A plataforma Queremos Galego chama de novo a sair á rúa neste 17 de maio, Día das Letras Galegas, convocando unha manifestación nacional ás 12h desde a Alameda de Compostela. Ante a ameaza da inminente aprobación do Decreto contra o galego, é un momento crucial para seguir a manter e tensión mobilizadora e visibilizar de novo na rúa un conflito lingüístico no que o españolismo decidiu pasar decididamente á ofensiva. Reproducimos a seguir un artigo do noso compañeiro Rafa Villar sobre esa ofensiva e as respostas a dar por parte do movemento normalizador, publicado no segundo número da nosa revista:


Da persecución lingüística do PP e da resposta a dar

O pasado 21 de xaneiro tivo lugar en Galiza a maior mobilización social en defensa do noso idioma, producíndose un paro practicamente total no ensino público non universitario e unha das maiores manifestacións das que se deron en Galiza nesta primeira década do século. Paro no ensino e manifestación nacional en Compostela viñan ser a punta do iceberg da resposta social que está a ter a política lingüística, de acoso á lingua propia e nacional de Galiza, desenvolvida polo Partido Popular á fronte da Xunta de Galiza. Unha política lingüística baseada nuns posicionamentos ideolóxicos que se fundamentan nun neofascismo españolista que é o que hoxe impera no PP actuante na nosa nación, acorde co programa político-ideolóxico do partido que lidera, a nivel de Estado, o inefábel Mariano Rajoy.

A posición a respecto do idioma galego que está a manter o PP en Galiza, con Núñez Feijoo á fronte, supón unha agresión sen precedentes aos dereitos lingüísticos do pobo galego e está encirrada por sectores minoritarios da sociedade galega, organizados en pequenos colectivos como o autodenominado ‘Galicia bilingüe’ que si están a contar co visto e prace de determinados poderes políticos, económicos e por suposto mediáticos. Porén, tamén é certo que sen o apoio do propio PP (foi sintomática a presenza de importantes dirixentes desta forza política na manifestación convocada por ‘Galicia Bilingüe’ en febreiro de 2009), o alcance e repercusión social destes grupellos serían ben máis limitado.

Un discurso galegófobo e negacionista

Porén, a adopción por parte do PP deste discurso galegofóbo e negacionista non responde unicamente a unha estratexia electoral, como a que seguía nas pasadas eleccións autonómicas, senón que forma parte do ideario político-ideolóxico da nova xeración de dirixentes que se fixeron cargo do PP en Galiza tras os comicios que en 2005 desaloxaron da presidencia da Xunta de Galiza a Fraga Iribarne. Por certo, un Fraga Iribarne que, no referido á cuestión lingüística, desenvolvera unha bastante eficaz estratexia tendente a tornar socialmente pouco visíbel o conflito lingüístico, de xeito que era quen de conter a resposta social ante a sangrante realidade de perda de falantes de galego no noso país e da propia posición da lingua como lingua menor e secundarizada a respecto do español.

E así, no haber político da era Fraga Iribarne no noso país hai que anotar mesmo a aprobación do chamado Plan Xeral de Normalización Lingüística de Galiza , Plan que acadara o consenso unánime do Parlamento galego (en setembro de 2004) e, no seu momento, un importante respaldo social, mesmo de moitas das entidades e organizacións nacionalistas que vían no devandito Plan un punto de partida posíbel para unha política lingüística real e eficaz para avanzar no proceso de normalización dos usos sociais da lingua propia e nacional de Galiza.

O Goberno bipartito de BNG e PSOE na Xunta tentou (no medio das contradicións derivadas de que un dos socios, o PSOE, non destaca precisamente polo seu afán normalizador do idioma galego) ir desenvolvendo paseniñamente algún dos contidos do Plan Xeral de Normalización Lingüística, e froito diso foi o Decreto 124/2007, de uso do galego no ensino non universitario, que viña a significar un pequeno avanzo na presenza efectiva do noso idioma no ámbito educativo.

O PP como punta de lanza do españolismo

A volta do PP á Xunta, hai agora un ano, xa non só imposibilitou que se consolidase calquera avanzo, aínda que fose tímido e limitado, no desenvolvemento social da lingua galega, senón que está a supor unha regresión notábel a ese respecto. Regresión que se plasma, así mesmo, na posta en circulación dun desafiante discurso que manipula e terxiversa a realidade, mesmo falando da suposta “imposición” do galego, e que no fondo proclama a “superioridade do español”. Trátase, por tanto, dun discurso tan falaz como xenófobo e que debe ser combatido tamén no plano das ideas, na medida en que atopa na case totalidade dos medios de comunicación e persuasión unha canle para narcotizar os sectores da sociedade galego menos conscientes e comprometidos.

Mais o certo é que non se trata só de discurso, senón tamén da súa plasmación concreta en iniciativas e na propia acción política do Goberno da Xunta, acción política que se vén definindo por unha praxe de apartheid lingüístico que confina o galego lonxe das esferas públicas. Abundando nisto, é ben lembrar que unha das primeiras medidas en materia lingüística do actual Goberno do PP en Galiza foi a eliminación da obrigatoriedade de realizar unha proba en galego para a acceder á función pública, un punto de partida clara para a folla de ruta desgaleguizadora que vén tracexando a dereita españolista na nosa nación.

A esa actuación seguiron outras semellantes que teñen o seu punto culminante na proclamación dun presunto “decreto do plurilingüismo no ensino non universitario” que non é máis que un auténtico decretazo que limita seriamente a presenza do noso idioma no eido educativo. Felizmente, a resposta social a este decretazo vén sendo case unánime por parte dos sectores organizados da sociedade galega, o que en certa maneira está a significar un efecto boomerang contra a Xunta, ante o que o PP semella que apenas ten capacidade de reacción, fóra de se reafirmar no seu discurso e buscar o amparo dos colectivos galegófobos.

Impulso da normalización do idioma

Con todo, e aínda que na loita concreta do decretazo contra o galego no ensino o españolismo está mesmo recuando, o que cómpre termos presente é que a reivindicación en prol da normalización plena da nosa lingua non remata nin moito menos aí, senón que se trata dunha reivindicación que require un esforzo continuado. Por unha banda, para responder con contundencia todas aquelas agresións que desde o españolismo se poidan producir contra os nosos dereitos lingüísticos. E doutra, para irmos avanzando no desenvolvemento do noso idioma como lingua propia e nacional de Galiza nos diferentes ámbitos socias, co fin crebarmos a actual tendencia regresiva en canto aos seus usos sociais. Sen esquecermos que non cabe outro horizonte futuro para o noso idioma que o monolingüismo social, xa que calquera outra opción sería abocar a lingua galega, e a nós como falantes, a un lugar marxinal na propia Galiza.