Vive na Laracha, onde preside a federación de ANPAs da Costa da Morte. Nun ano de importantes mobilizacións de estudantes, profesorado e nais e de nais e pais, falamos con el sobre as consecuencias directas das reformas do PP no ámbito do ensino e en particular sobre as dificuldades engadidas que introducirán para toda a comunidade escolar as medidas aprobadas, destacando entre elas a LOMCE.

Como describiriades os efectos da chegada do PP á Xunta de Galiza no que atinxe ao ensino?

O PP desde que chegou ao goberno comezou unha longa campaña de ataques contra o Ensino Público: comezando polos recortes á presenza da nosa lingua, aos dereitos lingüísticos básicos dun pobo, coa aplicación do Decreto de Plurilingüismo que impide que as Matemáticas, a Tecnoloxía ou a Física se impartan en galego. Nais e pais non dabamos creto, que se retirasen milleiros de libros de texto de préstamo en vixencia só polo feito de estaren escritos en galego. 

Sufriuse no ensino recortes de profesorado e outro persoal como as coidadoras para alumnado con dependencia, a eliminación do sistema de gratuidade de libros de texto, os recortes en bolsas de estudos, o decreto de comedores… As ANPAs e diversos colectivos en defensa do Ensino Público Galego levamos realizando un traballo ben intenso desde que o PP asumiu o goberno do estado e da Xunta de Galiza.

Alén disto desde o goberno do Estado aprobouse unha nova lei orgánica para o ensino, a chamada LOMCE…

Si, por se non chegaba coa campaña de desmantelamento do Ensino Público, aprobaron a LOMCE, que seica viña para “incrementar a calidade do Ensino e aumentar a autonomía dos centros.” Para nós, coma nais e pais, mellorar a calidade pasa por atender á diversidade, dar resposta ás necesidades de cada nena ou neno, compensando as desigualdades, pero coa aplicación da LOMCE preténdese todo o contrario.

Cal é entón o obxectivo real que se agocha na LOMCE?

Resulta evidente que pon o sistema educativo aos pés do mercado. É unha lei destinada a formar unha gran masa de man de obra barata e unha elite, poderosa e ben formada, mantendo á maioría social no umbral da pobreza e cun baixo nivel de formación. Trátase, en definitiva, dunha lei que non cre na educación como instrumento de mellora social senón como un instrumento ao servizo do mercado, que perpetúa as desigualdades.

Que instrumentos emprega a nova lei educativa para isto, e como afectarán ao alumnado e ao conxunto da comunidade escolar?

Estes son múltiples. Por un lado, a volta das reválidas franquistas: os deseñadores da LOMCE queren facernos crer que o único problema que existe no ensino é a falta de esforzo e de disciplina, e que con exames de lapis e papel xa van superar todas as dificultades. Poñéndolles obstáculos non vai aumentar a motivación do alumnado, só vai facer que aumente o sentimento de fracaso.

Así, a aplicación da LOMCE implica a expulsión do sistema educativo do alumnado con dificultades e con poucos recursos económicos, que non poida permitirse pagar as clases de reforzo para superar as reválidas. Desde pequeniños vanlles dicir ás nosas fillas e fillos: ti serves para seguir estudando, ti non.

Por outro lado, ningunean ao profesorado, xa que van facer as reválidas persoas que non coñecen ás nosas fillas e fillos, e elimínase a xestión democrática dos centros educativos: o Consello Escolar só terá funcións consultivas. Ou sexa, non terá función ningunha. As familias, alumnado e tamén o profesorado somos convidados de pedra. So o director terá as funcións. Crearase un grande negocio co Ensino, xa que se elimina a obriga de garantir prazas públicas suficientes. Igualmente, van estabelecer rankings de centros. E que centros van estar nos primeiros postos? Aqueles que seleccionen o alumnado, con grupos homoxéneos, sen NEAE, centros que dispoñan de máis recursos e medios. Pero ao que non vai poder ir alumnado das familias sen recursos!

A LOMCE ten un indisimulado interese recentralizador. Como son os efectos da LOMCE sobre a cultura galega?

A LOMCE ataca á propia cultura: quita competencias ás comunidades autónomas e aos propios equipos docentes impedindo un coñecemento máis relacionado co entorno do alumnado. A LOMCE pon o ensino ao servizo de visións uniformes e nada respectuosas coa realidade inmediata do alumnado.

Unha vez mais vai mudar con esta lei a organización das distintas etapas do ensino, non é?

Si, cambiarase a organización de Primaria e Secundaria: na Primaria elimínanse os ciclos, esquecendo a evolución e os ritmos diversos nestas primeiras etapas. Na ESO en terceiro xa teñen que ter claro se van a Bacharelato ou a Formación Profesional, elixindo entre Matemáticas para Bacharelato ou para a FP.

Que alumnado será o que tenda a elexir agora esta opción de FP ou FP Básica?

O que ten dificultades e a familia non pode pagar clases particulares. Ou o que, sen ter dificultades, busca unha saída laboral rápida pola situación económica familiar. Agora, coa lei xa aprobada, imos comprobando como está afectando negativamente – e tanto — ao alumnado, ás familias. Mais non estamos só as familias ou o alumnado privados de dereitos. O “novo” sistema de “elección” de director@s dos centros (onde a administración ten maioría) recortou os dereitos democráticos e educativos de toda a comunidade escolar.