Sobre o Movemento Galego ao Socialismo

O Movemento Galego ao Socialismo (MGS) é un partido comunista e independentista galego integrado no Bloque Nacionalista Galego, que ten como principais obxectivos a superación do capitalismo, a liberación nacional da Galiza, a democracia socialista e o comunismo.

O MGS actúa desde o ano 2009 como organización que aglutina militantes soberanistas empeñados na construción dun espazo político de clase, independentista e revolucionario. Tras un importante reforzo militante e territorial, en maio de 2012 celebramos a I Asemblea Nacional, onde definimos os obxectivos políticos do MGS. Xa en decembro de 2014 celebramos a nosa II Asemblea Nacional onde completamos o proceso de construción desta ferramenta coa definición do MGS como partido comunista, adaptando as nosas estruturas organizativas e elaborando o Programa Político.

Estamos convencidos e convencidas — máis aínda neste momento histórico — de que é fundamental que a clase traballadora se dote de organizacións políticas propias que a defendan e representen. Para rematarmos coa opresión precisamos da implicación de todo o pobo traballador nun proceso de edificación dunha nova sociedade, coa constitución dun Estado galego, a toma do poder pola maioría social e a construción do socialismo.

Desde unha perspectiva exixente, afirmamos que a estratexia máis acaída é acumular forzas no Bloque Nacionalista Galego que representa a expresión unitaria do nacionalismo galego pola soberanía nacional e o progreso social. É por iso que o MGS actúa como unha das organizacións integradas no BNG, traballando de forma leal e corresponsábel en todas as súas estruturas. A nosa participación alicérzase na defensa para a fronte patriótica dunha liña política claramente soberanista, inequivocamente de esquerda e incardinada cos movementos sociais, nunha organización en que a militancia de base participa e decide.

A acumulación de forzas soberanistas ten que darse en todos os ámbitos da sociedade, polo que impulsamos a autoorganización do pobo galego a todos os niveis e pulamos polo reforzamento dos movementos sociais e organizacións de masas, no ámbito sindical, na loita feminista, na defensa da terra, polas liberdades sexuais, na cultura ou o internacionalismo.