Reflexións e aprendizaxes sobre a Revolución Catalá

 

 

 

 

 

 

 

 

Ignorando o traballo de longo alento do movemento independentista, que foi quen de tecer socialmente redes cada vez máis sólidas sobre as que logo se sustentaria o salto adiante dos últimos anos, non é posíbel comprender como se chegou á situacion actual

 

 

 

Ante o bloqueo do Estado Español, unha honesta vontade de diálogo como a que sempre manifestou o pobo catalán só ten duas saídas: a renuncia por un tempo indefinido ou o avance unilateral.

 

 

 

O 1 de outubro serve como paradigma dun exercicio masivo da desobediencia e da asunción dos custos asociados a ela, neste caso con miles e miles de persoas arriscándo a súa integridade física en favor dun dereito democrático.

 

 

 

O avance do proceso foi creando unha vinculación cada vez maior entre as expectativas de liberación nacional e as demandas no campo social e democrático, concretizábeis só no marco do proxecto republicano en marcha.

 

 

 

Nos momentos de maior confrontación se notase a ausencia dun proletariado (auto)organizado en chave nacional e disposto a xogar o seu papel histórico, consciente da importancia da loita soberanista e con unha dirección combativa e de clase

 

 

 

Todas as reivindicacións que a esquerda española di asumir en maior ou menor medida foron postas sobre a mesa no debate político catalán, non como reflexión teórica mais como obxectivos políticos concretizábeis e que contaban co apoio da maioría da poboación. Porén, a súa resposta foi ignoralas.

 

 

 

A normalización da represión e do estado de excepción imposto na práctica denota cada vez máis o abandono de mecanismos democráticos formais que até agora, cando menos a certos niveis, se tentaran respectar.

 

 

 

A totalidade dos Estados da UE e sobretodo a institución mesma mostrou unha vez maís a súa cara lexitimando e apoiando a vía represiva contra o pobo catalán co argumento do “asunto interno”.

 

 

 

Mortas as perspectivas do autonomismo, só queda apostar consecuentemente pola vía de construción dun estado propio, para a cal é precisa unha estratexia de longo alento que recolla as aprendizaxes necesarias da experiencia catalá.

A revolución democrática pola liberdade de Cataluña chegou a un punto de inflexión no que, sendo evidente o moito que se avanzou no proceso, tamén o é que non conseguiu ainda concretizar os seus obxectivos, polo que está nunha fase de debate sobre as tácticas e estratexias a seguir de aquí en diante. Independentemente deses debates e dos acontecementos mais recentes e inmediatos, vemos vemos necesario analizar o percorrido desta experiencia ainda en marcha, e tirar algunhas conclusións que nos sirvan para avanzar no noso propio camiño como pobo tamén negado polo Estado Español.

Son moitas as leccións que o proceso soberanista catalán, a maior ameaza que enfrentou até hoxe o réxime postfranquista español pode ensinarnos de cara a abrirmos un camiño propio de ruptura. Tentaremos analizar algunas delas.

 

A implicación, a organización e a activación popular son a garantía do avance do proceso

É evidente o papel que poden xogar as palancas institucionais das que se dispoña en cada momento, mais pensamos que o factor polo xeral mais silenciado e subestimado foi neste caso o central: a organización social e a mobilización popular foron os elementos determinantes no proceso de ruptura democrática que está en marcha en Cataluña. As dinámicas na rúa foron as que condicionaron e lexitimaron as mudanzas institucionais, as que impediron certos retrocesos en momentos chave e as que protagonizaron os momentos de maior cuestionamento do statu quo.

É algo recoñecido mesmo polos propios sectores anteriormente autonomistas que foi a masiva mobilización popular a que os empurrou a daren os pasos necesarios até asumiren, baixo risco de se veren desbordados, discursos e prácticas explicitamente soberanistas. Foi o impulso popular o que permitiu que, tanto nas institucións como fora delas, se desen os maiores avances no proceso pola emancipación nacional do pobo catalán. Sen dúbida foi o 1 de outubro o mellor paradigma disto, con centos de miles de persoas autoorganizadas para defenderen cos seus corpos o dereito a decidir, exercendo unha desobediencia masiva que foi quen de desbordar a brutal acción policial e que máis de dous millóns de persoas puidesen, a pesar de todas as trabas, votar se querían que o seu país se constitúa nunha República. Esa xornada, xunto a folga xeral do 3 de outubro (e posteriormente a do 8 de novembro) foron os momentos en que o estado sofreu o maior custe e en que se deron os maiores saltos na conciencia política de amplos sectores populares.

