Dado que o sábado 12, data na que tiñamos convocada a nosa 1ª Asemblea Nacional, vai haber unha importante mobilización comarcal en Vigo na defensa do sector naval en cuxa organización está fortemente implicada a militancia e simpatizantes da nosa organización, decidimos mudar a data da Asemblea Nacional para garantir o éxito das dúas convocatorias. Desta maneira a Asemblea Nacional do MGS celebrarase finalmente o sábado 26 de maio na Faculdade de Políticas en Compostela.

No mais dun mes que levamos traballando na preparación desta cita asemblear realizamos ducias de reunións con militantes do nacionalismo, asembleas de debate e asembleas abertas en diferentes localidades do país. Até o momento realizaronse asembleas abertas en Arcade, Compostela, Carnota, Vigo, Ourense, Laracha, Bueu ou Lugo e están previstas varias mais en Tui, A Coruña, Mos ou Ferrol, entre outras. É un proceso rico, de debate e contacto directo do que pretendemos sair cunha ferramenta mellor engraxada para facer frente aos importantes reptos provocados pola crise do capitalismo e polos ataques á nosa identidade nacional.

Neste proceso aberto, tamén se deu a posibilidade de participar na Asemblea Nacional, solicitar a celebración dunha asemblea aberta ou afondar na relación co MGS através dun formulario de contacto desde a web da nosa organización. Como se explicitou na presentación da Asemblea Nacional estamos nun momento no que compre aglutinar forzas e por iso facemos un chamado a militantes do BNG, a nacionalistas e independentistas que non fan parte da fronte, a compañeiras e compañeiros que participan no sindicalismo nacionalista, no movemento estudantil e xuvenil e a activistas sociais a que participen con nós nesta asemblea e que dean forza a aposta política que significa fortalecer o soberanismo e a esquerda.