A convocatoria dunha manifestación nacional en prol do idioma propio e nacional de Galiza, promovida pola recentemente creada plataforma social QUEREMOS GALEGO e que está a concitar un número importante de apoios, sitúa nun primeirísimo plano a cuestión da lingua e da súa necesaria normalización de usos sociais. Máxime nun momento en que desde o poder político que exerce o PP no Goberno da Xunta se veñen desenvolvendo actuacións, referidas a diferentes ámbitos (ensino, sanidade, administración, cultura, etc.), que buscan recortar a presenza social da nosa lingua, desprezándoa, marxinándoa e proxectando sobre ela o pouso ideolóxico españolista e neofascista da dereita española.

Ante esta calculada agresión á lingua, agresión que non oculta os burdos intentos desta dereita cavernícola e linguicida de laminar calquera avanzo en materia de normalización da lingua por pequeno que este fose (como o decreto 50/50 para o ensino, aprobado no seu día polo anterior goberno da Xunta do BNG e o PSOE), faise necesaria -se cadra máis ca nunca- unha importante mobilización social, que dea resposta a esta política involucionista do PP e que contribúa a unha maior sensibilización social a prol do noso idioma.

A manifestación do día 18 de outubro ten que ser unha demostración de forza, como xa o foi a do pasado 18 de maio, ante o intransixente fanatismo españolista do PP e dese sector social que, desde o amparo mediático, arremete día si, día tamén, contra o idioma galego e contra os dereitos que nos asisten como comunidade lingüística.

Mais non podemos ficar aí, nunha única mobilización, por importante que esta sexa. O galego, o seu desenvolvemento pleno como lingua nacional de Galiza, precisa do compromiso diario e militante de todos aqueles que, organizadamente ou non, queremos consolidar o proceso de normalización dos usos da lingua galega, en todos os ámbitos sociais, desde o reforzamento da súa presenza no ensino ou na administración, aos avanzos efectivos do seu emprego habitual nos medios de comunicación, no mundo do comercio e da empresa, no cinema, nas actividades de lecer e o deporte, etc., etc.

Desde o Movemento Galego ao Socialismo (MGS) facemos un chamado á participación na manifestación do día 18 de outubro, así como a unha mobilización activa e continuada en favor do noso idioma, sabedores de que a cuestión da lingua é unha cuestión central no noso desenvolvemento como pobo e como nación que aspira a exercer os seus dereitos políticos plenos.