A ruptura democrática pola independencia podería agora atopar unha fenda evidente, representar unha altenativa tanxíbel para masas que non poden continuar a viver como antes, como proxecto alternativo e construído desde o noso país e para o seu pobo, que pon en primeiro plano a necesidade de definir e dirixir un modelo económico, por medio do poder popular.

O Movemento Galego ao Socialismo chama á participación popular e masiva na manifestación convocada polo BNG no 25 de xullo e na mobilización organizada polas entidades xuvenís -entre elas Isca!- na tarde do 24. Ademais, tamén animamos a asistir ás numerosas actividades culturais, de lecer, deportivas ou festivas que se concentran no Festigal, no que o noso partido instalará un posto de difusión e venda de material. Trátase das principais expresións coas que o soberanismo galego impulsa neste Día da Patria a súa ambición política, que por forza parece aínda afastada ou mesmo utópica. Mais esta pretensión, que para o MGS se desplega nos obxectivos estratéxicos de independencia e socialismo, é tamén unha necesidade social vinculada ao fin de toda forma de opresión, para transformar e para salvar a vida. É a ambición da emancipación, do cambio político profundo e real que nos libere, expresada moito antes de que teñamos creados os medios que a converterán en realidade.

Esta mobilización chega marcada polas contradicións proprias do momento. Nin Galiza nin ningún outro pobo do mundo pode agardar máis do capitalismo que crise -económica, enerxética, alimentaria, climática- e barbarie: desigualdades sociais en ascenso, un aumento da explotación e opresión política e social, a centralización e concentración da riqueza, unha maior agresividade imperialista e xeralizada, enormes efectos destrutivos sobre os sistemas ecolóxicos e un crecente baleiramento das institucións formalmente democráticas. A ausencia de soberanía impide que o pobo poida escoller un modelo favorábel aos seus intereses, e as consecuencias padecémolas con especial crueza nos últimos anos, con manifestacións claras no declive dos salarios e do emprego, a precarización e terciarización da economía, a sangría da emigración, a privatización do sector público, o inverno demográfico do país…

A cuestión da alternativa é fundamental. Neste contexto, a ruptura democrática pola independencia podería agora atopar unha fenda evidente, representar unha altenativa tanxíbel para masas que non poden continuar a viver como antes, como proxecto alternativo e construído desde o noso país e para o seu pobo, que pon en primeiro plano a necesidade de definir e dirixir un modelo económico, por medio do poder popular. Mais na época de extensión da explotación, a depauperación e a precariedade, na que vivemos con maís dureza o proxecto que nos impoñen a dominación de España e o imperialismo, o soberanismo vive momentos de fraqueza que lle impiden acadar avanzos cualitativos.

Asumimos que non temos aínda os instrumentos axeitados. Mais somos revolucionarias e revolucionarios, non espectadores dos acontecementos. As e os soberanistas debemos prepararnos para unha serie de longas batallas: atopámonos nunha primeira fase dun proceso que debe levar á premente reconstrución e rearticulación do movemento soberanista no seu conxunto, por medio dunha maior maduración, clarificación estratéxica, e capacidade de incidencia social. No curto prazo, precisamos un rexurdir da conciencia nacional e de clase, unha revitalización urxente da mobilización popular, e urxentes transformacións económicas e sociais que superen o status dependente da nosa nación. Teremos máis unha importante oportunidade para as demandar e popularizar no campo electoral, no cadro das importantes eleccións galegas que decorrerán no outono, onde o BNG impulsará unha candidatura e un programa soberanista co obxetivo de abrir unha nova fase política no país.

O noso pobo non é débil, porque forma parte da inmensa maioría da humanidade que padece as mesmas miserias, ten o mesmo inimigo e os mesmo soños: abrir os camiños de todos os pobos para estremecer o mundo.