A análise tradicional do soberanismo galego sobre o modelo autonómico verificouse na realidade e no paso do tempo: non serve para afirmar os nosos intereses, senón para prolongar unha subordinación política e económica con consecuencias terríbeis para o pobo traballador

A II AN do Movemento Galego ao Socialismo, que terá lugar o 13 de decembro en Pontevedra, representa un novo paso nun proceso progresivo de afirmación e consolidación do partido, e ten como novidade a definición polo miúdo dun programa político de referencia, concebido con carácter estratéxico, e orientado á ruptura democrática que abra as portas dunha República Galega que permita a conquista do poder efectivo pola clase traballadora.

Deste xeito, dedicaremos a Asemblea Nacional a elaborar unha nova cartografía do mundo, a economía, o país e a nosa propia organización. Así, analisamos a crise estrutural do capitalismo, negando a súa mera redución a un fenómeno conxuntural, dependente só das finanzas ou da banca, senón derivado das contradicións internas deste sistema de produción; propoñemos abertamente a superación da Unión Europea e de todas as alianzas imperialistas, que non poden ser reformadas no noso beneficio, senón só combatidas e demolidas.

Non podíamos pasar por alto a crise económica, política e de lexitimidade aberta no Estado Español, marcada por unha intensa regresión social e un retroceso evidente en dereitos e liberdades, no que se acentuan os trazos propios dun réxime estruturalmente corrupto. Mais tamén existe unha resistencia en aumento, un auténtico elemento real de ruptura democrática, que non é outro que os movementos independentistas. Son as arelas de liberdade dos pobos, e tamén as galegas, as que realmente representan unha ameaza para este réxime opresivo e lexítimo, como tamén sabe — e demostra cos factos — a oligarquía española.

Neste sentido, constatamos que a análise tradicional do soberanismo galego sobre o modelo autonómico verificouse na realidade e no paso do tempo: non serve para afirmar os nosos intereses, senón para prolongar unha subordinación política e económica con consecuencias terríbeis para o pobo traballador. Falarmos de soberanía non é desligarnos dos problemas reais da poboación, como afirman os que negan a voz do pobo, senón preocuparse e mobilizarse ante o futuro que nos ofrece España: máis pobreza, precariedade e emigración; maís dependencia e expolio da clase traballadora -con reformas laborais, fraudes financeiras e impostos á medida do capital- para cebar a banca e á patronal; máis ataques contra a muller e os seus dereitos, máis asimilación cultural e lingüística e máis agresións ao noso medio. Contra todos estos ataques é contra os que se ergue a alternativa soberanista, un proxecto de emancipación integral, construído desde aquí, desde nós mesmos e as nosas propias forzas en exclusiva.