manifestación chavista

É patente que o imperialismo internacional, aliado coa dereita venezolana fascistizada, ten como obxectivo principal alterar a estabilidade social, económica e política do país e bloquear calquera tipo de avance cara este horizonte socialista,

O Movemento Galego ao Socialismo quer denunciar publicamente o ataque armado cometido contra diversas institucións venezolanas -o Ministerio do Poder Popular para Relacións Interiores, Xustiza e Paz e o Tribunal Supremo de Xustiza-, ubicadas na capital do país. O ataque armado, perpetrado desde un helicóptero secuestrado e que contou co lanzamento de granadas, representa un novo salto cualitativo na guerra non convencional que padece Venezuela, que conta con axentes e forzas internas mais que ten unha innegábel deseño, inspiración e dirección desde o imperialismo estadounidense. Esta constante veríficase tamén no último atentado, xa que xa foron anunciados os vínculos do piloto, inspector de transporte aéreo, coa Axencia Central de Intelixencia e co exministro de Interior, tamén relacionado coa CIA.

En contra do que afirma a propaganda e os medios de comunicación do noso entorno, os sectores antipopulares e contrarrevolucionarios non son vítimas dun réxime despótico e arbitrario, senón que pretenden desenvolver unha ofensiva violenta e impune contra a soberanía nacional e a vontade popular de Venezuela. Un exemplo recente son as declaracións de Henry Ramos Allup -líder de Acción Democrática, deputado na Asemblea Nacional e significativamente vicepresidente da Internacional Socialista-, quen non só non condenou o novo atentado armado, senón que lamentou a que as maxistradas e maxistrados -”roedores refugiados en cloacas”- saísen ilesos. Nos últimos dous meses, o país padeceu máis de 800 mobilizacións violentas, que incluiron máis de 92 vítimas mortais e todo tipo de danos contra a sociedade, os espazos e servizos públicos ou as institucións estatais.

A prensa española presenta este conflito, cínica e reiteradamente, como unha sucesión de enfrontamentos entre pacíficos manifestantes e forzas de seguridade indiscriminadamente represoras, no que constitúe unha permanente apoloxía da violencia contrarrevolucionaria e defensa da subversión como método de impulsar o xiro político no país. A mesma prensa caricaturiza constantemente o único proceso de toma de decisións -a convocatoria de eleccións- ao que recoñece lexitimidade no noso Estado, tanto na celebración os comicios rexionais como nun novo proceso constituínte que se inicia en xullo, e manifesta de forma indisimulada a súa preferencia polo crecemento do odio, o fascismo e o racismo até desembocar nunha eventual guerra civil. Esta orientación ideológica reafirma a nosa percepción de que a ofensiva é simultaneamente interna e externa, política, económica, diplomática, militar e paramilitar, cultural e mediática.

Esta ofensiva dramática non pode ser minusvalorada nin atribuída unicamente á mera correlación de forzas entre partidarios e detractores do goberno. Non cabe a menor dúbida da radicalidade da actual situación histórica.

A América Latina foi historicamente unha vítima do colonialismo e do neocolonialismo, e toda resistencia foi perseguida con formas e métodos distintos que incluiron as ditaduras militares, a contrainsurxencia antiguerrilleira, a sabotaxe interna e externa, o bloqueo e boicote económico e a constante ameaza dunha agresión militar contra Cuba…. Diversos gobernos nacionais, entre os que xoga un papel central o de Venezuela, á súa vez alentado polo exemplo heroico de Cuba, cuestionaron nos últimos anos a versión actual da Doutrina Monroe, a partir da afirmación da independencia nacional, a loita por un desenvolvemento autónomo e o estreitamento dos vínculos económicos e políticos, na perspectiva de superar a dependencia dos Estados Unidos. A resposta imperialista foi consecuente coa súa propia historia e manifestouse nun golpe de Estado, fracasado en 2002, un “lock out” patronal, un sabotaxe petroleiro e outras iniciativas de intervención e subversión. Tras o fracaso destas primeiras tentativas, os Estados Unidos continuaron o deseño e finanzamento de diversas accións que aspiran a desaloxar o chavismo do poder político: primeiro o finanzamento de numerosas organizacións venezolanas -quince millóns de dolares entre 2005 e 2010, segundo as revelacións de Wikileaks- e depois o plan violento “La Salida”, a coñecida como “guarimba” de 2014, que se saldou con 43 mortos e máis de 800 feridos. A crise que se vive nos últimos meses é unha continuidade desta contraofensiva capitalista, que ademais se desenvolve nun escenario moito máis complexo, marcado pola ausencia de Chávez, figura de referencia e unión do movemento que presisamente toma o nome de “chavismo”, e o novo goberno de presidente Nicolás Maduro.

É evidente que dentro deste marco xeral existen moi diversas orientacións, limitacións e contradicións, que no caso de Venezuela explican a distancia aínda existente co socialismo. Mais tamén é patente que o imperialismo internacional, aliado coa dereita venezolana fascistizada, ten como obxectivo principal alterar a estabilidade social, económica e política do país e bloquear calquera tipo de avance cara este horizonte socialista, como primeira fase dunha operación de reconquista da administración do Estado por parte do adversario de clase.

Neste contexto, temos que aprender tamén da relación de prioridades elaborada e manifestada por este poderoso inimigo, que resulta transparente da análise do seu discurso e da masiva campaña de manipulación informativa que o envolve: para o imperialismo Venezuela é agora mesmo un enclave xeopolítico fundamental, no que se xogan simultaneamente poderosos intereses enerxéticos, de relevancia indiscutíbel para a economía e a xeopolítica mundial, e á vez a restauración do neoliberalismo e a reinstauración dun novo ciclo reaccionario, neocolonial ou neofascista na rexión; pola mesma razón, debe constituír unha prioridade na análise, estratexia e mobilización daquelas forzas comprometidas cun proxecto de emancipación, nomeadamente polas que reclamamos un destino soberano para o noso pobo e aspiramos á construción do socialismo.

O Movemento Galego ao Socialismo considera indisociábeis as súas obrigas nacionais e as internacionais, guiadas polo principio do internacionalismo proletario. Por esta razón, seguimos con atención todos os acontecementos en Venezuela, país ao que ademais nos unen numerosos vínculos históricos, culturais e sociais, e reafirmamos o noso apoio, nesta conxuntura tan dura, á afirmación da soberanía nacional, ao proceso revolucionario e á construción do socialismo naquel país.

Así, denunciamos o papel das potencias imperialistas, en particular da Unión Europea e singularmente do Estado Español e do seu goberno, que se sitúa a favor da ofensiva capitalista-imperialista e ampara calquera acción violenta. Os Estados da UE, que se teñen pronunciado reiterada e ostentosamente sobre as decisións xudiciais -os procesos penais por accións violentas, os conflitos de competencias entre poderes, a declaración de desacato da Asemblea Nacional, etc…- e sobre a política soberana de Venezuela, non se dignaron reaccionar ante o último atentado violento, e abstivéronse de condenalo, no que evidentemente é unha protección dos seus autores. O goberno español finxe reclamar para Venezuela todas as garantías democráticas que nega para si mesmo: reclama separación de poderes á vez que utiliza fiscalía e xudicatura para ocultar a corrupción estrutural do Partido Popular durante décadas; denuncia a suposta represión política e reclama a liberdade para os que define como “presos políticos” á vez que branquea e nega o negro historial de persecución da disidencia e impunidade represiva que si presenta España; e reclama unha auténtica democracia cando a actual forma xurídica do Estado e a súa Constitución naceron dun proceso ilexítimo de reforma dunha ditadura, que mesmo impuxo unha xefatura de Estado hereditaria, e á vez anuncia inhabilitacións e condenas para as persoas e institucións que participen de procesos democráticos de autodeterminación.

Continuaremos a denunciar todos os intentos de subvertir a vontade popular e entregar o país de novo ás garras do imperialismo e promoveremos o avance da loita ideolóxica no noso pobo en defensa de Venezuela, así como as accións de masas en defensa do internacionalismo proletario e a solidariedade entre os pobos, coa esperanza de poder sumar as nosas forzas da outra beira do Atlántico ao bando da vida, a liberdade e a dignidad humana.

Transmitimos a nosa solidariedade e apoio ao Ministerio do Poder Popular para as Relacións Exteriores, así como ao Goberno da República Bolivariana de Venezuela, ao Partido Socialista Unido de Venezuela, ao Partido Comunista de Venezuela e ao conxunto de forzas revolucionarias.

Só vencen os pobos que loitan!

Galiza con Venezuela e a Revolución!