A central sindical nacionalista e de clase presentou esta semana o documento elaborado polo seu Consello Confederal no que recolle toda unha serie de medidas para afrontar a crise económica dun xeito que favoreza as maiorías sociais, sentando as bases dun novo modelo social e produtivo.

O documento Políticas alternativas fronte a crise defende entre outras cuestións unha maior intervención dos gobernos na economía, a potenciando os servizos públicos , unha reforma do sistema fiscal que recupere o seu carácter progresivo e unha vinculación efectiva das entidades financeiras coa economía produtiva do país, apostando pola construción un sistema financeiro propio. Fálase tamén da necesidade de aumento do gasto social, e de medidas laborais que freen a escalada de despedimentos e regulacións, ao tempo que se melloran as prestacións para os desempregados ou se implementan medidas xa reclamadas de vello pola CIG, como é o caso do Salario de Inserción Laboral. Por último, a central nacionalista aposta pola superación do actual marco político (constitución e estatuto), de cara a dotar o noso país de capacididade de decisión propia, particularmente en materia de emprego, dereitos laborais e protección social, apostando de novo por un marco galego de relacións laborais.

En definitiva, a CIG detalla toda unha serie de propostas concretas e perfectamente aplicábeis aquí e agora, e que permitirían, mesmo dentro das limitacións impostas polo actual sistema capitalista, responder a crise dun xeito diferente a como o están a facer os gobernos central e autonómico, que pretenden da man da patronal aproveitar a situación económica como unha chantaxe para recortar ainda mais dereitos sociais.

Accede aquí ao documento Políticas alternativas fronte a crise