O pasado sábado día 26 de setembro celebramos a nosa 3ª Asemblea Nacional, á cal lle dimos un carácter extraordinario como extraordinario é o momento político e social no que vivimos.

Pechamos así unha fase de debates que fomos avanzando colectivamente nos últimos meses e anos a nivel nacional e zonal sobre como encarar o novo escenario político, adaptándonos ás mudanzas do mesmo e superando unhas dificultades internas e externas das que xa falamos brevemente na presentación da nosa Asemblea.

En base a este diagnóstico, a Asemblea Nacional decidiu de xeito unánime marcar un punto de inflexión, tanto a nivel de dinámica interna como en canto á proxección pública, que nos permita rachar coas inercias que nos lastraron até agora e nos permita non só remotivar e remobilizar a nosa base militante e simpatizante, mais tamén aumentala.

A nivel orgánico debemos redimensionarnos, creando unhas estruturas adaptadas á nova realidade, tanto interna como externa, e que polo tanto recoñeza e formalice na práctica a realidade de diferentes niveis de compromiso, dispoñibilidade e participación que hoxe existen nas organizacións do campo popular.

Partindo diso, os obxectivos prioritarios desta mudanza de fase deben ser volver tensionar e dinamizar o noso corpo militante e base de apoio, aumentar a cohesión ideolóxica, recuperar cadros e sumar máis persoas.

A nivel político, este cambio de ciclo debe permitirnos interpelar a novas persoas e sectores ao tempo que consolidamos os que xa nos teñen como referencia, volvéndonos situar como un espazo relevante e recoñecíbel que inteveña desde posicións comunistas e de clase, con vocación unitaria e apostando desacomplexadamente aquí e agora por un programa de ruptura independentista que teña a mobilización e a construción popular como centro da acción política.

Nesta reformulación das prioridade políticas, entendemos que o foco debe estar na:

  • Formación de cadros políticos capaces de analizar a mellor forma de intervir socialmente en cada momento.
  • Cohesión política e ideolóxica baseada no debate activo para construír unha base sólida desde a que intervir socialmente.
  • Presenza pública, mantendo un criterio propio e non subordinado, conectado co tecido social e que sexa útil ao país.
  • Intervención social, nun momento de crise do compromiso militante, é imprescindíbel coordenar e organizar as forzas e as formas coas que intervimos.
  • Unidade de acción reforzando as organizacións de masas deste país: o BNG, a CIG e todos os momentos sociais transformadores.

Por todo o comentado, a 3ª Asemblea Nacional acorda por unanimidade pechar o ciclo do Movemento Galego ao Socialismo e impulsar un proceso constituínte dunha nova organización: unha nova ferramenta política que recolla a bagaxe do MGS e as diferentes e enriquecedoras aprendizaxes e experiencias do conxunto das organizacións do campo popular, pero que defina novas prioridades, campos de traballo e formas de intervención neles e, sobre todo, que estea adaptada á nosa realidade e ao momento político actual.

Entendemos que este espazo político debe estar ocupado por unha organización de carácter estratéxico, identificábel publicamente, con vocación e perspectiva revolucionaria e capacidade de orientación política para avanzar nese camiño, sendo quen de fixar posicións ante os debates fundamentais do noso tempo e intervir en base a elas.


Engádega: Sumar para construír a folla de ruta do soberanismo do s.XXI. Texto aprobado na 3ª Asemblea Nacional do MGS.

A 3ª Asemblea Nacional do MGS acorda impulsar o proceso constituínte dunha nova organización adaptada á nova fase política