Desde o Movemento Galego ao Socialismo (MGS) queremos, un ano máis, reivindicar o compromiso político de Moncho Reboiras, un compromiso insubornábel que levou até as súas últimas consecuencias. A súa militancia é produto do seu tempo e das condicións políticas e sociais da Galiza dos estertores do franquismo, unha Galiza diferente á actual mais tamén con moitas semellanzas coa de hai case catro décadas. Catro décadas nas que se fixo patente que a necesaria soberanía da nación é unha urxencia política para Galiza, sometida a un estado que só procura o sometemento e a asimilación das nacións galega, vasca e catalá. E catro décadas, tamén, nas que o capitalismo na súa faciana neoliberal vén socavando dereitos sociais e laborais das clase traballadora e os sectores populares.

Porén, non son tempos para se laiar. Son tempos, e así o entendemos desde o MGS, para avanzarmos na organización e na loita, co obxectivo irrenunciábel da emancipación de Galiza e a construción do socialismo. Obxectivo polo que deu a súa vida unha mañá de 12 de agosto Moncho Reboiras, no medio dunha vaga represora desatada polo réxime franquista contra a resistencia política na nosa nación.

Este 12 de agosto de 2011 ás 13 horas, o MGS volverá ao camposanto de Imo, a celebrar un acto político (seguido dun convivio con música e petiscos) que lembre a experiencia militante e o compromiso político de Reboiras, e farémolo desde o convencemento da importancia de manter viva a súa loita por unha Galiza ceibe e socialista.