Así principia a festa da democracia: entre pancadas e insultos nas tebras dunha comisaría. O secretario comarcal da CIG en Ferrol, o noso compañeiro no MGS Xesús Anxo López Pintos, non só foi detido onte no decurso dunha protesta de centos de operarios do naval, senón que tivo que aturar diversas vexacións por parte da Policía Nacional ao longo da noite que pasou na comisaría ferrolá. Cada certo tempo, os policías apresentábanse para agredir, verbal e fisicamente, ao sindicalista, ao que acusan de desordes e resistencia á autoridade, polo que ficou libre con cargos.

A mobilización, que coincidía co comezo da campaña electoral do Partido Popular, tiña como finalidade esixir das institucións unha solución á situación do naval e ao desorbitado aumento do desemprego, nomeadamente na comarca ferrolá. A central sindical xa anunciou que esixirá responsabilidades, tanto da actuación policial na protesta como do acontecido na estación da policía.

O lamentábel suceso deriva dunha realidade incontornábel contra a que batemos día tras día: nas Forzas de Seguridade do Estado non existiu unha ruptura real co período ditatorial anterior, nin depuración total de cargos, inercias e liñas de actuación. Con certa periodicidade reitéranse abusos de poder, violacións de dereitos e agresións diversas, cuxos responsábeis non só non son punidos, senón que son promocionados e condecorados.

Ademais, o Partido Popular manexa unha peculiar e instrumental concepción da democracia. Aínda pensan que a receita ante as mobilizacións populares é tornalas nun problema de orde pública, en vez de solucionar as importantes causas de fondo que obrigan a saír á rúa. No mesmo día de onte, este partido instou á Xunta Eleitoral á prohibir as manifestacións convocadas pola CIG, e hoxe acusaron á central -que se define explicitamente como nacionalista e de clase- de estar politizada, como se fose posíbel defender os intereses da clase traballadora desde a despolitización.

Da nosa parte, transmitimos a nosa solidariedade e apoio ao compañeiro e a nosa repulsa á actuación policial, e instamos á clase traballadora galega a continuar a mobilización contra o criminal saqueo ao que somos submetidos día tras día, sinalando os responsábeis sen medo e reaxindo ante calquera intento de represión ou criminalización.

A seguir podes ver un video onde o propio Pintos relata as torturas sufridas: