Bautista Álvarez

Estas actuacións contra o independentismo de esquerdas enmárcanse no contexto de represión política e criminalización que sofre nestas semanas con maior intensidade o pobo catalán, vinculada a todos os intentos do Estado español de deter o lexítimo exercicio do dereito de autodeterminación, coa celebración do referendo do vindeiro 1-O.

 

Desde o Movemento Galego ao Socialismo queremos mostrar a nosa solidariedade cos militantes de Poble Lliure contra os que a Fiscalía do Estado ten presentado unha demanda de “enaltecimento do terrorismo” por un acto dedicado ao militante independentista Julià Babia celebrado o pasado febreiro en  Castelló de Farfanya, e que vén de ser aceptada pola Audiencia Nacional, e mostrar o noso total rexeitamento a esta medida.

Esta apertura de dilixencias realízase contra un acto de recordo e memoria de toda unha xeración de independentistas que durante os anos 70 e 80 van manter a coherencia na loita contra este réxime herdeiro do franquismo, e que mantivo viva unha denuncia que hoxe xa é maioritaria na sociedade catalá.

Estas actuacións contra o independentismo de esquerdas enmárcanse no contexto de represión política e criminalización que sofre nestas semanas con maior intensidade o pobo catalán, vinculada a todos os intentos do Estado español de deter o lexítimo exercicio do dereito de autodeterminación, coa celebración do referendo do vindeiro 1-O.

Así, vemos constantes vulneracións de dereitos civís e políticos: rexistros de imprentas ou medios de comunicación para confiscar urnas e papeletas, a censura de portais webs informativos, ameazas a funcionarios de diferentes administracións que colaboren co referendo, e toda a maquinaria xudicial estatal a aplicar o “dereito do inimigo”: chamada a declarar de 712 alcaldes e alcaldesas, multas económicas e sancións administrativas a membros do Govern e da Mesa do Parlament, e mesmo o asalto de institucións catalás e a detención de membros do seu goberno, coa suspensión “de facto” da autonomía, o intento de  control político da policía catalá e a presente ameaza de intervención policial e/ou militar. Igualmente, o aparello estatal e o conxunto de medios de comunicación tentan vincular a masiva, firme e mesmo festiva reinvindicación independentista con conatos violentos, utilizando eles mesmos a linguaxe de guerra: “incautacións”, “desarticulacións”, “desmantelamentos” e outras expresións que tentan facer aparecer o movemento democrático e popular catalán como unha ameaza: estas actuacións contra militantes de Poble Lliure enmárcanse igualmente nesta estratexia estatal.

Desde o Movemento Galego ao Socialismo queremos pois solidarizarnos con Poble Lliure e o conxunto do movemento popular e democrático pola autodeterminación e a independencia catalá que está o sofrer a persecución do Estado. Un Estado saído do franquismo que mostra plenamente a súa faciana represiva frente ás demandas democráticas dos povos, a verdadeira  chave de ruptura, tamén para Galiza, dun réxime fundado na negación dos dereitos nacionais e sociais dos nosos países.

Comisión Permanente do Movemento Galego ao Socialismo

Na Galiza, a 24 de setembro de 2017