Outra das polémicas que teñen marcado a axenda con relación a actuacións que se desenvolven ou van desenvolver no litoral galego é a relacionada coa presentación do Plano de Ordenación do Litoral (POL).

A presentación deste POL é a primeira fase dun calendario que prevé enviar aos concellos e demais organismos envolvidos para redixir e negociar modificacións, unha aprobación inicial, tras as que habería unha fase de exposición pública e finalmente unha aprobación definitiva a finais de ano. Así, o único positivo é que por fin se apresente e calendarice un documento integrador da protección do litoral onde se trate a este integralmente, ainda que o propio PP incumpra as súas promesas de telo aprobado en 2009.

Así pois, o POL non se ten feito público na súa integridade, se non que a distribución de información ven filtrada baixo os parámetros que lle interesan ao PP. A información que existe é sesgada e baseada principalmente nunha fraudulenta comparación coa medida urxente de paralización da construción urbanística na faixa dos 500m, medida que era provisoria á falta deste POL. [1]

Ese é o primeiro ponto rexeitábel deste POL: ainda que a medida de paralización caduca no 17 de maio de 2010, o POL non entrará en vigor até, no mínimo, comezos de 2011. O PP pretende ir levantando esa prohibición “en zonas onde non haxa discrepancias cos concellos”. É dicir, coa cidadanía ainda descoñecedora do POL, vaise poder construir en zonas a vontade dos concello. Non é difícil prognosticar aprobacións masivas de licenzas urbanísticas, contraveñan o POL ou non, para adiantarse pola recorrida via dos factos consumados.

Por outra parte, outro dos pontos escuros é o que atinxe á relación do POL cos Planos sectoriais de diversos tipos; Plano Acuícola, Plano Eólico, etc e ás Directrices de Ordenación do Territorio (DOT). En principio, o POL semella que se aprobará antres das DOT e que ademais deixará vía libre ás actuacións destes Planos na costa, abrindo a mao a calquera ordenación que se aprobe neles, sen fixar restricións de ningún tipo.

Aínda así, e cos dados disponíveis, podemos apontar varios elementos: a pesar da propaganda que fala de este Plano “ordena e non prohibe” (na liña argumental do PP en apresentarse como o defensor da liberdade, na sua concepción pervertida e prostituída da palabra), o certo é que a prohibición de edificación residencial en certas zonas existe, mais esta pasa dos 86.663 m2 anteriores a aproximadamente a metade, 48.602m2, aos que se engadirían 18.541m2 de corredores fluviais, para un total de protección inferior. No resto da superficie ordenada non existe esta prohibición.
É mais, deses m2 de “protección ambiental” na maioria deles xa existía esa prohibición específica e outras a maiores, xa que se encontran dentro da zona de servidume de protección definida pola Lei de Costas: mais do 60% desta restrición aplicase só aos 100 primeiros metros de costa, e é ainda menos restritiva [2]. En concreto, esa prohibición afecta só a un terzo da superfície de solo urbanizável onde existía a moratoria dos 500m (1.220 de 3.339 ha).

Mais o que desvenda, além dos número concretos, as verdadeiras intencións do PP é a afirmación do Conselleiro de Infraestruturas de que a factoria de Pescanova en Toriñán seria “compatíbel” co POL. Se unha fábrica de centos de metros cadrados nun entorno virxe, paisaxisticamente incomparábel e coa máxima protección ambiental (Zona Rede natura 2000, por exemplo), é viável, podemos imaginar que en calquer momento en que os lucros e intereses empresariais, especialmete se son próximos ao PP, colisionen coa protección do ambiente, este será o que saia perdendo. O POL parece entón unha excusa e unha maquillaxe que permita, mediante os baleiros, ocos, omisións,… que se precisen, unha maneira de seguir agredindo a costa.

Así, temos que reclamar un verdadeiro POL que poña na frente a conservación da terra e o patrimonio. Exiximos ademais que se manteña a moratoria dos 500m mentres non sexa definitivamente aprobado o POL, e que este sexa un verdadeiro documento de protección do territorio que impoña restricións a Planos sectoriais agresivos. Só a loita e presión constante do povo galego nestes meses, en todas as instancias posíbeis, pode modificar este documento, e que sirva non de escusa para destrozar a costa se non de protección real.

1  A información hoxe disponíbel pódese consultar nestes tres documentos: nota de imprensa da consellaría, documentación da apresentación do plano, documento de inicio de avaliación estratéxica

2  Acorde cos documentos anteriores e os usos permitidos e prohibidos reflectidos nas informacións da prensa:
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Plan/Litoral/admite/industrias/marinas/spas/areas/protegidas/elpepuespgal/20100131elpgal_6/Tes#despiece1