarmos a realidade do desexo. Todo o mundo desexaría un espazo europeo de dereitos democráticos, individuais e colectivos, mais o certo é que a Unión Europea non é iso. Con todo, as súas sociedades si que son, con probabilidade, as máis formadas en cultura democrática, e é a elas que apelamos para impediren unha complicidade gratuíta da Unión Europea coa prohibición da nosa consulta.

 

 

Os recentes movementos políticos no Estado fan acordar en certos sectores a esperanza dunha reconfiguración máis respectuosa cos dereitos nacionais. Como credes que pode influír este escenario? Terá que esperar o Principat por estes movementos ou é hora dun camiño propio? Vedes algún percorrido posíbel para alternativas federalistas como as que a esquerda de ámbito estatal di defender?

Disque, historicamente, Cataluña ten liderado as refundacións e renovacións políticas no Estado español. En fin! É posíbel que o xaque de Cataluña teña contribuído para acelerar as reflexións que parece que estean a xurdir sobre a necesidade de refundar España? Pois é posíbel que para algo diso teña servido. E pode ser que iso signifique outra vez un atrasamento do dereito a decidir o noso futuro político de forma libre e democrática. A esquerda independentista, porén, desexa todo o mellor aos demais pobos do Estado español, e ha colaborar con eles de maneira activa para tecer as alianzas baseadas na solidariedade e para puxar por escenarios de mudanza e activación popular, mais ao mesmo tempo defenderá a necesidade e o dereito a decidir das catalás e dos cataláns por riba de calquera outra conxuntura. Facer outra cousa sería respectármonos moi pouco como pobo.

Caso constituírdes finalmente un novo Estado independente no territorio do Principat, como credes que afectará isto ao resto dos Países Cataláns?

Pois iso vai depender do tipo de República que sexamos capaces de construír. Se for unha República que se transforme nun proxecto político da xente, por cima dos mercados e da propia oligarquía, esa idea cruzará fronteiras e irmandará. E isto é fundamental para a construción dos Países Cataláns. Se non o conseguirmos e a República termina entrando nunha dinámica de concorrencia entre elites, como o ten sido até agora no ámbito autonómico, polo menos en parte, daquela en Valencia ou en Mallorca non dubidarán en acusar quen fale catalán de traidor ou traidora.

Para finalizar, como é visto o panorama político en Galiza desde Cataluña? Credes que a posíbel ruptura do Estado pode abrir posibilidades para a aceleración doutros procesos similares nos demais pobos oprimidos do Estado?

Non me atrevo a valorar a situación política en Galiza. Sempre pensei que podía deparar sorpresas. Se o Estado español quebra, vanse precipitar mudanzas en todos os seus espazos e dimensións. Espero que sexa para ben. Acho que vai ser para ben. Non temos deixado espazo ningún á extrema dereita e temos desgastado colectivamente o marco ideolóxico sobre o que a oligarquía asenta a súa dominación. Se as mudanzas se precipitan, as condicións parecen bastante favorábeis para que se trate de mudanzas para mellor para as clases populares: as catalás, as galegas, e as do resto do Estado.