Ignorando o traballo de longo alento do movemento independentista, que foi quen de tecer socialmente redes cada vez máis sólidas sobre as que logo se sustentaria o salto adiante dos últimos anos, non é posíbel comprender como se chegou á situacion actual, o que con frecuencia dá lugar a interpretacións reducionistas. Certo relato que se construiu sobre todo fora de Cataluña liga exclusivamente a orixe do proceso a un conflito institucional derivado da sentenza contra o Estatut e a consecuente sensación de agravio, sumada ao rexeitamento do chamado pacto fiscal ou iniciativas federalizantes similares. Sen negar a importancia puntual deste elementos e a torpeza histórica que demostrou sempre o estado español para xestionar os conflitos nacionais no seu seo, pensamos que non se pode comprender o vivido nestes anos ignorando o proceso político de activación popular de longo percurso mais que, no seu ciclo actual, deu un importante salto adiante desde 2009 coa activación das consultas populares pola independencia. A partir daí foron numerosas as iniciativas e os momentos (con especial destaque para as enormes mobilizacións das Diadas) que, desde a rúa, foron quen non só de fazer avanzar decididamente o proceso, senón tamén de pór en cuestión a hexemonía do réxime do 78 cuxos relatos até o momento fixeran parte do consenso maioritario, tamén na Cataluña.

Sen ese fermento popular, cultivado de forma lenta mais decidida, nada do que pasou sería posíbel. De pouco ou nada tería servido o control de determinadas estruturas institucionais sen un pobo que lexitimase o enfrentamento democrático e o cuestionamento da lexitimidade do réxime español.

Independentemente de cal sexa o desenvolvemento inmediato dos acontecementos, hoxe o pobo catalán está mais organizado, mais concienciado e mais preparado para a loita polos seus dereitos nacionais e democráticos. A maioría dos relatos forxados a partir da “modélica transición” esfarélanse en Cataluña, e será case imposíbel que, cando menos alí, o réxime recupere lexitimidade unha vez que demostrou que só é quen de manterse pola vía da forza. Esa mudanza cualitativa no sentir popular será determinante para as loitas que virán.

 

Unilateralidade: en frente non hai ninguén con quen pactar

En ocasións tentouse pór o foco nun debate fictício entre a vía unilateral (identificada como inviábel, arriscada ou mesmo pouco democrática) frente a unha suposta vía dialogada ou bilateral que tería, ou ben máis lexitimidade ou maiores posibilidades de éxito.

Porén, os feitos até agora confirman que non existe tal escolla mais que na teoría, e que a práctica concreta ven determinada por un Estado sen nengunha vontade máis que a de impor o seu proxecto pola forza da coacción, que cada vez desprega de forma mais explícita. Ante ese bloqueo, unha honesta vontade de diálogo como a que sempre manifestou o pobo catalán só ten duas saídas: a renuncia por un tempo indefinido ou o avance unilateral. A primeira das opcións, á parte de que supón lexitimar a razón da forza (a única esgrimida polo estado), implica confundir a natureza do réxime ao que nos efrentamos: supostamente, favorecendo a alternancia e a chegada ao goberno de partidos mais “sensíbeis” ás demandas nacionais, nun futuro hipotetico sería posíbel ese escenario pactado. Porén, estas análises obvian non só as numerosas blindaxes institucionais que o Estado teria para impedir isto (o sistema eleitoral, o Senado, ou até a propria monarquía), senón sobre todo a propia natureza do réxime: o conflicto non é só con un goberno, senón con un Estado, un rexime herdeiro do franquismo explicitamente deseñado precisamente para impedir mudanzas como as que deberían ser parte dese imaxinado diálogou ou “vía pactada”.

A resposta ante esta situación, por tanto, é clara. Paradoxalmente, calquera escenario bilateral futuro só poderá darse como consecuencia de avanzar unilateralmente e que ese camiño debilite tanto o adversario que non lle quede outra que sentarse a negociar para evitar custes ainda maiores. Iso é o que nos ensina a historia até hoxe, e o que debemos ter en conta para responder a quen xustifica con falso “realismo” camiños que son manifestamente imposíbeis.

 

Desobediencia: Non hai vías “legais” para a independencia no marco do estado español

Outro dos relatos tumbados pola evolución do proceso soberanista catalán foi a ficción da “continuidade legal” que, supostamente, permitiría encetar a construción dunha república independente sen rupturas coa legalidade vixente.

