Este 29 de Marzo, frente á nova reforma laboral, que fai parte da brutal ofensiva contra os traballadores e os dereitos laborais, o sindicalismo nacionalista convoca unha nova folga xeral, a terceira no periodo de dous anos. Esta folga xeral convocada pola CIG debido á contrarreforma laboral do PP chega despois das dúas tamén convocadas contra as medidas do anterior goberno do PSOE, a súa contrarreforma laboral e das pensións.

A clase traballadora galega debe responder este 29M de forma masiva a umha reforma que abarata e facilita o despedimento alegando “causas obxectivas”, dinamita a negociación colectiva ao limitar a ultraactividade e priorizar os convenios de empresa, e que implanta o despedimento libre e gratuíto na mocidade. Todas estas medidas están dirixidas a cargar sobre a clase traballadora os efectos da última crise que ten xerado o capitalismo, rebaixando os salarios e debilitando a capacidade de acción colectiva dos traballadores e traballadoras na contradición capital-traballo.

Mais a necesaria loita por evitar o retroceso brutal dos nosos dereitos e pola mellora das condicións económicas non pode facernos esquecer que esta loita desenvólvese dentro do marco do sistema político e económico que nos impuxo o capitalismo. Un capitalismo que cada dia mostra mais claramente a súa incompatibilidade con calquera tipo de democracia verdadeira, aquela en que sexan os povos os que realmente decidan. As elites políticas e económicas, do PP e PSOE aos grandes directivos das empresas privatizadas de enerxía, financeiras, fondos de investimento ou os conglomerados que dominan a información fan parte da mesma clase burguesa, baleirando o voto popular de calquer incidencia ao impoñeren programas de agresión ás clases populares que nunca pasan polas urnas e decididos en marcos antidemocráticos como os efectivizados na Unión Europea, e onde as promesas baleiras podem ser esquecidas ao dia seguinte. Se a democracia é o governo e a participación efectiva de todos ao servizo das maiorias en todos os ámbitos, o capitalismo é a ditadura permanente da minoria.

A propia necesidade pois de manter e mellorar os dereitos económicos e sociais conquistados lévanos pois á necesidade da loita política por un sistema onde estes estean asegurados: se non nos diriximos cara un sistema así, esas conquistas serán sempre parciais e estarán sempre en perigo. Ese sistema ten un nome: o socialismo. E para unha nación oprimida como a nosa, só a rotura do marco político onde estamos inseridos, o Estado español, pode garantir os nosos dereitos como galegos/as e traballadores/as, para nós e todas as clases populares da nación.

Así, pois, a loita contra estas contrarreformas laborais non será completa, nen nos garantirá seguridade se non avanzamos cara as medidas que poden pór solución a esta situación: a independencia nacional e o socialismo. Avante coa CIG e todos/as á folga xeral do 29 de Marzo!