Resul Berti é un dos membros da inmensa comunidade curda que reside no Estado español, onde participa en numerosas actividades para explicar a situación do seu pobo — como a que recentemente ten celebrado en Galiza o comité galego de solidariedade internacionalista Mar de Lumes — e desde onde apoia o Partido da Democracia do pobo, HDP, en Turquía.

O pobo curdo leva a loitar pola súa independencia desde o fin do imperio otomano, contra os Estados xurdidos daquela e contra as potencias ocupantes. Que ten o Curdistán para concitar tanta cobiza?

O motivo é fácil de entender. A comezos do século XX atopouse petróleo en territorio curdo, e a partir desta descoberta podemos dicir que os países imperialistas no poder naquel momento — Inglaterra e Francia — cambiaron a independencia do Curdistán polo petróleo. Había tamén outros intereses económicos e estratéxicos, mais o motivo principal podemos dicir que foi este. Historicamente é un exemplo de xogo suxo. Por que? Porque antes da caída do imperio Otomano, Inglaterra e Francia apoiaban o pobo curdo contra o poder otomano co obxectivo de crear un Estado curdo independente entre os ríos Tigris e Éufrates, isto é, en Mesopotamia. É dicir, Francia e Inglaterra querían inicialmente un Estado independente nese territorio que limitase o poder otomano. Mais a partir dos anos 1917-1920, Inglaterra descubriu que a zona de Kirkuk é moi rica en petróleo, e mudou completamente de obxectivo. As potencias imperialistas negociaron cos novos Estados que xurdiron despois da desaparición do imperio otomano un acceso a ese petróleo a cambio de traizoar a alianza pola independencia curda.

 

Mais alá de Kobanê, moi presente nos medios de comunicación, cal é a situación xeral no Curdistán?

Como se sabe, o Curdistán está dividido en catro partes: a maior delas está integrada en Turquía, e os outros tres territorios están repartidos entre o Iraque, o Irán e a Siria. Desde a guerra do Golfo, no Curdistán iraquiano temos unha autonomía, isto é, temos defensa propia, temos parlamento, temos un sistema educativo de noso — isto é, os nosos fillos poden estudar na nosa lingua materna. No Curdistán de Irán aínda non temos un estatus político definido, e no Curdistán da Siria o que temos desde hai dous anos, a raíz da primavera árabe que comezou no norte da África e chegou até a nosa zona, é unha loita por unha solución de facto, co pobo a rebelarse contra o goberno de Bashar al Assad á procura dun Curdistán autónomo no que coñecemos como Rojava. Por último, na zona da Turquía hai trinta e cinco anos que o Partido dos Traballadores do Curdistán, o PKK, mantén unha guerra aberta contra o Estado turco que xa deixou 35.000 mortos, a maioría deles curdos. Hai dous anos, en marzo de 2013, o líder do PKK, Abdullah Öcalan e o Estado turco chegaron a un acordo para poder solucionar o problema curdo nese territorio pola vía política. Nese proceso definíronse tres condicións a cumprir por ambas as partes: a primeira, a declaración dunha tregua, dun cesar-fogo, e a entrega por parte do PKK dos máis de 30 reféns turcos, entre funcionarios e soldados. A segunda condición era que o Estado turco aprobase unha serie de leis e unha reforma constitucional que nos permitise aos curdos facer política, empregar a nosa lingua, etc., isto é, que garantise o que chamamos “os dereitos políticos dos curdos”. E, por último, a terceria condición era que o PKK se retirase do Curdistán da Turquía para o Curdistán do Iraque. O problema é que agora mesmo estamos nas vésperas dunhas eleccións e a Turquía non cumpriu a súa parte, polo que o proceso se atopa nunha situación moi delicada. Por outras palabras: o proceso está conxelado, e non hai negociacións. O inmediato agora son as eleccións de 7 de xullo, ás que o pobo curdo se presenta co partido HDP, Partido da Democracia do Pobo, que é o brazo político legal do PKK.  

 

Sobre estas eleccións e o HDP, por primeira vez poderíamos ver un escenario onde o partido curdo supera 10% dos votos e entra no parlamento turco cunha importante representación.

Efectivamente. O que acontece é que o HDP ten que conseguir obrigatoriamente ese 10% dos votos totais, isto é, a nível de todo o Estado. Por outras palabras: dos 46 millóns de persoas que poden participar nestas eleccións, o HDP necesita sumar 4,6 millóns de votos. Se o conseguimos, o HDP enviará entre 70 e 75 deputados ao congreso nacional turco. Mais se non alcanzarmos esa marca, mesmo que sexa por medio punto, non entrariamos, e deses 70-75 deputados que falamos, aproximadamente un 95% pasarían ao partido máis votado, que vai ser o AKP, o partido do presidente turco Erdogan, que conseguiría un poder tremendo para poder mudar a constitución turca e trocar o sistema parlamentarista por un sistema presidencialista. Na realidade, estamos diante dunha situación moi arriscada para o noso pobo, na medida en que participamos como un único partido, precisamente por esa barreira do 10%. En eleccións anteriores tamén tivemos representación, mais participando os deputados e as deputadas independementemente, e non como partido. Mais agora, para romper esta armadilla da barreira de 10% cada catro anos, non temos outra opción que facelo así, e paréceme que o HDP é a ferramenta correcta. Veremos o resultado dentro de mes e medio.

 

Por outra parte, varios analistas teñen significado que o proceso revolucionario central hoxe no Oriente Medio se dá no Curdistán. Compartes esta visión? Pódese considerar a loita na Rojava (o Curdistán ocupado por Siria) como o centro desa revolución?