Fica claro que o novo articulamento xurídico debe xurdir da lexitimidade popular, e nese proceso é evidente que fará falta algún tipo de ruptura(s) coa lexislación anterior, algo que só pode concretarse na acumulación de poder popular para o exercicio da desobediencia que debe ser colectiva, coordinada e masiva. Son este tipo de procesos os que implican ademais un salto na conciencia colectiva como o que se deu en amplas capas do pobo catalán que asumiu como propias estratexias de insumisión activa ante o poder establecido.

Isto implica loxicamente a necesidade de asumir os custos que esta estratexia terá, tanto a nivel colectivo para o conxunto do movemento político como individual para as persoas máis referenciais do proceso. Ambos deben ser explicitados, explicados e asumidos de partida para que non sexan os que condicionen o avance do proceso.

De novo o 1 de outubro serve como paradigma dun exercicio masivo da desobediencia e da asunción dos custos asociados a ela, neste caso con miles e miles de persoas arriscándo a súa integridade física en favor dun dereito democrático. O mesmo se pode dicir de moitas das accións posteriores (corte de estradas, mobilizacións contra a visita do rei…) que tiveron tamén carácter masivo e continuidade a pesar da represión.

 

A centralidade da cuestión nacional e a súa ligazón coa loita social

Entendemos que a cuestión nacional e social son inseparábeis e parte da mesma loita pola emancipación. Isto constátase tanto no feito de que non é posíbel avanzar socialmente sen ferramentas soberanas de decisión como no de que a loita de liberación nacional é hoxe por hoxe a vía que permite a ruptura constituínte que dea lugar á construción de estruturas sociais mais xustas e democráticas. De igual forma, o exercicio da soberanía nacional non será tal se as decisións políticas, sociais e económicas están capitalizadas por unha minoría oligárquica que evite, na práctica a capacadidade de decisión popular.

Asumimos portanto esta identificación que define desde sempre o noso proxecto político, e que o proceso catalán evidenciou con claridade tamén na acción dos seus inimigos. Non é casual que nos últimos anos as imposicións e vetos por parte do estado español estean dirixidos contra leis e medidas de marcado carácter social e democrático aprobadas no parlamento catalán. Aliás, o aliñamento da oligarquía española (e catalá) co statu quo do réxime foi total, ficando só no campo do soberanismo sectores da pequena e mediana burguesía autóctona. Ao mesmo tempo, no campo independentista o avance do proceso foi creando unha vinculación cada vez maior entre as expectativas de liberación nacional e as demandas no campo social e democrático, concretizábeis só no marco do proxecto republicano en marcha.

O avance na loita nacional supuxo así un deslizamento para a esquerda dos diversos actores soberanistas e sobre todo do conxunto da sua base social. A dinámica electoral é proba disto, mais sobre todo constátase nas reivindicacions populares e as mensaxes na rúa, onde moitos discursos, consignas e prácticas antes limitadas en exclusiva ao espazo da esquerda revolucionaria agora son asumidos por amplos sectores sociais.

O proceso catalán evidencia que no marco autonómico non é posíbel desenvolver xa nengún tipo de política minimamente social ou progresista, mais tamén que neste momento histórico e no marco común em que actuamos (o estado español postfranquista), o eixo nacional é o principal vector revolucionario, e de feito o único que en mais de 40 anos permitiu abrir caminho e possibilidades para as tarefas de transformación democrática dos pobos.

O da soberanía é esencialmente un debate sobre o poder, o eixo central de toda intervención política. Trátase da capacidade dun pobo de autogobernarse e dispor de ferramentas para iso polo que, mais ainda nunha nación sen estado, é a cuestión central que permite abrir vías de superación do modelo e do sistema.

 

A necesidade dunha clase obreira organizada en chave nacional

A configuración do movemento obreiro catalán nas últimas décadas deu lugar a unha situación en que grande parte das clases traballadoras organizadas como tales o fagan en ferramentas de obediencia española, e maiormente de carácter pactista e claudicante. Iso, que contrasta coa realidade galega a sobretodo coa vasca, fixo que nos momentos de maior confrontación se notase a ausencia dun proletariado (auto)organizado en chave nacional e disposto a xogar o seu papel histórico, consciente da importancia da loita soberanista e con unha dirección combativa e de clase, xusto nos momentos en que este era mais necesario.

Se ben o movemento de masas pola soberanía catalá é eminentemente popular, a ausencia ou debilidade das organizacións que agrupen a quen fai que o país produza (e por tanto quen ten capacidade de paralizar esa produción) supón unha eiva evidente que xa ten sido analizada en diversos momentos pola esquerda independentista catalá e que nos axuda a pór en valor o papel que está chamado a xogar o sindicalismo nacional e de clase no noso propio proceso de emancipación como pobo.

