Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos!Domingo 11 de marzo
Manifestación Nacional
ás 12:00h Estación do Tren
Compostela

 

Este 8 de marzo o movemento feminista na Galiza respondeu á chamada das compañeiras do Sindicato Labrego Galego cunha convocatoria unitaria para reivindicar, xuntas, o Día Internacional das Mulleres.

Coa elaboración dun manifesto conxunto, a organización de actos en distintas localidades e a convocatoria dunha manifestación nacional o domingo 11 de Marzo ás 12:00h dende a estación de tren de Compostela desenvólvese unha campaña que analiza e denuncia a situación das mulleres ante a ofensiva do capital e o recrudecemento dos por parte dos sectores conservadores.

Baixo o pretexto da situación da crise económica mundial, que agudiza e perpetúa a situación labaoral e social das mulleres, os distintos gobernos veñen decretando recortes no desenvolvemento do estado do benestar. Agora, ademáis, asistimos ao ataque frontal da ofensiva conservadora que aliada co capital, desmantela tamén os avances conseguidos en materia de igualdade e ataca de forma directa dereitos conquistados polas mulleres.

Neste momento o 66% das persoas en grave risco de exclusión social na Galiza son mulleres, de media as galegas perciben uns salarios en torno ao 74,5% do dos homes cando o nivel de formación é superior, a brecha salarial entre mulleres e homes é do 22%, o 76% do traballo temporal é realizado por mulleres, só o 23% das traballadoras con 65 anos cotizaron os 38´5 anos que establece a reforma das pensións fronte ao 71% dos homes, a pensión media das mulleres non chega aos 500euros, o 65% da media dos homes, a reforma laboral recorta os únicos pasos dados para acadar a igualdade no traballo e é un ataque contra a conciliación familiar de mulleres e homes.

Pero é que dende a estrada do Partido Popular na Xunta de Galicia asistimos á diminución dun 20% dos orzamentos para apoio ás mulleres que sufren violencia, ao recorte de máis dun 80% dos orzamentos destinados aos programas de acción social, nomeadamente en todo o relacionado coa promoción da igualdade, á redución dun 377% dos programas destinados a accións para a igualdade, protección e promoción das mulleres, á reducción á metade das axudas por fillas/os menores de 3 anos e á paralización do Plan Galego de Emprego Femenino contemplado na Lei 2/2007.

O PP dende a súa chegada ao goberno eliminou o Servizo galego de Igualdade, os Puntos de Información á muller, as oficinas de I+B, os Centros Quérote, a consulta xinecolóxica regular eliminando a prevención, o II Plan Galego de Inclusión Social, o  programa ENTENDO que daba resposta xurídica, médica e psicolóxica a lesbianas, gais, trans e bisexuais, o orzamento destinado ao Plan concertado da Seguridade Social que inclúe o Servizo de axuda no Fogar e a perda dos postos de auxiliares do SAF maioritariamente mulleres, eliminou o programa Prescolar na casa, cancelou a posta en marcha do servizo ‘Kanguros’, disolveu o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, abandonou os plans de saúde de Atención á Muller, subiun as taxadas garderías e duplicou as taxas dos comedores escolares.

A dereita, dende o Goberno da Xunta, retirou o seu orzamento para o Plan de Desenvolvemento Cigano que escolarizaba a numerosas nenas da comunidade. (o Estado reduce un 84% o orzamento aplicado), paralizou a aplicación da Lei de depedencia, aprobou o Plan Integral de apoio á Muller embarazada que concibe á muller como un colectivo que debe ser protexido e tutelado cuestionando a liberdade para decidir sobre os nosos corpos e que sirve de cohartada para crear unha rede de servizos que servirá para financiar organizacións provida, conservadoras e relixiosas. O PP aprobou unha Leis de apoio á Familia que devolve ás mulleres ao rol tradicional de coidadoras, nais e esposas, reforzada pola desaparición do plan de conciliación da vida laboral e familiar (reduciron un 83% do orzamento), pola desaparición dos plans de Igualdade, promoción e protección da muller (reduciron un 89% do orzamento) e pola supresión do organismo autónomo do Servizo Galego de promoción da igualdade do Home e da Muller.

Coa chegada do Partido Popular ao goberno do estado todos estes ataques contra os dereitos das mulleres e os recortes sociais que agudizan a situación de desigualdade das mulleres cobran dimensión estatal a través dunha reforma laboral que ataca os dereitos das traballadoras e destrúe calquera avance nas políticas de conciliación e promoción do emprego femenino e xa se anuncia unha modificación da Lei de saúde sexual e reproductiva e de interrupción voluntaria do embarazo para devolver o aborto ao código penal e ás mulleres á tutela por parte do estado para a nosa xestión da maternidade e a decisión libre sobre os nosos corpos.

As mulleres somos quen máis gravemente sufrimos as consecuencias do capitalismo e da crise financeira que orixina e tamén o colectivo que primeiro ve recortado os seus dereitos co acceso dos sectores máis conservadores ás institucións.

É neste contexto de ataques que o movemento feminista na Galiza sae á rúa este 8 de marzo a reivindicar o dereito das mulleres a vivir sen violencias, a manter os dereitos conquistados e a seguir avanzando na loita feminista para conseguir unha sociedade máis xusta en plena igualdade.

Contra a reforma laboral, polos nosos dereitos sexuais e reproductivos, polo noso dereito a vivirmos sen violencias: seguimos en marcha, seguimos en loita!

Máis información:

Manifesto ‘Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos’

Material da Campaña

ACTOS da Campaña