Estou de acordo. Só temos que ver a situación en Kobanê. Hoxe en día, o único pobo que está a loitar contra o Estado Islámico somos os curdos. Poderiamos preguntarnos: acaso o pobo curdo non é tamén musulmano? Efecticamente: 90% dos curdos son tamén musulmanos, e ademais moitos pertencen á rama sunita, igual que o ISIS. Sen embargo, o ISIS, por determinados intereses, ataca o Curdistán. Mais a resistencia curda, particularmente a do PKK, é unha resistencia democrática e laica. Sobre todo, laica.

 

Nesa loita contra o terror, o PKK está a resultar fundamental. Porén, continúa incluído na listaxe de organizacións terroristas que contemplan os EUA e a UE (por certo, a petición do ex-presidente español Felipe González). Como se explica isto?

O que penso é que en primeiro lugar debemos revisar a definición de terrorismo. A definición varía de país a país; e varía en función dos intereses. Por exemplo, os Estados Unidos consideran o PKK como é unha organización terrorista, mais, desde hai dous anos, colaboran co PJAK, o Partido da Vida Libre do Curdistán, que é claramente o brazo do PKK no Irán, contra o que está a loitar tamén pola independencia curda. E por que colabora co PJAK se é o mesmo que o PKK? Porque o PJAK loita contra Irán, de modo que non é considerado como organización terrorista. O mesmo caso acontece en Rojava: o PYD, o Partido de Unión Democrática, que é o que está a loitar contra o ISIS e que en Kobanê recebeu apoios das potencias internacionais en armamento e loxística é outra rama do PKK! É dicir: a definición cambia segundo quen a faga, e moi rapidamente. Os Estados Unidos consideran o PKK como terrorista, mais Rusia non o recoñece, nen tampouco a China, ou Vietnam, ou a Venezuela. Así que o que me parece é que empregar a palabra “terrorista” só responde ao interese de cada momento. Para os Estados Unidos e a Unión Europea eses intereses pódense recoñecer inmediatamente: a Turquía é un membro da OTAN. Mais tamén podemos falar sobre España. Ninguén pode dicir que o PKK teña atacado intereses do Estado español e, sen embargo, tamén España considera o PKK como organización terrorista.

 

Por outra parte, tal como comentabas, no Iraque existe hoxe unha autonomía curda formal. En que medida ten contribuído isto para avanzar para a liberación nacional do Curdistán no seu conxunto?

No futuro penso que contribuirá decisivamente. Mais tamén é certo que hoxe o pobo curdo ve a idea dun Curdistán unificado e plenamente independente como unha utopía, tal e como se están a dar as condicións no conxunto do mundo e tal e como están os intereses das potencias imperialistas a respecto da zona e dos seus recursos. Outra cousa é que nos próximos tempos cada unha das zonas do Curdistán chegue a posuír a súa propia autonomía. Aí hai unha esperanza, porque a partir de aí, co tempo, ninguén pode garantir que o Curdistán non chegue a unificarse finalmente, e esa é a posibilidade que temos. Mais tamén debemos considerar outra cuestión: o concepto de autonomía non significa o mesmo no Estado español que no Curdistán. No Oriente Medio, a palabra autonomía é sinónimo de independencia, como se ve no Curdistán do Iraque. Por iso, o longo camiño do Curdistán do Iraque pode influir e ser un exemplo para os outros territorios, para desenvolveren os seus parlamentos, o seu sistema lexislativo, etc.

 

Por outra parte, as diferentes situacións que cada zona do Curdistán tivo que enfrontar teñen xerado diferenzas no seo do pobo curdo?

Certamente, hai diferenzas, por razóns evidentes. A comezar polo idioma: ademais da nosa lingua materna, nós, curdos da Turquía, empregamos o idioma turco; os curdos do Irán falan persa, e os do Iraque e a Siria, falan árabe. Esta influencia na educación marca diferenzas entre as comunidades curdas de cada un dos Estados colonialistas. Persoalmente, por exemplo, eu podo ter moito máis contacto cun turco do que cun curdo do Iraque, culturalmente falando. Vivir durante tanto tempo en contacto directo con quen te coloniza fai mudar moitas cousas e xera diferenzas no plano cultural: ademais de na maneira de falar, tamén na gastronomía, na forma de vivir, en todo.

 

Mais mesmo así, parece que todas as curdas e curdos se recoñecen a facer parte dun mesmo pobo. É dicir, o concepto de pobo como tal permanece alén de diferenzas tan significativas como as que comentas?

Absolutamente. Explícoo con outro exemplo. Entre os curdos, a maioría é de relixión musulmana sunita, mais tamén hai un 30% que é musulmano-alevita, con grandes diferenzas. Os alevitas, por exemplo, non cumpren o xaxún, non rezan, non teñen mesquitas, poden consumir álcol ou as súas mulleres non empregan o veu, etc. De modo que non só é na lingua ou na gastronomía, senón que tamén hai diferenzas no plano relixioso, no que tamén hai xudeus. Mais vivimos xuntos. Para nós, a relixión non xera conflito ningún, como aconteceu no norte de Irlanda. E tampouco as outras diferenzas culturais. O que se pode afirmar é que os curdos da Turquía, da Siria, do Iraque ou do Irán nos entendemos perfectamente, aínda tendo tres dialectos ben diferentes. Un curdo de Irán e un curdo de Siria, por exemplo, ao se atoparen teñen claro que fan parte do mesmo pobo. Poño outro exemplo: voltando á guerra en Kobanê, os curdos do Irán, do partido comunista Komalah, están loitanto alí. Tamén os curdos do Iraque, así como os guerrilleiros do PKK, que baixaron das montañas para axudar. É certo que ao longo da historia, nalgunhas ocasións, os curdos se enfrentaron entre si, mais sen grandes consecuencias. As diferenzas non se teñen trasladado politicamente.