 

40 anos despois da da transición, a esquerda española volve aparecer como lexitimadora do réxime

A esquerda española, polo menos nas súas expresións hexemónicas e con presenza mediática, reafirmou neste proceso o seu infausto papel como garante do statu quo do réxime. Ante a vía aberta de deslexitimación do estado e cuestionamento de moitos dos pilares do postfranquismo, preferiron no mellor dos casos poñerse de perfil tentando presentar o maior movemento social das últimas décadas en Europa como unha conflito de elites que non lles interesaba, e no peor, cando se vían obrigados a opinar, practicar unha equidistancia que obxectivamente lexitimou a represión e mesmo colaborou con ela. Chama a atencion que a autodenominada “esquerda” dun estado que encarcela, envía ao exilio e reprime de forma cada vez mais agresiva o pobo catalán non sexa quen de ter unha posición minimamente digna como a que manteñen a maioría dos seus referentes europeus en chave de solidariedade internacionalista.

Todas as reivindicacións que a esquerda española di asumir en maior ou menor medida (ruptura democrática, proceso constituínte, república ou outras mais elementais como rexeneración, democratización, desfascistización, etc.) foron postas sobre a mesa no debate político catalán, non como reflexión teórica mais como obxectivos políticos concretizábeis e que contaban co apoio da maioría da poboación. Porén, a súa resposta foi, nun marco favorábel e cunha correlación social a favor desas demandas, ignoralas fiando a súa consecución só ao marco estatal, precisamente onde as posibilidades de hexemonía dos valores rupturistas e republicanos son moito menores, mais no que eles se sinten cómodos.

Nin sequer a súa puntual solidariedade antirrepresiva estivo ausente das sua mesquiña mentalidade partidista, pois calquer mostra de apoio ía sistematicamente acompañada de críticas ás persoas presas, exiliadas ou agredidas pola policía, a quen fixeron, en boa parte, responsábeis da súa propia situación por teren apostado por vías unilaterais, subestimar o estado e outras argumentacións similares.

Emerxe o raizame fascista do réxime español

Unha das acusacións da esquerda española ao independentismo catalán foi a de teren “espertado ao fascismo”. Alén da ruindade desa análise, cómpre preguntarse se podía considerarse dormido un fascismo co que non existiu nengunha ruptura e que habita desde hai décadas en todas as estruturas de poder do estado. Porén, é certo que ante a ameaza catalá recorreuse ao despregamento da extrema dereita mais explícita nas súas diferentes formas, desde o incremento da violencia fascista nas rúas, con numerosas agresións sistematicamente silenciadas polos medios españois, até outras formas mais novidosas e peculiares como o fenómeno de “Tabarnia” nunha tentantiva de adptación ridícula do fenómeno norirlandés. O seu blanqueamento ou lexitimación por parte dos poderes españois foi tambén ben ilustrativa, e denota mesmo certa desesperación do españolismo nesta nova fase.

En canto á reacción represiva do estado como tal, non se limitou só a garantir a súa orde pola vía represiva, senón que tentou humillar o pobo catalán e os seus líderes e infundir o medo no conxunto da poboación a un nivel mesmo maior do previsto pola maioría dos actores. A normalización desa represión e do estado de excepción imposto na práctica denota cada vez máis o abandono de mecanismos democráticos formais que até agora, cando menos a certos niveis, se tentaran respectar. A (re)fascistizacióndo rexime español avanza e a batalla partidista entre Ciudadanos e PP parece contribuir a iso. Mesmo certas decisións son dificilmente comprensíbeis mais alá dunha vontade case irracional de revancha vinculada á súa obsesión chovinista, o que ten levado a algúns dos últimos fracasos do estado no plano internacional, tanto a nivel xudicial como ante a opinión pública.

O relato tradicional que o rexime español usou durante anos para lexitimar a súa represión contra o pobo vasco era o de que “sen violencia todo era posíbel”. Tanto no caso vasco (onde moitas das medidas de excepción, como a política penitenciaria, seguen intactas) como agora de forma evidente no caso catalán constátase a falsidade desa afirmación: non só existen proxectos políticos irrealizábeis no marco español independentemente dos métodos que se usen, senón que a resposta a unha proposta política absolutamente pacífica vai ser exactamente a mesma: a criminalización (mesmo con indefendíbeis acusacións de “terrorismo”) da disidencia, a violencia policial, os xuizos políticos con prisión, exilio e inhabilitacións. A deriva fascista do Estado Español, que non é máis que un retorno ao seu cerne, existe desde hai bastante tempo, mais agora demostra que nom precisa sequer da escusa da violencia para xustificala, o que claramente supón un salto cualitativo.

