Edición: podes ler aquí as conclusións da Asemblea Nacional.


O próximo sábado 26 de setembro celebrarase a 3ª Asemblea Nacional do Movemento Galego ao Socialismo, que terá un carácter extraordinario como extraordinario é o momento político e social no que vivimos.

Malia que entendemos que os nosos principios, análises e programa seguen plenamente vixentes, é dicir, non existe alternativa para a liberación das clases populares que rachar co réxime capitalista español e construír unha República Galega independente na vía ao socialismo, neste punto é preciso parar e botar a vista atrás.

O contexto no soberanismo galego é moi diferente a cando naceu o noso espazo político. Ao longo dos últimos 14 anos traballamos co fin de contrarrestar a deriva político-ideolóxica na que, na altura, se encontraba a dirección do nacionalismo galego.

Non é preciso relatar aquí o proceso de rectificación que se levou a cabo, non exento de tensións e contradicións, do que nós tivemos dificultades para nos adaptar, malia ser un dos actores que o fixeron posible.

Unha traxectoria con erros e acertos, mais maioritariamente recoñecida como coherente, honesta e comprometida coa táctica e estratexia do movemento soberanista. Con coñecemento, referencialidade e influencia en determinados espazos e sectores.

Este novo escenario político, unido a un contexto de maior dificultade para a organización popular na Galiza e en moitos outros puntos do mundo, lévanos a entender a necesidade de resituarnos e reinventarnos para dar unha resposta útil aos problemas que enfronta o noso pobo. Sabemos que de non adaptarse, moitas das fortalezas antes nomeadas estarían hoxe en perigo.

Sen entrar polo miúdo nesta nota na avaliación autocrítica das eivas que arrastramos nos últimos anos, entendemos fundamental superar este ciclo implementando con urxencia as mudanzas radicais que sexan precisas, tanto no ámbito organizativo como nunha proposta política actualizada e atractiva para o soberanismo galego do século XXI.

Por iso e malia as dificultades obxectivas do momento social no que estamos para debater e socializar estas propostas, temos realizado nos últimos meses un longo proceso de debate interno e externo, cun punto fundamental nos encontros públicos e na xornada nacional que tivo lugar en xaneiro deste presente ano.

Por iso, recollendo a bagaxe destes últimos 14 anos que reivindicamos con humildade e con orgullo, toca debater, repensar, reanalizar e cambiar todo o que precise ser cambiado.

A nivel político, debemos ser quen de interpelar a novas persoas e sectores ao tempo que consolidamos os que xa nos teñen como referencia, volvéndonos situar como un espazo relevante e recoñecíbel que inteveña desde posicións de clase, con vocación unitaria e apostando desacomplexadamente aquí e agora por un programa de ruptura independentista que teña a mobilización e a construción popular como centro da acción política.

A nivel orgánico debemos redimensionarnos, creando estruturas adaptadas a nova realidade, tanto interna como externa, e que polo tanto recoñeza e formalice na práctica a realidade de diferentes niveis de compromiso, dispoñibilidade e participación na organización que hoxe existen.

Reformular as prioridade políticas, poñendo o foco:

  • Na formación de cadros políticos capaces de analizar a mellor forma de intervir socialmente en cada momento.
  • Na cohesión política e ideolóxica baseada no debate activo.
  • Na presenza pública, mantendo un criterio propio e non subordinado, conectado co tecido social e que sexa útil ao país.
  • Na intervención social, nun momento de crise do compromiso militante.
  • Na unidade de acción reforzando as organizacións de masas deste país: o BNG, a CIG e todos os momentos sociais transformadores.

A 3ª Asemblea Nacional do MGS acorda impulsar o proceso constituínte dunha nova organización adaptada á nova fase política