Resulta que non importa o que xa teñamos camiñado. Piden contención salarial e non importa que o Salario Mínimo Interprofesional no Estado Español (EE) sexa dos mais baixos da Unión Europea nen que a suba dos impostos sobre as rendas do traballo vaia deitar ao lixo o esforzo de tantas e tantos para atinxiren aquel soño envenenado do mileurismo. Piden flexibilización do mercado de traballo e non importa que no EE haxa xa 26 tipos de contratos bonificados, isto é, de cotas empresariais e despedimento subvencionado polo diñeiro común, o noso, o da clase traballadora – que é a clase que paga e sostén todo; nen que, a respeito de 2010, os EREs teñan aumentado en 43%, afectando 18.915 persoas na Galiza até novembro de 2011. Piden internacionalización e non importa que 90% das empresas do país teñan menos de 6 empregadas e que a saída cara á emigración se teña convertido novamente nunha opción preferente para a mocidade formada.

E non importa porque os mercados, eses entes cuxo carácter abstracto parece exculpalos de todo canto fagan e exixan, eses que teñen, contodo, como dicía Sabino Cuadra, nomes e apelidos, polos que debemos sempre, sempre identificalos; eses, exixen máis. Aínda esta semana tivemos que ouvir o representante europeo do Bank of America a dicir que o EE debe reducir o seu xa ridículo nível de proteción sobre os contratos de traballo, que el considera excesivo, claro; e dicir que debe ser prioritario o enfraquecimento dos servizos públicos para fomentar a competitividade das empresas pondo como exemplo, atención: a selección española de futbol! Xa non vamos falar do estúpido do símil, nen dos datos de exclusión social nos Estados Unidos. É inútil. O caso é que, sexa cal sexa o nível de estupidez, os gobernos, con todo o seu aparato, capitulan gostosamente perante os seus amos que, non nos enganemos, non son Alemaña nen os EUA, nen ningún outro país, senón o capital.

É o capital, que, como os mercados, ten tamén nomes e apelidos, quen dispón e ordena, con un único obxectivo. Acaparalo todo. Absolutamente, sen preocuparse polos seus propios damnificados. Marx xa notou como “o capital ten horror á ausencia de lucro. Cando enxerga un beneficio, o capital tórnase ousado. A 20% fica entusiasmado. A 50% é temerario. A 100% enlouquece á luz de todas as leis humanas. A 300% non recúa diante de ningún crime”. E niso estamos, porque das crises sempre houbo, e aínda hai, quen se lucre escandalosamente.

De aí ven a perspectiva de mais unha reforma laboral que, xunto coas outras, como a do sistema financeiro e a da negociación colectiva, servirá apenas para acelerar a concentración dese capital e, derivadamente, do poder. Para iso lánzannos por diante o acordo dos seus peóns, CCOO e UGT, coa CEOE mais desbravada que nunca, envalentada pola fusta do TDT Party e polo colchón cómodo da lexión neoliberal no parlamento español. A sua receita, porén, non muda. Permanece inalterábel e previsíbel. Primeiro, reducir os salarios como norma xeral. A iso chámano “contención salarial”. Despois, aumentar a carga sobre as rendas do traballo. A iso chámano “arrimar el hombro”. Ao tempo, reducir a carga sobre as rendas do capital e camiñar cara ao fin das cuotas patronais e cara ao despedimento gratuito. A iso chámano “incentivo a la contratación”. Polo camiño, destinar máis centos de millóns de euros á especulación bancaria. A iso chámano “favorecer la liquidez del sistema financiero”. De volta, propor ideas peregrinas como suprimir os festivos e as pontes ou como aumentar a xornada dos funcionarios. A iso chámano “fomento de la competitividad”. Para finalizar, aumentar a idade de xubilación. A iso chámano “equilibrar las cuentas del Estado” e tamén “no vivir por encima de nuestras posibilidades”. E, como epílogo, secuestrar a negociación colectiva e permitir e até aplaudir que a patronal poda incumprir sistematicamente os acordos que ela mesma e os sicarios sindicais estatais asinen en Madrid. A iso aínda non o chaman de ningunha maneira, simplesmente, porque o ocultan co seu denso e terrorífico sistema de medios para ditaren a súa opinión pública.

En fin, xa se dixo mais vezes: hai selectos grupos (cada vez menos) moi interesados (cada vez mais) en que as crises se produzan e non só: tamén en que duren todo o posíbel. Grazas a esas crises, póñense en circulación unha densidade de revelacións ultraliberais e transfírense un volume tal de recursos públicos que, sinxelamente, o beneficio que os grandes poderes económicos albiscan supera con moito ese criminal 300% de que falaba Marx. Ao que pase de aí haberá que porlle outro nome. Dependerá de nós non ter que procurarllo.