A UE mostra de novo a súa verdadeira cara

É evidente que pola súa propia xénese, poucos estados europeus contan con un sistema político, xudicial e mediático tan directamente vinculados historicamente ao rexime fascista e á corrupción oligárquica como o español. Isto fixo que en certos sectores medrase a esperanza de que a reacción de cando menos algúns deles ou da propia UE poidese ser outra que a de aliñarse plenamente con España na xestión da cuestión catalá. Se ben é certo que na opinión pública, mediática e mesmo nos aparellos xudiciais houbo decisións que non se correspondían coa vontade española, tamén o é que a totalidade dos Estados da UE e sobretodo a institución mesma mostrou unha vez maís a súa cara lexitimando e apoiando a vía represiva contra o pobo catalán co argumento do “asunto interno”.

Por moito que, pola súa propia configuración histórica, poida existir maior cultura democrática na opinion pública de outros estados europeus, pouco se pode esperar da maioría deles polo seu papel como institucións ao servizo do capital transnacional, do que a UE é un dos mais claros paradigmas. Este proceso tamén deu lugar a unha interesante decantación en importantes sectores da opinión pública catalá, que abandonaron certo “europeismo” mal entendido e foron quen de percibir o verdadeiro papel da UE e a necesidade de construir a relación entre os pobos de Europa sobre bases ben diferentes.

A UE, desde a súa orixe, foi construída ao servizo dos estados capitalistas europeus e non das súas nacións, e nese marco a integridade do réxime español é un valor a salvagardar, tamén para evitar o reimpulso de outros conflitos nacionais entre os moitos que agora están en marcha ou latentes no continente.

O autonomismo está esgotado

A postura histórica do nacionalismo popular galego forxado na chamada “transición” foi de oposición ao marco autonómico e da súa superación en favor de estructuras soberanas. Porén, tanto no resto de pobos do estado como tamén puntualmente no noso teñen existido discursos e prácticas que apostaban pola simple xestión do marco estatutario como método de chegar a maiores (ou mesmo plenas) cuotas de soberanía. É certo que ese debate podía ter certo percorrido, cando menos teórico, hai anos, mais de novo a realidade constata que pretendidas apostas gradualistas ensalzadas en virtude do seu suposto “realismo” ou “pragmatismo” non son máis que vías mortas. Hoxe por hoxe os feitos constatan con máis claridade que nunca que calquer tipo de debate de reforma constitucional sobre o marco autonómico só avanzará no camiño dunha maior recentralización. De feito, sen modificar formalmente o marco institucional, na prática xa se está avanzando nesa vía, tanto por vía da acción xudicial como coas leis de control de gasto ou outras con obxectivos similares que pretenden adelgazar cada vez máis a marxe de autogoberno dos territorios baixo xurisdicción española. As numerosas leis autonómicas suspendidas e a intervención económica desde o goberno central son bos exemplos recentes disto, sen falar xa da permanente ameaza, finalmente concretada, de liquidación efectiva e discrecional da autonomía vía 155.

As propias dinámicas de acumulación do capitalismo español e a sua inserción no sistema europeo e mundial con un modelo que o leva a unha débeda brutal, fan que o réxime non se poda soster sen incrementar cada vez máis o espolio, o que lle permite cada vez menos marxe de cesión de soberanía aos pobos. Así, aspiracións dunha “España plurinacional” non teñen xa plasmación posíbel. Por tanto, nin a nivel competencial ou económico é previsíbel nengunha reforma que non sexa para roubarnos as poucas marxes de decisión que ainda conservamos, e de igual modo o rearme españolista en todos os campos apunta de forma cada vez mais clara a unha ofensiva tamén nos planos lingüísitico e cultural.

Mortas as perspectivas do autonomismo, só queda apostar consecuentemente pola vía de construción dun estado propio, para a cal é precisa unha estratexia de longo alento que recolla as aprendizaxes necesarias da experiencia catalá. Un camiño con numerosas dificultades, que dificilmente ofrecerá resultados inmediatos e que supón asumir que cómpre sementar pacientemente no campo da organización e a concienciación social para recoller froitos de soberanía, que neste momento histórico non teñen máis marxe de concreción que a construción dunha República ao servizo das maiorías sociais.

Socializar ese debate e construir as ferramentas para avanzar nese horizonte é a urxente tarefa que temos por diante.