A Confederación Intersindical Galega promoverá unha nova folga xeral para a primeira quincena de xuño, coa intención de deter as políticas de axuste do Partido Popular, forzar a derrogación da reforma laboral e impulsar medidas de criazón de emprego e de mellora das condicións laborais.

Após a inmensa mobilización da folga xeral do 29 de marzo, a CIG entende que é necesario prolongar a resistencia, xa que o goberno español non só non atendeu as demandas da clase traballadora, senón que continúa gobernando ao dictado da plutocracia de Bruxelas, da banca e da patronal, impulsando novos recortes na sanidade e no ensino público.

Os primeiros efectos da reforma laboral xa están á vista e axústanse ao previsto, co incremento do desemprego en 25.200 persoas no primeiro trimestre do ano. Na Galiza unha de cada 5 persoas en activo xa se atopa en desemprego, ata un total de 265.600 desempregadas e desempregados, en moitos casos sen dereito a subsidio. O máis grave é que as previsións do Estado Español son que o paro continúe por riba do 20% ata 2016 como mínimo, e aínda así os orzamentos públicos non pretenden fomentar o emprego nin dinamizar a actividade económica, senón inmolar a clase traballadora no altar do défice imposto pola Unión Europa e aceptado polos gobernos de Rajoy e Feijóo.

Non podemos dubidar que cada día teremos máis motivos para a folga. España comprometeuse diante da Unión Europea a rebaixar o défice público ao 5,3% a finais deste ano e ao 3% a finais de 2013, e este obxetivo prevaleceu diante dos poucos compromisos asumidos publicamente polo PP antes de chegar á Moncloa, rotos sistematicamente: non abarataría o despedimento, non tocaría a sanidade nin a educación, estaba en contra do copago e non subiría impostos. Dificilmente se pode chamar democracia a un sistema no que o capital impón as súas medidas en todo momento, contra a vontade maioritaria do pobo, e no que se engana sistematicamente á poboación sen consecuencias de ningún tipo.

Así, o camiño do goberno está marcado. Para acadar o obxetivo deste ano non abonda nin sequera coas medidas de axuste xa comprometidas, a pesar de que aínda non se realizaron, nin de lonxe, todas as navalladas previstas. O executivo de Rajoy prevé recurtar o ano que vén unha cifra semellante á deste ano. Todo o que xa aturamos (reforma laboral, recurtes de salarios dos empregados públicos, copago farmacéutico, suba das taxas universitarias, aumento dos prezos da luz, etc…) pode representar apenas unha nimiedade diante do draconiano futuro que nos agarda.

Trátase polo tanto dunha política deliberadamente criminal e completamente inasumíbel. Na práctica, o goberno deu por perdida a loita contra o desemprego, se é que nalgún momento pretendeu dala: nin a reforma laboral nin os axustes orzamentarios serven para a recuperación económica, o que saben perfectamente os xestores do capital. A promesa dun futuro “retorno á normalidade” tras uns axustes presuntamente duros mais imprescindíbeis é só un cínico espellismo que oculta a intención da oligarquía de aproveitar a crise para reforzar o seu dominio nos vindeiros anos, por medio do desmantelamento das conquistas sociais e dereitos laborais que quedaban e a anulación da capacidade de presión da clase traballadora, fixando así as condicións de extrema precariedade e explotación que rexirán a seguinte etapa do capitalismo.

O goberno e a patronal merecen unha resposta da máxima contundencia que deteña esta espiral destrutiva. Neste contexto, a CIG realizou un chamamento ao resto de organizacións sindicais para que promovan tamén a folga, se ben CCOO e UGT xa tildaron de “apresurada” a convocatoria. De aquí a xuño poden verse obrigadas a cambiar a súa postura, xa que o goberno español vai profundizar as medidas antipopulares, aprobadas cada venres no Consello de Ministros, e unhas poucas semanas poden representar moitas novidades dramáticas.